Tageconomía

Máis debate, máis análise de fondo

Algúns dos organismos económicos internacionais que apostan pola globalización, como o FMI, revisaron á alza o medre do PIB no Estado español pra este e máis o vindeiro ano. Con tal motivo, tanto o Governo central como a Xunta de Galiza botan peito, e reafírmanse nas súas políticas de axuste pra os de abaixo. En realidade, trátase dunha rectificación dunhas décimas, que depende máis do contexto internacional, que das dinámicas económicas internas. Tanto o Governo central como a Xunta, especialmente esta última, teñen pouca ou ningunha iniciativa, aplican as decisións que se toman en Bruxelas, que só cuestionan en casos moi específicos. Só mostran os dentes cando atinxen aos grandes grupos económicos privados, como a banca, a enerxía e as telecomunicacións, con fortes intereses no Estado español e no exterior, como por exemplo na América Latina. En fin, como o papel de socios menores de Alemaña e Francia élles funcional, ceden en determinadas áreas pra garantir noutras a expansión exterior con privilexios. Non é unha cuestión de soberanía.

Continue reading

A Unión Europea e as súas contradicións

As dúas cabezas da Unión Europea andan revoltas. Alemaña, que é a maior economía da UE, xa que ten un PIB de nada menos que 3,263 mil millóns de euros en 2017 (3,934 PPA 2016), conseguiu, despois de moitos atrancos, formar un governo favorábel aos intereses do capital. Mais faino sacrificando o bipartidismo sistémico, que tanto axudou á dar aires de pluralidade a unha democracia formal. O novo governo de Merkel é máis feble que o anterior.

Continue reading

Un novo paradigma chinés?

Que fará China nos vindeiros anos? Esta é sen dúbida a pregunta do millón. Máxime cando no último congreso do Partido Comunista Chinés aprobáronse medidas que implican unha política máis social e ecolóxica. De ser así, resultaría un avance significativo, tanto a nivel interno como polo que representa China no eido internacional. E tería consecuencias a medio prazo no medio ambiente e respecto dun reparto máis xusto do traballo e da riqueza. China é hoxe a maior economía do mundo (co PIB medido en capacidade de merca), xa que Estados Unidos ficou relegado a un segundo posto. E aínda que o seu comercio exterior é moi semellante, a diferencia está en que China ten un importante superávit comercial de 471 mil millóns (en 2016), e os Estados Unidos un déficit de 720 mil millóns. Ao que hai que engadir as grandes reservas de divisas de China, en contraposición á inmensa débeda norteamericana, e o recuar do dólar como moeda de referencia.

Continue reading

Unha banca pública?

Os seis maiores bancos do Estado español non tributaron ren durante a crise. Ou sexa, nun período no que millóns de persoas foron ao paro, comezaron a baixar os salarios e pensións, e se recortaron servizos e prestacións públicas. Como contrapartida, a banca gañou 84 mil millóns de euros e máis de 60 mil millóns saíron das arcas públicas para salvar as entidades crediticias con problemas. Algo que aínda que se pretenda xustificar, é un trato de favor aos sectores máis concentrados do capital, a costa da maioría. Un aumento da explotación que se mantén malia que a crise se dea por superada, en termos macro-económicos, e os beneficios empresariais sexan máis altos que nunca.

Continue reading

O bingo das criptomoedas

Hai medio mes, vendíase un ático en Tarragona por 40 bitcoins. O propietario puxo como condición que a transacción se fixese nesta criptomoeda. O valor era naquel intre equivalente a 550.000 euros. O bitcoin tiña multiplicado o seu valor en poucos meses, e comezou a cotizar no mercado de futuros da Bolsa de Chicago. Pasou pouco tempo, e cando algúns xa daban estas criptodivisas como un substituto das moedas oficiais con respaldo dos estados, o bitcoin encetou un acelerado descenso. Hoxe o valor daqueles 40 bitcoins sería 248.000 euros. O propietario perdeu máis da metade do que gañara. Isto é demostrativo do carácter especulativo das criptomoedas, de que se trata dun xogo de ruleta. Dependen da vontade dos grandes investidores/as e daqueles/as que teñen unha maior cantidade de bitcoins (dos que existe un número limitado). Asemade, as persoas e entidades creadoras destas moedas dixitais permanecen no anonimato.

Continue reading

Portugal, olladas contraditorias

Portugal produce na patronal e nos partidos sistémicos galegos, sexan da dereita ou socialdemócratas, unha actitude contraditoria. No económico, as relacións foron a máis nas últimas décadas. Tanto, que son os terceiros socios comerciais despois do resto do Estado español e Francia. Mesmo son un exemplo para os que buscan baixar salarios. No ámbito cultural e político, as relacións son mínimas, e por suposto moi inferiores ás que houbo durante décadas, especialmente durante o século XIX e principios do XX. Lembremos os Congresos Obreiros Galaico-Portugueses (1902-1903-1904), ou a presenza na Academia Galega de Teófilo Braga, que sería o primeiro presidente de Portugal despois da Revolución Republicana de 1910.

Continue reading

Entre o espellismo e a realidade

Os empresarios/as ligados ao turismo e a Xunta, tanguen as campás, cando afirman que o ano pasado visitaron Galiza cinco millóns de persoas vindas do exterior. Mesmo din que este sector dos servizos xa ten máis importancia que o metal. O falar non ten cancelas! Sendo positivo que exista unha importante afluencia de turistas, porque xera actividade económica e emprego, non se pode ignorar que non é comparábel a sectores como o metal, nen sequera ao automóbil ou ao téxtil. Ademais é unha actividade que trae aparellados problemas, especialmente na Galiza, polo seu impacto na sociedade e no medio ambiente, o carácter temporal e os baixos salarios dos contratos.

Continue reading