Manuel Mera Sánchez.

Nace en 1946 en Seoane, unha aldea rural de Allariz, municipio da provincia de Ourense, en Galiza.

Aos 5 anos emigra á Arxentina (Bos Aires) cos seus pais. Nesta cidade viven medio millón de galegos e galegas.

En 1967 ingresa na Irmandade Galega, da que será secretario entre 1969 e 1972. Organización fundada por Afonso Rodríguez Castelao (máxima figura do movemento galeguista).

En 1968 organízase na Unión do Povo Galego (organización nesa altura inda clandestina), e comeza a militar no partido arxentino Vangarda Comunista, formando parte do seu Comité de Capital Federal en 1972, participando nas tarefas partidarias primeiro no movemento estudantil e logo obreiro e barrial.

Fai estudos de secundaria en formación industrial (técnico electromecánico), e incompletos na universidade, primeiro en enxeñería e despois en socioloxía (compatibilizando os estudos co traballo en distintas fábricas como técnico electricista).

A finais de 1972 volve a Galicia. Funda Estudantes Revolucionarios Galegos (ERGA), que terá un papel importante na formación dos cadros nacionalistas. En 1973 participa na primeira reunión do “Fronte Obreira da UPG”, da que xurdirán os núcleos do sindicalismo nacionalista galego.

En 1978 deixa o seu traballo como electricista na empresa privada, para incorporarse como cadro liberado na recentemente constituída Intersindical Nacional Galega, na que ocupará o cargo de Secretario da provincia de Pontevedra. A partir de 1980 pasa a formar parte da Executiva da Intersindical Nacional de Traballadores Galegos (INTG) que se forma pola unificación da ING e CTG. A partir de 1987 ata 1994 será o seu Secretario Xeral. Nese ano a INTG e CXTG unifícanse, dando lugar á Confederación Intersindical Galega (CIG) polo que pasa a ocupar o cargo de secretario confederal -preside o congreso e o Consello Confederal- e a partir de 1997 é designado Presidente da central, cargo que ocupará até o ano 2001. Foi membro da Executiva Confederal da CIG  desde a súa fundación até o seu V Congreso Confederal, celebrado en xuño de 2009.

Foi parte da AN-PG, posteriormente do BN-PG e milita no Bloque Nacionalista Galego (BNG) desde a súa fundación en 1982.

Actualmente é Director da Fundación para o Estudo e Divulgación da Cuestión Social e Sindical en Galiza (FESGA), entidade dependente da CIG, sendo ademais o Secretario no seo do seu Padroado.

Ten publicados preto duns 2.000 artigos, especialmente en publicacións diarias, desde o primeiro artigo en 1968 en A Nosa Terra.  Na actualidade é columnista nos xornais La Región, Diario de Ferrol, Xornal de Galicia e Galicia Hoxe, así mesmo participa semanalmente nun debate radiofónico sobre temas de actualidade.