traballo

Lembranza e actualidade do dez de marzo

Marzo 7th, 2017  |  Published in| the_category Historia, mov.obreiro, traballo

O 10 de marzo de 1972, ao atopar pechadas as portas da factoría como resposta patronal ao conflito polo convenio colectivo, os obreiros de Bazán dirixíronse en numero de catro mil á ponte das Pías. Ao chegar á altura das “casas baratas” foron interceptados pola policía que lles ordenou dispersarse. Non obedeceron. E a resposta dos “grises” foi disparar sobre persoas indefensas, que pra se defender guindaron pedras e agocháronse onde puideron. As balas segaron a vida de Daniel e Amador, e feriron a varias ducias de persoas que foron levadas ao hospital polos seus compañeiros. O réxime, a ditadura, mesmo colocou un barco de guerra apuntando os seus canóns á ponte das Pías, pra impedir que os operarios de Astano se lles unisen.

Read the rest of this entry »

E agora súmase a inflación

Febreiro 23rd, 2017  |  Published in| the_category economía, neoliberalismo, traballo

Na Galiza, o IPC medrou en computo anual ate xaneiro de 2017 o 3,2%. Practicamente o dobre que un mes antes. Este dado contrasta co aumento das pensións nun 0,25% e dos convenios colectivos en aproximadamente un punto no último ano. Neste contexto o movemento obreiro terá que se mobilizar moi fortemente para evitar seguir perdendo poder adquisitivo. Agora ben, sería un erro que o sindicalismo só se centrase nos salarios, porque a presión fiscal e as prestacións e servizos públicos tamén inciden sobre o ingreso. E, en ambos os casos, durante a crise houbo un forte axuste en prexuízo da clase traballadora, mentres aumentaban as achegas ás empresas, mesmo para a súa deslocalización, coa escusa da competencia. Daquela que aumentase a desigualdade e a precariedade, que mesmo traballando se pode ser pobre, e que a concentración da riqueza e do poder non teña parangón dende antes da Segunda Guerra Mundial.

Read the rest of this entry »

1977, un ano de conquistas populares

Febreiro 21st, 2017  |  Published in| the_category Historia, mov.obreiro, nacionalismo, sociedade, traballo

A loita do movemento obreiro obrigou a ditadura de Franco (morto en 1975) a crear novos marcos legais cos que procurar conter a protesta social ascendente. Tamén empurrou no mesmo sentido na etapa posterior da Transición. Deste período temos a Lei de Convenios Colectivos de 1973, o Decreto Lei de Conflitos Colectivos de 1975, a liberdade de organización de sindicatos e a lei que eliminaba as restricións ao dereito de folga no ano 1977. A abertura destes espazos de legalidade pra expresar as reivindicacións da clase traballadora non estivo exenta de accións represivas contra as mobilizacións. Por exemplo, as manifestacións do 1º de maio de 1977 non foron permitidas, e as concentracións foron reprimidas, producíndose máis de 50 detencións.

Read the rest of this entry »

Solucións artificiosas

Febreiro 18th, 2017  |  Published in| the_category economía, mov.obreiro, traballo

A iniciativa lexislativa popular sobre unha renda mínima garantida, presentada por CC.OO. e UGT, foi admitida a trámite no Congreso do Estado español, e contou co apoio de todos os partidos, agás o PP e Ciudadanos (non estaban presentes os partidos cataláns). Esta iniciativa pretende garantir unha renda a todas as familias que ingresen menos de 5.387 euros ao ano. Estas centrais españolas calculan que esta axuda indefinida deberíaselle conceder a 2.402.695 persoas, das que 105.187 na Galiza (un 4,37%). Outras das condicións son: que residan de forma ininterrompida durante os seis meses anteriores á solicitude no Estado español, ter entre 18 e 65 anos de idade, non percibir prestacións por desemprego, e atoparse inscrito cando menos durante os últimos doce meses como demandante de emprego.

Read the rest of this entry »

Dúas propostas singulares e positivas

Febreiro 10th, 2017  |  Published in| the_category economía, neoliberalismo, traballo

Coincidindo co pico da tarifa eléctrica do pasado mes e o cumio de presidentes de comunidades e nacionalidades presidido por Rajoy, para axustar o modelo de financiamento autonómico, o BNG volveu incidir nas súas propostas de tarifa eléctrica e de concerto económico. Sen dúbida, en ambos os casos trátase de medidas alternativas que singularizan a fronte diante doutras forzas políticas. Porén o fundamental é que ambas as propostas serían beneficiosas para os intereses económicos e sociais de Galiza. Facendo unha breve análise:

Read the rest of this entry »

Os prexuízos económicos e laborais de estar na UE

Febreiro 9th, 2017  |  Published in| the_category europa, globalizacion, neoliberalismo, traballo

Galicia é a rexión máis prexudicada pola entrada de España na Comunidade Económica Europea (CEE). O escaso nivel de desenvolvemento desta rexión, a forte dependencia da economía dun sector agropecuario escasamente produtivo e as serias restricións impostas polo Mercado Común a dúas das principais producións galegas (leite e carne) van supoñer un serio impacto negativo, a curto prazo polo menos, para este país”. Así escribía El País o 16 novembro 1985. Non era polo tanto só o nacionalismo galego o que avaliaba a entrada no Mercado Común Europeo como unha ruína do povo galego, aínda que fose quen o denunciaba con máis claridade dando folgos á mobilización. Mais as outras forzas e os medios de comunicación limitaban o impacto ao período inicial e a algúns sectores. E mesmo, algún partido nacionalista defendía que a integración afrouxaría a dependencia do centralismo españolista, favorecendo a economía e a identidade nacional galega.

Read the rest of this entry »

Non hai tanto que o agro fervía

Febreiro 2nd, 2017  |  Published in| the_category globalizacion, neoliberalismo, soberania, traballo

O 28 de febreiro de 1987 unha multitudinaria manifestación (estimada en cen mil persoas) percorría as rúas da cidade da Coruña en oposición á cota láctea imposta como consecuencia da entrada no Mercado Común Europeo no ano 1986. A cota implantárase no MCE desde o ano 1984, co pretexto de a produción ser superior á demanda. Para Galiza, onde o sector estaba en plena expansión debido a que o mercado do Estado español era deficitario, esta limitación significou unha mazada. Atrancábase o noso desenvolvemento e impedíase tirar rédito dos investimentos, en beneficio dos países con excedentes lácteos, que xa formaban parte do Mercado Común (Alemaña, Francia, Países Baixos).

Read the rest of this entry »

Máis do mesmo

Xaneiro 31st, 2017  |  Published in| the_category economía, neoliberalismo, sociedade, traballo

Aproveitando a publicación da Enquisa de Poboación Activa (EPA), o Goberno gábase dos bos resultados no emprego. Mais esquece que aumentou o traballo temporal e a tempo parcial e baixou o salario medio. E tendo en consideración que o PIB foi semellante o ano pasado ao que existía no inicio da crise, resulta evidente que a recuperación fíxose a costa da clase traballadora, que perdeu participación no total da renda. Segundo dados de 2016, foi no Estado español onde máis medrou a desigualdade durante a crise, entre os países da OCDE. Só superado por Chipre. Asemade, hai menos ocupados e medrou a porcentaxe de contratos a tempo parcial. Non é precisamente para estar contentes, máxime cando a falta de autocrítica de Rajoy amosa que as políticas económicas e laborais serán máis do mesmo durante esta lexislatura.

Read the rest of this entry »

Metendo medo coa robotización

Xaneiro 26th, 2017  |  Published in| the_category mov.obreiro, neoliberalismo, traballo

Desde o inicio da crise, as mensaxes do poder dirixidas á clase traballadora puxeron o acento en que había que facer sacrificios para recuperar a economía. Así crearíase emprego e todo volvería ser como antes: salarios e prestacións públicas. O ano pasado o PIB volveu aos niveis de 2008, o ano de inicio da crise. Mais as taxas de desemprego son máis elevadas, malia a emigración e a baixa natalidade, e aumentou a precariedade, a xornada laboral, a presión fiscal e reducíronse os salarios e as prestacións sociais. Como contrapartida aumentaban os beneficios empresariais, e os moi ricos sono cada vez máis. Neste retroceso das condicións de vida da clase traballadora (2/3 das familias teñen problemas para chegar a final de mes) foron fundamentais as reformas laborais e das pensións, a lei mordaza, e a machada á negociación colectiva.

Read the rest of this entry »

Caracterizando a conxuntura

Xaneiro 22nd, 2017  |  Published in| the_category globalizacion, Internacional, mov.obreiro, neoliberalismo, soberania, traballo

Estamos nunha conxuntura. Ou sexa, nun intre incerto entre dúas etapas, no que non se pode dar por decidida a correlación de forzas no futuro, e polo tanto o carácter da próxima etapa. Aínda así, sabemos que o imperialismo está representado hoxe polos Estados Unidos e aliados, que son hexemónicos. Mais a tendencia actual favorece, de se manter, as potencias emerxentes no ámbito económico e no militar (aínda non no eido financeiro e da información). Sabemos que este bloque emerxente non ofrece un sistema alternativo, senón que procura un novo reparto do poder e da riqueza no plano territorial, tamén no papel das culturas, das linguas, da información. Sabemos que o mundo afronta graves problemas ambientais, de esgotamento de recursos, demográficos, e migracións masivas forzadas polas características do capitalismo. Sabemos que a especulación, a economía delituosa, a guerra, a precariedade e a desigualdade, non son unha anomalía senón parte substancial do sistema. Sabemos que o capitalismo, for na versión máis expeditiva ou na keynesiana, non é quen de frear nin resolver estas eivas, atrancos e miserias, porque está na súa etapa senil. Tal como se reflicte na queda da taxa de máis-valía, o que provoca que os beneficios empresariais só se podan consolidar mediante unha maior explotación da forza de traballo e opresión dos povos.

Read the rest of this entry »

Ollo! As estatísticas non son imparciais

Xaneiro 6th, 2017  |  Published in| the_category economía, traballo

Desde que comecei a ter interese na cuestión política, sendo un mociño, dinlle moita importancia aos dados estatísticos, porque permitían contrastar as vivencias persoais cunha avaliación da realidade que podía ser máis obxectiva. Esta tendencia a procurar unha base estatística para a análise fortaleceuse na Universidade de Bos Aires participando na actividade política nunha esquerda marxista que todo o contrastaba. Mais as enquisas non reflicten sempre con exactitude a realidade económica e social, xa que as persoas que as elaboran non viven á marxe dos intereses políticos e económicos. De aí que unha utilización mecánica conduce moitas veces a realizar valoracións que acaban sendo erradas, que non contribúen ou mesmo poden restar ao obxectivo liberador. Non é un tema secundario, máxime cando aspectos como a loita de clases e a cuestión nacional son temas moi sensíbeis, centrais para consolidar a hexemonía do capitalismo.

Read the rest of this entry »

Homes e mulleres

Decembro 13th, 2016  |  Published in| the_category soberania, sociedade, traballo

Dinos Ángeles Caso no seu libro Ellas Mismas, que: “De feito a Idade Media foi unha das épocas menos patriarcais de todas as da Europa cristiá, e a presenza feminina en traballos que agora nos parecen tipicamente masculinos, como a ferrería ou a condución de carretas e carros, está de sobra acreditada”. Fago mención a este texto porque amosa que o papel da muller na sociedade tivo avances e retrocesos, como o tiveron outros aspectos sociais, ou tamén a relevancia dos distintos povos do mundo. Ás veces confundimos o avance científico e técnico, co progreso da humanidade en termos de igualdade, soberanía e xustiza. E non sempre é así.

Read the rest of this entry »

Orzamento e salario mínimo

Decembro 9th, 2016  |  Published in| the_category economía, publico, traballo

Aumentar o salario mínimo nun 8%, incrementar unha milésima máis do previsto a capacidade de gasto para as nacionalidades e autonomías, e con seguridade, algunha outra “cesión” menor do PP, son as escusas que necesitaba o PSOE. E deste xeito poder cumprir a súa parte dos compromisos do axuste coa Unión Europea e as grandes corporacións empresariais. Non é unha novidade, este foi o guión que seguiu con González e Zapatero cando exerceron o governo, e a razón para botar a Pedro Sánchez da dirección do partido. Seguramente tamén lle darán algunha compensación a Ciudadanos, para que se gabe da súa capacidade de presión diante dos seus seguidores e asegurar o apoio incondicional que lle vén prestando ao PP. Polo tanto, a dereita ten garantida a aprobación das contas globais dos orzamentos para 2017.

Read the rest of this entry »

A cuestión está no reparto

Decembro 6th, 2016  |  Published in| the_category economía, mov.obreiro, traballo

Coa escusa do elevado déficit público e das esixencias da súa redución pola Comisión Europea, o Goberno comezou a dar os primeiros pasos pra un novo axuste. Xa se anuncian subidas nos impostos especiais que afectan ao consumo. Dado que se trata de produtos, como o tabaco e as bebidas, o aumento pode ser razoábel. Mais, chama a atención que se exclúan as rendas altas deste maior esforzo fiscal, xa que un imposto directo como o IRPF non se vai modificar, malia que a súa reforma en 2014 supuxo nestes dous anos pra o Estado, unha perda de 6 mil millóns de euros.

Read the rest of this entry »

Un sistema que alenta a desigualdade

Decembro 1st, 2016  |  Published in| the_category globalizacion, neoliberalismo, traballo

O aumento da desigualdade entre clases e entre territorios non é unha casualidade, nen unha catástrofe medioambiental, senón consecuencia directa de políticas que protexen os intereses dos máis ricos, das corporacións, ou sexa, dos mesmos que causaron ou alentaron a crise. O retroceso nas condicións laborais era o seu obxectivo. Aproveitouse a escusa da competitividade empresarial nun “mundo globalizado”. Mais, ao mesmo tempo, alentouse o medre da man de obra de reserva (desemprego, inmigración), a deslocalización empresarial, unha maior explotación laboral (salarios máis baixos -un 8,9% menos de media por hora-, temporalidade, ritmos máis intensivos e xornadas máis longas), a regresión fiscal impositiva, e a redución dos servizos e prestacións públicas (pensións, desemprego, dependencia, etc.).

Read the rest of this entry »