globalizacion

Preguiza e desigualdade

Novembro 17th, 2017  |  Published in| the_category economía, globalizacion, neoliberalismo, traballo

Segundo afirma o presidente da CEOE, Juan Rosell, nunha entrevista que lle fai o Faro de Vigo: “temos unha lexislación que te empurra a facer horas en negro”. E engade, que non se poden subir os salarios porque non medra a produtividade, xa que os traballadores/as carecen da formación necesaria, culpando desta eiva os operarios e operarias e o sistema educativo. Ou sexa, que segundo el o aumento da produtividade non depende esencialmente da tecnoloxía e da investigación, da mellora da calidade e das redes comerciais. Esquece de xeito consciente que ter persoal mal pago e carente de alicientes, porque se quere rendibilizar ao máximo e a curto prazo o capital investido, prexudica á produtividade. En resumo toda a responsabilidade sería da clase traballadora que está chea de “persoas paradas, que se quedaron no chanzo de abaixo e non queren subir”. A desigualdade social é, para el, un problema individual, consecuencia da preguiza, en claro contraste cos/as emprendedores. Rosell recoñece que hai máis factores, mais estarían nun lugar secundario.

Read the rest of this entry »

Rusia, o novo coco

Novembro 16th, 2017  |  Published in| the_category comunicación, globalizacion, Internacional, militarismo, neoliberalismo

Na época na que eu vivía na Arxentina, cando a situación social e laboral estaba moi tensa, fose con gobernos radicais ou de dereita, e sobre todo nas etapas de ditadura, axiña daban a voz de alarma de que albiscaran ou tiñan sospeitas de que había un submarino ruso (soviético) nas extensas e pouco protexidas costas do País. Evidentemente nunca houbo probas de tales feitos. Eran unha escusa para desviar a atención dos problemas internos, xustificar a merca de armamento, e tomar medidas restritivas.

Read the rest of this entry »

A globalización estanos afogando!

Novembro 7th, 2017  |  Published in| the_category globalizacion, neoliberalismo, traballo

Segundo as estatísticas que ofrece o IGE encol da Multilocalización Empresarial na Galiza, das 1408 empresas con máis de 50 empregados/as que realizaban actividades no País, 323 tiñan a súa sede noutra comunidade autónoma. Ou sexa, un 23% do total. Aínda que o realmente significativo, ademais do seu peso na mediana e grande empresa, é que controlaban nada menos que o 34,1% da actividade económica (e polo tanto dos beneficios). Agora ben, pra termos unha idea máis achegada da incidencia do capital exterior, cómpre lembrar que hai moitas empresas con sede na nación galega que son propiedade de capital foráneo. Como exemplo diso temos dúas emblemáticas: Abanca e Pescanova.

Read the rest of this entry »

Os incendios como síntoma

Outubro 24th, 2017  |  Published in| the_category globalizacion, natureza, neoliberalismo, sociedade

A gravidade dos incendios producidos a pasada fin de semana, pon de manifesto comportamentos delituosos, así como responsabilidades políticas. Asemade, verificouse que a solidariedade é un valor que non se perdeu na nosa sociedade. Os lumes abrangueron practicamente toda Galiza, con perdas humanas, danos en casas e edificacións, explotacións agrícolas, no espazo forestal e na paisaxe. Días antes xa ardera moito territorio, por exemplo na provincia de Ourense, alertando de que unha variación meteorolóxica adversa podía crear un desastre.

Read the rest of this entry »

A democracia española: represión, mentiras, ameazas…

Outubro 20th, 2017  |  Published in| the_category democracia, globalizacion, nacionalismo, soberania

O Presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker, xustificaba que non van aceptar a independencia de Cataluña, co argumento de que esta reclamación de soberanía poderíase alargar a outras “rexións” da Unión Europea. Non é por causa da “legalidade española”, nen do método seguido, ou de que se debería contar cunha determinada maioría. A cuestión de fondo é que vai contra a filosofía da UE de non aumentar o número de estados membros fragmentando os territorios que hoxe abrangue. Evidentemente, este criterio foi contrariado cando se trataba de expandir a UE a costa da antiga Iugoslavia, ou da URSS. No entanto, aplicouse tamén no caso de Bélxica, freando as aspiracións dos flamencos a dotarse dun estado propio. En poucas palabras, as clases dominantes axen en función dos seus intereses. Están de acordo co criterio da autodeterminación cando lles é funcional e permite a súa expansión a costa dunha forza rival, e en contra cando lastra a “unidade de mercado”. Unha unidade que lle permite aumentar a taxa de beneficios eliminando peaxes, lexislacións proteccionistas, etc.

Read the rest of this entry »

As tres crises

Outubro 5th, 2017  |  Published in| the_category democracia, globalizacion, neoliberalismo, soberania

Existe unha crise económica e social, que se expresa na especulación, na corrupción, na desigualdade entre nacións e entre clases sociais, na precariedade e a pobreza, e na desfeita da natureza. Unha crise que non se pode agochar nen canear co avance tecnolóxico, malia todas as súas virtudes e marabillas.

Read the rest of this entry »

Recreando o far west na ONU

Setembro 26th, 2017  |  Published in| the_category globalizacion, Internacional, militarismo

A intervención de Donald Trump na Asemblea Xeral da ONU foi, en varios aspectos, negro sobre branco a respecto da que realizou o secretario xeral deste organismo, o portugués, António Guterres. Este último denunciou a desigualdade social e territorial crecente, alertou da ameaza do terrorismo, do reto da innovación e das consecuencias do cambio climático. Asemade, destacou que o uso da destrución nuclear non se pode aceptar, nen sequera como ameaza. Ou sexa, Guterres puxo en valor os conceptos de paz, entendemento e respecto entre povos, que deron orixe á Sociedade de Nacións e logo ás Nacións Unidas, para evitar a repetición de novas guerras.

Read the rest of this entry »

Interdependencia entre pensións e salarios

Setembro 19th, 2017  |  Published in| the_category globalizacion, neoliberalismo, sociedade, traballo

As noticias reflicten estes días que as pensións perderon un 1,35% do seu valor respecto de 2016. Foi así porque o seu crecemento de 0,25% ficou por baixo do medre do IPC. Agora ben, a este descenso hai que sumar o dos últimos seis anos: – 7%. O Governo pretende que esta tendencia regresiva se manteña ate o 2022. Tampouco dá garantías de que despois vaia ser distinta. O pretexto é que baixaron os ingresos á Seguridade Social debido á crise, e que as xubilacións medran máis rápido que a recadación do sistema, ao que engaden a queda demográfica. Este diagnóstico carece dunha visión de conxunto, e ten un obxectivo premeditado: xustificar o transvase dos recursos da clase traballadora (activa e inactiva), ás rendas do capital, que non paran de inzar.

Read the rest of this entry »

O referendo deixa espida a esquerda española

Setembro 15th, 2017  |  Published in| the_category europa, globalizacion, nacionalismo, soberania

Resulta evidente que coa convocatoria do referendo catalán aumentaron as contradicións no Estado español, en prexuízo das clases dominantes. Hai quen coida dende a esquerda, nunha análise algo mecanicista, que son confrontacións que se dan no seo da burguesía, ignorando que ficamos nunha etapa na que o imperialismo está no seu máximo desenvolvemento, e supera o marco nacional, especialmente cando non se trata de grandes potencias. Segundo esta análise simplista, trataríase de diverxencias menores, que terían como un dos seus obxectivos colocar nun segundo plano a contradición fundamental, a de clase. Claro que, para que isto fose así, o proceso de independencia en Catalunya debería estar dirixido pola burguesía catalá. Mais os grandes grupos empresariais desa nación traballan arreo para manter a unidade co Estado español. Asemade, todo indica que Ciudadanos é un axente creado ex professo polas clases dominantes catalás, dada a deriva de PDeCAT e a pouca credibilidade do PP en Catalunya.

Read the rest of this entry »

A guerra siria entra nunha nova fase

Setembro 11th, 2017  |  Published in| the_category globalizacion, Internacional, militarismo, soberania

Todos os actores presentes no escenario sirio ficaron sen dúbida sorprendidos pola rapidez coa que o exército gobernamental, coa colaboración da aviación e da mariña rusas, foi quen de superar as defensas do Estado Islámico na cidade de Deir-Ez-Zor. Hai que ter en consideración, que nesta urbe, a máis importante do leste de Siria, e cunha parte ocupada, concentráronse as tropas do EI que fuxiron de Mosul e doutras partes de Iraq. Falábase mesmo de que ía ser a capital do Califato, en substitución de Raqqa. Trátase dunha cidade estratéxica, no centro da zona petroleira máis importante de Siria, próxima á fronteira iraquí, e formando parte da franxa densamente poboada do río Éufrates.

Read the rest of this entry »

O terrorismo como feito sistémico (… e o Pazo de Meirás)

Setembro 9th, 2017  |  Published in| the_category globalizacion, militarismo, terrorismo

Nunha entrevista a Richard Labévière, escritor e xornalista franco-suízo, encol do seu último libro O terrorismo, a cara escura da globalización, dá unha contestación que resume ben a súa tese: “Hoxe, a globalización ten tres consecuencias principais: rompe os estados-nación, os servizos públicos e as políticas de redistribución social. A globalización contemporánea é a carreira a prol dos cartos como primeiro obxectivo! Pois ben, esta carreira polo diñeiro ten unha vinculación vital, esencial e consubstancial co terrorismo” (https://www.rebelion.org/noticia.php?id=231034).

Read the rest of this entry »

Rematou o axuste laboral?

Setembro 5th, 2017  |  Published in| the_category economía, globalizacion, traballo

O Governo central está contente, inzado de optimismo, xa que medran o PIB, o emprego e os ingresos fiscais. O crecemento supera as previsións previas, tamén no referente ás exportacións de bens e servizos. Agora ben, aparecen algunhas diverxencias. Mentres Fátima Báñez di que chegou o momento de recuperar os salarios, Luís de Guindos chama a manter a austeridade, pra consolidar o crecemento. Non expresan diferenzas de fundo, só falta de coordinación. Ou que o Ministro de Economía fai de “poli malo”. A postura de De Guindos é sen dúbida a oficial.

Read the rest of this entry »

Redeseñando o mundo (coas armas)

Agosto 31st, 2017  |  Published in| the_category globalizacion, militarismo, neoliberalismo

Segundo o informe de xullo do Fundo Monetario Internacional, a economía mundial crecerá este ano nun 3,5% e nunha decima máis no seguinte. Sería un comportamento mellor que o dos últimos anos. A India superaría a China no medre do PIB, a zona euro seguiría estancada, e Rusia deixaría atrás os números vermellos. Pola súa banda, o Estado español retrocedería na porcentaxe do seu crecemento. Mais estas previsións, tal como está o mundo, hai que collelas con reservas. Non se pode ignorar que a confrontación entre potencias, con tensións localizadas e manobras militares provocadoras, teñen unha finalidade económica e de poder.

Read the rest of this entry »

Terrorismo e modelo de sociedade

Agosto 29th, 2017  |  Published in| the_category globalizacion, militarismo, neoliberalismo, terrorismo

Os ataques terroristas que se suceden en varios estados da Unión Europea non se poden identificar como efectos da práctica da relixión musulmá. Non son o produto da confesión relixiosa dos que executan esas accións tan salvaxes. O vinculo hai que buscalo na inxerencia occidental en varios países árabes. Na destrución do seu tecido produtivo con milleiros de vítimas, na expropiación dos seus recursos naturais e na creación de protectorados. Tamén na actitude político-relixiosa fundamentalista de determinadas monarquías petroleiras que, por razóns xeo-estratéxicas e de complicidade de intereses económicos, contan co consentimento das potencias occidentais que forman parte da OTAN. Non se pode obviar, por exemplo, o papel da ultraconservadora monarquía da Arabia Saudita na prédica e expansión dunha interpretación agresiva do islamismo. Tampouco se pode ignorar o seu papel nas guerras de Libia, Iraq, Siria e Iemen, coa axuda de Catar e dos Emiratos Árabes. E por suposto, a alegría de Israel, porque isto permítelle consolidar a ocupación de Palestina, xa que hai décadas que non está en perigo a súa existencia como estado.

Read the rest of this entry »

Que tipo de turismo queremos?

Agosto 26th, 2017  |  Published in| the_category economía, globalizacion

Para alén do acerto ou non da resposta dalgúns grupos á masificación turísticai, este debate chegou para se manter, mentres non se lle dea unha solución axeitada a un problema que causa descontente en sectores cada vez máis amplos da povoación residente. Sen dúbida, o turismo provoca o aumento dos prezos na hostalaría e no aluguer de apartamentos, naqueles lugares nos que existe unha invasión dos lugares públicos, ou cando menos daqueles máis céntricos. Dende o Governo central, a Xunta de Galiza e a patronal, especialmente a ligada ao sector, arguméntase que se trata de lugares e momentos moi puntuais, e que o turismo é unha actividade moi importante para o medre do PIB. Seica no caso de Galiza xa representa máis dun 10% do PIB. E por suposto, ponse unha grande énfase na xeración de emprego, porque se sabe que esa é unha cuestión sensíbel entre as clases populares.

Read the rest of this entry »