Nada indica que as decisións do poder xudicial relacionadas con aspectos que cuestionen o sistema, tanto dende o ámbito político, como laboral, social ou cultural, estean á marxe das forzas e ideas dominantes. É verdade que hai excepcións, mais non modifican a tendencia hexemónica. É certo que a Lei mordaza e outras reformas na lexislación vixente, estreitaron o marco de opinión, mais resulta evidente que en moitas resolucións dáse unha interpretación restritiva das liberdades democráticas, dos dereitos laborais, do valor da vontade popular, tanto se no ámbito da loita de clases como no eido dos dereitos das nacionalidades históricas. Cando a propia caracterización legal as recoñece como suxeitos colectivos dende antes do nacemento disto que se chama Estado español.

As condenas de prisión a rapeiros e a persoas que expresan opinións cuestionábeis nas redes, criminalizan as ideas inconformistas. A condena a tres anos de prisión aos traballadores Carlos e Serafín, por participar nun piquete informativo durante a folga do transporte, é unha sentenza exemplarizante en beneficio do capital. A detención preventiva sen unha condena firme de dirixentes políticos e de institucións na Cataluña, representantes da vontade popular, non se pode xustificar nunha violencia e rebeldía que non existiu (ao quedar en suspenso a independencia no mesmo momento que se proclamou).

A dureza e a presa dos xuíces/as ao cargo destes casos, contrasta coa demora e a debilidade coa que se procede diante da corrupción política dos partidos sistémicos, e co feito de que os empresarios que participan e incentivan estes comportamentos case sempre quedan excluídos das penas de prisión. Algo está fracasando no quefacer do poder xudicial, cando ademais de aplicar a lei, esta se reinterpreta segundo a ideoloxía de quen afecte. Ademais, creando norma por riba da vontade do povo, con respecto aos dereitos e deberes, usurpando o papel da política.

Hai quen achaca á torpeza do PP, e a que Ciudadanos aguilloa no tema alentado as paixóns españolistas, que a conflitividade en Cataluña chegase a este punto, por non lle dar unha resposta política a tempo e xudicializar o conflito. Coido que hai algo de certo nestas análises. Porén, a cuestión é máis fonda e ven de antes. O traspaso de competencias á Unión Europea fíxose a costa das autonomías, baleirándoas de contido en aspectos esenciais. Por se non abondase, reforzouse a actitude centralista en relación coas culturas e linguas propias das nacionalidades históricas, nun contexto de gran concentración e centralización dos medios de comunicación, amosando os límites do sistema autonómico pra defensa do máis elemental. Daquela, o problema non está só no financiamento, como algúns destacan, aínda que este sexa central pra sectores que todo o pasan pola lente dos cartos. A cuestión é que o sistema autonómico non evita nas nacionalidades periféricas, o retroceso nos dereitos básicos e atranca o desenvolvemento. Nalgunhas, isto vai mesmo acompañado do retroceso demográfico e do PIB en relación co Estado, como na Galiza. E as medidas xudiciais e represivas van agudizar estas contradicións.

Ate onde chegará a confrontación, nun contexto tan complexo, onde a tensión entre potencias vai a máis, e a desigualdade entre clases e entre territorios non deixa de medrar? O Governo central, e por extensión o Estado, é o único con capacidade pra sacar ferro ao conflito, avanzando cara un sistema confederal, que permita un pacto territorial baseado na autodeterminación. Un pacto que inclúa o reparto do traballo e da riqueza, igualdade e maior protección social e dereitos democráticos, defensa dos ecosistemas. Se cadra sexa moito soñar. Mais, o capitalismo está senil, e fan falla cambios radicais.

Artigo publicado en La Región o 4 de abril de 2018