Son dos que pensa que o nacionalismo catalán, cando menos os partidos con maior peso electoral, valoraron incorrectamente o carácter do capitalismo na súa fase imperialista. Polo tanto, tamén o fixeron co papel máis simbólico que real dos mecanismos democráticos, e sobre cal era a correlación de forzas na práctica, tanto en Cataluña, como no Estado español e na Unión Europea. Ademais, nesta conxuntura, no contexto mundial, a confrontación entre potencias pola distribución da riqueza e do poder acadou unha intensidade que non deixa moita marxe ao diálogo, á negociación, en case ningún ámbito, a menos que ao imperialismo non lle quede outra alternativa. Así o amosan as guerras de Oriente Medio, e as sancións económicas cada vez máis comúns contra as potencias e países que desafían a orde imperial, ou que procuran manter políticas soberanas.

O proxecto que defende o capital aposta pola eliminación das fronteiras, por manter os vellos estados para eliminar as culturas autóctonas carentes de poder, e garantir a aplicación da orde neoliberal. Os governos contan para esta tarefa cunha colaboración e presenza cada vez máis salientábel do poder xudicial (que non esta suxeito ao control popular). Tal como se reflicte no conflito catalán, máis tamén na Arxentina e Brasil, evitando que Cristina Fernández e Lula poidan ser os referentes da oposición nas vindeiras eleccións, por poñer dous dos exemplos máis coñecidos. Os dereitos e garantías democráticas son reinterpretados polo/a xuíz de turno, protexendo os intereses das clases e estados dominantes. As sentencias progresistas son excepcións e serven para manter o verniz democrático. Que ocorra deste xeito non é casual, responde á orixe de clase destes sectores, e fundamentalmente á correlación de forzas existente na sociedade, co recuar dos partidos de esquerda, das forzas sindicais, e dos movementos de liberación nacional.

Que neste contexto os partidos nacionalistas cataláns coidasen que era posíbel a independencia, por métodos democráticos, sen ocupar decote a rúa, e sen confrontar cos medios represivos do Estado, reflicte un alto grao de utopía. Non abonda con gañar eleccións por maioría (e esta debe ser folgada), nen con realizar algunhas mobilizacións masivas, mesmo que superasen a calquera outras na Unión Europea. Facía falla unha militancia combativa e organizada. Facía falla un partido revolucionario! Sobrevalorouse o carácter democrático do sistema, e existiu unha gran inocencia a respecto do papel que ían manter o resto dos estados que integran a Unión Europea. Esta é unha dura ensinanza para os movementos de liberación nacional en Europa e para a esquerda.

Porén, o anterior non é o aspecto principal a salientar, aínda que se trate dun erro e sexa necesario corrixilo. A tarefa prioritaria neste intre, o que cómpre analizar e socializar, para poder avanzar, para conseguir aumentar o nivel de conciencia e gañar a complicidade do povo, é deixar patente a quen serven e como se utilizan o poder xudicial, as forzas represivas, e os medios sistémicos, para torcer ou esmagar a vontade popular e nacional. Ou sexa, a democracia existe só para aquilo que é funcional ás clases dominantes. Daquela que hai máis de catro décadas o movemento nacional popular galego reivindicase unha democracia popular.

Neste aspecto, o pasado 23 de marzo, o BNG destaca acertadamente nun comunicado: o “seu apoio e solidariedade a todas as persoas inxustamente encausadas”. E engade: “o encausamento destas persoas baixo a acusación dun delito de rebelión (que pode conlevar penas de prisión de até 30 anos), é unha aberración en termos políticos, mais tamén en termos xurídicos xa que este é un delito que para que se produza, necesariamente, ten que existir violencia. En todos estes anos, se por algo se ten caracterizado a mobilización política en Cataluña, é polo seu civismo e formas absolutamente pacíficas”. En poucas palabras, as decisións xudiciais, condenan as opinións con detencións previas a sen ter xulgado o presunto delito. O que implica unha limitación clara das liberdades públicas, máxime tratándose dun presunto “delito” de opinión ou acción política.

Un reaxer autoritario por parte do poder xudicial, co apoio ou complicidade dos partidos sistémicos, que tamén se fixo evidente nas condenas a rapeiros e outras persoas do mundo do espectáculo, así como nas que afectan a unha morea de activistas sindicais (lembremos o caso de Carlos e Serafín), e a todas aquelas mostras de oposición á monarquía. A nota do BNG reclama ademais “o dereito de todos os pobos do mundo a poderen decidir libremente o seu futuro”. Unha esixencia que concreta especificamente unha saída negociada e pacífica, que permita a Galiza, Euskal Herria e Catalunya decidir, libre e democraticamente, o seu futuro podendo expresar con plenas garantías o tipo de relación que queren manter ou deixar de manter co Estado español”.

O sábado pasado, despois do pleno, o presidente do Parlamento de Catalunya, Roger Torrent, propuña unha fronte unitaria de partidos e organizacións sociais. Tomaba a iniciativa política, por vez primeira dende o procés, formulando esta declaración institucional na defensa da democracia e dos dereitos fundamentais, á que se sumaron Junts per Catalunya, Esquerra Republicana, Catalunya en Comú e a CUP. No pronunciamento afírmase que encarceran os que non renuncian aos seus ideais, nun claro ataque á democracia. Pídese asemade que termine a aplicación do 155. Non participaron do acto o PP, Ciudadanos e o PSOE, aínda que Miquel Iceta recoñecía que os encarceramentos eran esaxerados. Esta actitude deixaba en evidencia, máis unha vez, a ligazón que ten o PSOE co proxecto da dereita na defensa do Estado único, como noutros debates tamén o fixo no relativo á monarquía, así como cando se trata da defensa dos alicerces do capitalismo.

Unha fronte a prol da democracia é unha iniciativa acertada, xa que busca o maior arroupe posíbel contra un ataque sen precedentes contra liberdades fundamentais, co consentimento da UE. Unha acción por parte do Estado que ten como obxectivo suplementar advertir ao nacionalismo (tamén en Euskadi e Galiza) que non hai votos abondo para conquistar a soberanía, con todo o que isto implica na actualidade e no futuro. Polo tanto, todo fai pensar que se inicia unha nova fase, na que o prioritario para o independentismo catalán será derrotar o bloque españolista e autoritario, para abrir espazos democráticos. E para iso, necesita tecer complicidades no resto do Estado, especialmente nas nacionalidades históricas. O nacionalismo galego xa realizou durante o procés pronunciamentos e mobilizacións, entre as que destaca a convocada en Compostela o 30 de setembro de 2017. Sen dúbida este movemento de solidariedade collerá un maior pulo neste intre no noso país. Agora ben, entendo que aínda sendo moi grave o que sucede en Cataluña, non se pode ignorar que a represión tamén se estende á clase traballadora, a sectores da cultura e, con métodos moito máis sutís, ao uso normal da nosa lingua e a divulgación da nosa cultura e historia. A mellor campaña na Galiza, a que máis pode acumular e concienciar, será a que denuncie e unifique con exemplos claros todos estes recortes democráticos e esixa a ampliación das liberdades.

Artigo publicado en Sermos Galiza 27-31 de marzo de 2018