A decisión de Trump de aumentar os aranceis a produtos chinos, que representan un 12% do seu comercio exterior con Estados Unidos, formaba parte do seu discurso electoral. Porén, ninguén esperaba que chegase tan pronto e de xeito tan contundente, xa que non houbo negociacións previas. Aínda que a ruptura do tratado de comercio transpacífico, e a renegociación do NAFTA, así como o constante recurso as sancións económicas, deixaban en evidencia que este era un tema que seguía na recámara.

Esta disputa imperialista, polo reparto da riqueza e do poder, foi precedida por un maior intervencionismo militar, a demonización nos medios de comunicación das potencias competidoras (China, Rusia, Irán, etc), para preparar o terreo. Queríase xustificar unha confrontación económica que terá custes para todas as partes, e moi especialmente para o sector agrario norteamericano. Este país, por unha banda importa bens industriais e pola outra exporta tecnoloxía e produtos agrícolas.

A disputa está esencialmente centrada en China, aínda que Trump xa dixo que a súa pretensión tamén é equilibrar o comercio con outros países, como Alemaña e Xapón, cos que mantén unha estreita alianza militar. As sancións contra Rusia son parte desta confrontación, na que Washington quería chegar a este momento co eixo Rusia-China debilitado, dado o que implica no ámbito económico e militar a unidade de ambas potencias. Resulta evidente que non o conseguiu. E que Estados Unidos, e as potencias aliadas máis comprometidas coas súas aventuras militares, Reino Unido e Francia, non están obtendo os resultados esperados en Siria.

Todo indica que, de vagar, vanse poñendo atrancos ao comercio exterior, con todo o que isto implica no ámbito político, militar, da comunicación, económico e mesmo empresarial. A incógnita é se esta dinámica terminará dividindo o mundo en dous ou máis bloques, como acontecía durante a período anterior á caída da Unión Soviética, co engadido dunha serie de potencias rexionais e países manténdose á marxe da confrontación. Neste caso, non se suprimiría a globalización senón que se imporían límites territoriais. A outra opción, é se a confrontación terminará dando pulo a economías autocentradas, e empresas máis ligadas ao consumo local e rexional, fortalecendo a soberanía. Non se podía obviar que todo cambio trae aparellados problemas de adaptación. Mais pode terminar sendo beneficioso se permite que os pobos, e non as corporacións, podan decidir realmente o seu futuro. Todo está aberto.

Artigo publicado en Diario de Ferrol o 29 de marzo de 2018