Lendo hai uns días un artigo de Michael Roberts, sobre as empresas de propiedade pública, este daba un dato que contradí a idea dominante, cando menos nos países occidentais, a respecto de que estas son sinónimo de mala xestión. O economista británico afirma que “a industria estatal en realidade é un modelo económico de éxito” (http://www.sinpermiso.info/textos/modelos-de-propiedad-publica-para-un-futuro-cercano). Destaca que entre as cincocentas empresas internacionais de maior rendibilidade, a proporción de empresas públicas pasou do 9% en 2005 ao 23% en 2015. Dinos que isto é resultado en boa medida do éxito das empresas estatais chinas.

Lembra Roberts que non se trata dunha excepción, porque foron as empresas públicas as que lle permitiron ás economías de Asia Oriental, a creación dunha importante base industrial, e como consecuencia, o avance histórico destes países, que hoxe teñen un papel destacado no ámbito internacional. Ou sexa que este progreso foi consecuencia “da planificación estatal e da propiedade pública que modernizaron, investiron e protexeron estas economías fronte ás multinacionais estadounidenses”. Engade que a esta premisa sumouse, dado que son países inseridos no sistema capitalista mundial:man de obra barata, a falta de dereitos laborais, e a adopción de tecnoloxía estranxeira”. Hai que dicir que o forte investimento estatal e o desenvolvementismo, mesmo nos chamados catro tigres asiáticos (Corea, Taiwan, Singapur e Hong Kong), levouse adiante contra a postura do Fundo Monetario Internacional (FMI).

Tampouco se pode ignorar, cando se compara a actividade empresarial pública coa privada, que moitas das grandes corporacións privadas obteñen inxentes beneficios, máis pola súa propia dimensión que pola súa eficacia. O tamaño permítelles impoñer condicións monopólicas, así como obter trato de favor por parte dos governos na fiscalidade, axudas á contratación, exportación ou para a modernización, e eludir impostos con mil trucos, entre eles os paraísos fiscais. Outro aspecto que se debe valorar ademais é que, en moitos casos, as redes de transporte e os prezos da enerxía establécense en función destas grandes empresas privadas e para beneficialas. Hai que engadir que na Galiza, a esta altura, están en mans de capital foráneo na súa maior parte.

Asemade, non se pode esquecer que o Governo central foi ao resgate do sector bancario no Estado español, con cartos públicos, reflectindo como se premia a mala xestión. Argumentar que as caixas eran entidades semi-públicas, e que este foi un factor esencial na creba de case todas elas, ignora a súa subordinación ás corporacións privadas e grandes fortunas, e como esta dependencia se incrementou durante a globalización neoliberal, mediante todo tipo de normas impostas polo Banco de España. Ademais, ou non foi intervida a dirección, ou foron privatizadas unha vez superada a situación de creba.

Malia toda a propaganda de medios de comunicación e grupos de presión do capital a prol da xestión privada, hai servizos, como a sanidade e educación, e prestacións esenciais, como as pensións, desemprego, dependencia e outras, que a inmensa maioría da povoación desexa que sexan prestados e xestionados por entidades públicas. Porén, coa colaboración ou consentimento dos partidos sistémicos, como intermediarios do capital, sucédense as iniciativas para facer destes negocio privado, con todo tipo de argumentos e camuflaxes. Cando estas áreas son vitais na loita contra a pobreza e a discriminación. Un retroceso grave e preocupante, máxime cando existe un aumento tan grande da desigualdade entre clases e territorios, e un medre da corrupción política e fraude empresarial, asociada á vivenda e á xestión privada de servizos e prestacións públicas.

Polo tanto, a defensa do sector público, e a recuperación daqueles servizos que foron privatizados na súa xestión, é unha batalla esencial para conquistar unha sociedade máis xusta. Mais, sería un erro, reducir o debate entre o público e privado, exclusivamente a estes servizos e prestacións esenciais, cando hoxe hai outras actividades que son fundamentais para as clases populares e mesmo para as pequenas e medianas empresas. Servizos como banca, seguros, enerxía e auga, telecomunicacións e transporte (como mínimo) son prestacións vitais que deberían estar nacionalizadas, que cómpre afastar da especulación, da cobiza do capital. Sectores económicos que deberían servir para dar pulo ao medre da economía e á creación de emprego, algo que hoxe non sucede, xa que estas empresas son grandes exportadoras de capital.

Non se pode obviar que nestes sectores é nos capital obtén maiores lucros como consecuencia do seu carácter monopólico (agochado baixo un falso verniz de “libre competencia”). Por exemplo, o comportamento do Banco Central Europeo ou da Reserva Federal dos Estados Unidos, imprimindo billetes a esgalla e prestándollos á banca privada a un tipo de interese cero, ou sexa inferior á inflación, implica unha subvención encuberta (que afecta negativamente aos/as aforradores). Ademais estas entidades tamén se lucran cos préstamos que outorgan como intermediarios ás familias, empresas e governos, a xuros moi superiores aos que obteñen o diñeiro. Políticas que se practican tamén con outras actividades económicas controladas por corporacións que se aproveitan dun consumo engaiolado, en beneficio das grandes fortunas e altos directivos/as. Non se pode falar dunha política económica e social que procure un reparto xusto do traballo e da riqueza sen dar o debate entre o público e o privado, sen acoutar a especulación, fraude, trato de favor, e a enxeñaría fiscal para eludir impostos e canear a legalidade.

Estas propostas, este debate, de ampliar o sector público deben comezar por aqueles sectores da economía onde os efectos negativos son máis evidentes para as clases populares (prestacións básicas, altos xuros, inseguridade dos aforros, perdas dos pequenos accionistas, prezos esaxerados, falta de competencia real, carencia ou malos servizos, etc.). Sobran argumentos para que estas empresas nas que a o carácter depredador do capital é tan evidente sexan nacionalizadas. Ademais dependen totalmente do consumo interno. Non afectaría directamente o comercio exterior de bens. Aínda que resulta evidente que son un importante poder económico, con incidencia nos medios e con fortes ligazóns co capital mundial, e que non é unha batalla doada. Mais, o fundamental, contarían co apoio e complicidade da maioría, e construirían soberanía nacional e popular.

Artigo publicado en Sermos Galiza o 20-24 de marzo de 2018