Ate hai uns días, todo facía pensar que os principais temas de debate eran a problemática catalá e a corrupción, e sobre todo, cuestións de tanta transcendencia como: a degradación dos salarios, o aumento da precariedade, a perda de valor das pensións e a privatización dos servizos públicos. Porén, malia o afastadas que están as eleccións xerais, Podemos decidiu facer unha fronte común con Ciudadanos para reformar a Lei electoral. Non se lle pode restar importancia ao tema, xa que co criterio actual, os votos non teñen igual valor en todas as provincias, en beneficio dos partidos maioritarios sistémicos, e impúxose un chanzo inferior que exclúe as forzas minoritarias. Mesmo así, é este o momento máis oportuno para esta iniciativa?

Todo parece indicar que con esta proposta, e coa procura dun acordo con Ciudadanos, Podemos pretende botar terra sobre a súa postura durante o procés en Cataluña. Intentaría deste xeito recuperar o voto centralista, que perdeu por non apoiar con claridade o “bloque constitucionalista”, en realidade dun españolismo reseso. Asemade, con este acordo o partido de Albert Rivera sae moi favorecido, porque suma lexitimidade democrática grazas ao aval de Podemos, malia a súa postura regresiva en relación aos dereitos das nacionalidades históricas, e á cuestión laboral ou a prol do intervencionismo imperialista. Daquela que un aliado de Podemos, como Xosé Manuel Beiras, manifestase unha postura critica, aínda que as Mareas e Anova calaron.

Neste aspecto, tamén se manifestou o BNG, que pide o recoñecemento das autonomías como circunscrición electoral, baixar a porcentaxe mínima para entrar no parlamento, e respectar a proporcionalidade. Como Podemos, pide a redución da idade para votar aos 16 anos, e que o voto se alargue aos estranxeiros. O primeiro destes aspectos deberíase estudar. Sobre o segundo tema, entendo que se debe esixir un tempo mínimo de residencia, ou sexa, que exista unha ligazón e compromiso cos problemas que afectan ao país. En moitas nacións esíxese un mínimo de 5 anos.

O voto é un dereito con valor, que non se pode ofrecer gratuitamente, que debe xerar obrigacións (tamén para o exercicio do mesmo no estranxeiro, por aquelas persoas que adquiriron a nacionalidade no exterior). Por iso, malia criarme na emigración e vivir dúas décadas fóra, coido que hai que diferenciar entre o dereito ao voto, e as facilidades para obter o permiso de traballo e cobertura dos servizos esenciais para os que deciden retornar ou migrar.

Artigo publicado en Diario de Ferrol o 22 de febreiro de 2018