Todo indica que o aumento do PIB, que xa supera as cifras de antes da crise, non repercutirá positivamente nas clases populares, e moi especialmente na clase traballadora. O desemprego, aínda que baixou nos últimos anos, mantense en porcentaxes superiores ás de 2009. Os salarios baixaron en termos reais. Aumentou a eventualidade e o emprego a tempo parcial. As pensións tamén perderon poder adquisitivo, e a fiscalidade reduciuse pra as grandes fortunas e as empresas, dando folgos á desigualdade. E, por se non abondase, un servizo tan esencial como é a sanidade, foi dando pasos atrás, tanto no copago de medicamentos, como na redución de medios nos hospitais e centros de atención primaria.

No relativo a este servizo básico, as modificacións que a Xunta quere introducir na Lei de Saúde son un importante paso atrás. Daquela que a resposta de traballadores/as do sector e dos afectados/as fose unha morea de mobilizacións, ás que se lle sumaron propostas da oposición no Parlamento Galego sobre o tema. Entre as manifestacións cabe destacar a de miles de persoas en Compostela o pasado 4 de febreiro convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública. Agora ben, ate agora, nen as protestas masivas, nen as proposicións dos partidos da oposición, conseguiron que o Governo Galego amosase disposición ningunha a reconsiderar a reforma regresiva que propón.

A reforma da lei que quere levar adiante o PP implica a eliminación das áreas sanitarias de Monforte, A Mariña, O Barco de Valdeorras e O Salnés, así como avanzar na privatización da sanidade, ao considerar o sector privado como complementario do público. A Federación da Saúde da CIG denuncia a este respecto que: “dende o ano 2009 pecháronse máis de 700 camas (ás que habería que engadir as camas non operativas no período estival) o que provoca que os/as doentes pendentes de ingreso pasen máis de 48 horas nos servizos de urxencias e un incremento das listas de espera cirúrxicas (…) Segundo a proposta, as persoas doentes teñen que aceptar o centro que se lles ofreza (…) ademais e mesmo podería ser un centro concertado privado, se así o decidise o/a afectado, con dereito ao reembolso. Ou sexa favorécese á derivación á sanidade privada”.

Os sindicatos denuncian asemade que nos últimos nove anos suprimíronse máis de dous mil postos de traballo do cadro de persoal na sanidade pública, cubríndose estas prazas en situacións extremas con contratos por días e mesmo por horas, o que deu pulo á precariedade e ao deterioro da prestación. E poñen como exemplo, o caso do servizo de traumatoloxía do hospital de Verín, no que dous dos catro profesionais marcharon, cansos de encadear contratos temporais, e a proposta da xerencia pra solucionar esta eiva, seica foi a de contratar unha empresa privada pra cubrir o déficit. Esta tendencia irá a máis, xa que a nova Lei de Saúde suporá afastar a atención sanitaria dos afectados/as, pois reduce a atención que dan os hospitais comarcais ao centralizar os servizos nas cabeceiras de provincia.

Sen dúbida, a sanidade pública mantén aínda un nivel de atención que se pode considerar aceptábel, en boa medida pola profesionalidade dos traballadores/as. Mais coas medidas que se están a tomar non está garantido que esta situación se poida manter no futuro. A privatización da xestión dalgunhas áreas xa afecta á calidade do servizo, como por exemplo as comidas, limpeza e seguridade. Ademais a construción dos novos centros coa mediación de empresas privadas multiplicou o custo, deixando hipotecas que terán que pagar os futuros governos galegos. Tampouco se pode obviar que a reforma da sanidade é unha cuestión moi importante e necesita dun gran consenso. O PP non pode esquecer que a súa unha maioría electoral, sendo lexítima, só representa o 30% do electorado.

Artigo publicado en La Region o 6 de febreiro de 2018