Non hai información certa sobre cal vai ser a postura definitiva dos partidos independentistas en Cataluña en relación coa elección da presidencia da Generalitat e do novo governo. Mais non semella que se repita o proceso anterior. Se fose así, permitiríalle ao Estado español manter a intervención da autonomía, co risco de reforzar as forzas centralistas, especialmente Ciudadanos, na próxima convocatoria electoral, que neste caso podería ser inmediata.

Todo indica que Puigdemont e os partidos independentistas están aproveitando o momento ao máximo, para poñer en evidencia diante da Unión Europea e do mundo, que o Estado español ten un elevado déficit democrático, así como a vontade manifesta do povo catalán a prol da independencia. Fanno denunciando que se vulnera o dereito a decidir, e deixando en evidencia as decisións do poder xudicial – claramente arbitrario en relación cos dirixentes cataláns detidos – e as súas intervencións. Estas pretenden dirixir o país, máis que xulgar as posíbeis ilegalidades das decisións da Generalitat. A decisión do xuíz do Tribunal Supremo negándose a pedir a extradición a Dinamarcade Puigdemont, alegando máis razóns de estratexia política que de índole penal (evitar que este se presente á Presidencia), reforzan esta hipótese. Agora ben, a táctica do independentismo (a do ex-President) ten un límite temporal, despois do cal se abre unha fase distinta de rectificación. E isto inclúe a maioría dos partidos de Cataluña, e destes en relación co Estado español. O procéss tal como fora deseñado terminou. A conquista da independencia con esta folla de ruta non ten máis percorrido.

Resulta evidente que o procéss amosou a vitalidade do soberanismo en Cataluña, mais tamén os seus límites, nun contexto de regresión de dereitos laborais e políticos como o existente na Unión Europea. E nunha disputa tan aguda entre potencias, non é secundario que todas aposten pola globalización neoliberal. Porén, o procéss tamén reflectiu as eivas do independentismo catalán: carecer de sindicatos propios, de partidos revolucionarios de masas dotados dunha organización férrea, capaces de disputar a rúa no día a día, de converter a confrontación política nun conflito social. Claro que neste caso, dirase, interviría o exército. É verdade, mais non se chegou a manter a máxima presión posíbel. Ao Governo español non lle fixo falla, e as actuacións da policía e a garda civil foron mínimas. Non houbo rebelión, por máis que a fiscalía, por interese ideolóxico, pretenda recrear esta imaxe. Se cadra ten que habela para conquistar a independencia.

Todas as partes, e moi especialmente o soberanismo, necesitan reflexionar, realizar unha análise de conxunto. E todo amosa que deben fragmentar e reducir o bloque españolista, que se converteu nun factor interno de presión importante. Non é unha cuestión menor. Neste aspecto, Ciudadanos axe como cerna deste bloque, mesmo mantendo a postura máis agresiva contra o independentismo. Propón unha forte recentralización, co traspaso total ou no máis substantivo, da sanidade e da educación. Lembremos que as autonomías, especialmente as que teñen o carácter de nacionalidades históricas (como Cataluña, Euskadi e Galiza) foron perdendo competencias nas últimas décadas. Unhas polas transferencias á Unión Europea, outras polas leis de Unidade de Mercado, de Defensa da Competencia, etc.

Neste escenario e nesta conxuntura, é necesario e urxente realizar rectificacións na folla de ruta para avanzar nos dereitos nacionais. Tanto para aumentar a base do independentismo catalán, fortalecendo as expectativas de conquista da soberanía, como para reverter o proceso recentralizador españolista. Unha tendencia, esta última, regresiva, e que colle folgos coa globalización neoliberal que se alarga a todos os aspectos da vida, encetando polo multiculturalismo, o individualismo, a lei do mercado, as privatizacións. Esta tendencia maximiza a concentración e centralización da riqueza e do poder, que ademais é consubstancial co capitalismo como sistema. Daquela a interdependencia entre modelo económico e soberanía, e entre a loita de clases e a cuestión nacional. E dado que a independencia xa non é un feito inmediato, nen a curto prazo, a loita pola soberanía perdería fortaleza se non está unida na mensaxe, nas propostas e nas mobilizacións a cuestións urxentes para a maioría social. Como por exemplo: o reparto xusto do traballo e da riqueza (salarios, precariedade, pensións, dependencia, desemprego, etc), os dereitos democráticos, e a construción dunha economía autocentrada e sostíbel, etc.

Asemade, neste intre e nestas condicións obxectivas e subxectivas, o soberanismo catalán necesita forxar unha alianza estratéxica co nacionalismo vasco e galego (como mínimo). Para o centralismo non é o mesmo confrontar co independentismo catalán que facelo con todas as nacionalidades históricas, e aqueles territorios que procuren un maior grao de soberanía. Ademais, debería gañar a complicidade dunha boa parte da sociedade española, especificamente das súas clases populares, ou cando menos neutralizala. E por suposto, manter unha relación moi activa co resto das forzas antisistémicas na UE e no resto do mundo. E para esta folla de ruta teñen un gran valor propostas no ámbito económico-social, como son as condicións laborais e sociais, e as relativas á nacionalización de sectores estratéxicos (banca, enerxía, telecomunicacións), e asemade debilitar o bloque globalizador e neoliberal coa saída do euro, da OTAN, e da propia UE. Alternativas que deben estar asociadas ao recoñecemento do carácter plurinacional do Estado e do dereito a decidir das nacións que o integran.

A folla de ruta que leva ao éxito, non sempre é o camiño máis corto, nen sequera o que ten as luces máis brillantes, nen é produto da autoafirmación. Debater, analizar, ter propostas, folla de ruta, política de alianzas, métodos de traballo, construír organización, disputar os espazos públicos, é esencial. Non todo é unha cuestión de estado de ánimo, nen da teimosía. Tamén conta mudar estratexicamente a correlación de forzas, así como contexto interno e externo. Claro que semella lóxico e coherente, que se nalgún intre se abre unha posibilidade de avanzar na constitución dun estado independente, o nacionalismo aproveite esa conxuntura para conquistar a plena liberdade. Polo tanto a folla de ruta debe fortalecer sempre a loita a prol da liberación nacional e social como obxectivo estratéxico. Mais hoxe, o contexto pecha máis que abre as portas. E dende este escenario é que o independentismo ten que avanzar. Sendo así. Non terá que se fixar pasos previos que lle garantan as condicións subxectivas necesarias? Non deberá conquistar chanzos intermedios e esperar a que se dea a situación obxectiva máis acaída no plano interno e externo? Penso que seguramente o independentismo catalán xa ten debatidos estes temas, así como definida unha nova folla de ruta. Ou máis dunha, tendo en consideración o carácter plural, tamén no ideolóxico, do nacionalismo na Cataluña. En poucas semanas teremos as respostas.

Artigo publicado en Sermos Galiza 30 de xaneiro- 2 de febreiro 2018