Unha das cargas máis pesada e inxusta, que afecta especialmente ás mulleres das clases populares, é aquela relacionada co coidado das persoas maiores. É unha tarefa solidaria que en moitos casos hipoteca anos de vida, xa que significa sacrificar moitas horas de lecer ou as necesarias para as relacións sociais e sentimentais. Sei que hai casos nos que está actividade recae nos homes, mais resulta evidente que son unha minoría (entre un 16% e 20%). A atención das persoas maiores ou con algún tipo de discapacidade recae sobre todo nas fillas, nais e esposas, nas mulleres.

No caso concreto das persoas maiores, este tema agravouse coa diminución dos/as integrantes das familias, coa incorporación masiva da muller ao ámbito do traballo remunerado (algo xusto), e coa desfeita do mundo rural. Agora ben, como todo cambio nas relacións e comportamentos sociais, hai medidas que poden dar avío a esta problemática. Ao meu entender, para alén de que os homes teñan unha maior participación nestas tarefas, o fundamental é contar con residencias públicas para a terceira idade, capaces de atender toda a demanda existente, así como reducir ao mínimo o tempo de resposta ás solicitudes por incapacidade e dependencia, axuda a domicilio, etc.

Cómpre socializarmos a idea de que as persoas de idade avanzada terminen os seus últimos anos de vida en centros nos que van recibir todas as atencións profesionais de xeito constante, afastándonos das visións propias doutras épocas e dunha realidade económica e composición social distinta. Especialmente cando son situacións de dependencia que requiren unha adicación especial, ou se trata de persoas que están soas.

Vivimos tempos nos que medra a desigualdade, nos salarios e nas condicións laborais, como estratexia para concentrar a riqueza e o poder, con efectos regresivos sobre as pensións, as axudas sociais e os servizos públicos esenciais. Porén, o Estado debe garantir, como mínimo, ademais dun traballo e dunha pensión digna, que as persoas con algún tipo de dependencia conten coa atención pública acaída. Non vale o argumento da falta de recursos. Non é verdade, xa que cando lle interesa aos poderosos, procúranse; como no caso do salvamento de bancos e caixas por 63 mil millóns de euros. Por non falar de que os gastos militares exceden sempre os orzamentos previstos. Nestes casos entendese como algo normal as axudas, por máis cuantiosas que sexan. O Goberno debe mudar de prioridades poñendo o acento na protección e na xustiza social!

Artigo publicado en Diario de Ferrol o 1 de febreiro de 2018