A Ministra de Emprego e Seguridade Social Fátima Báñez propón que o período de tempo pra o cálculo das pensións de xubilación atinxa toda a vida laboral, e que o/a afectado/a elixa aqueles anos que o beneficien. O período sobre o que se calculan hoxe, é de 21 anos. No 2022 aumentará a 25. Semella unha proposta positiva, máxime cando hai tanta precariedade e déronse tantos despedimentos de persoas de máis de 50 anos. Mais ten trampa, e beneficiará a unha minoría, xa que deberán ter máis de 38 anos cotizados, e só poderán seleccionar cinco. Ademais, non se pode ignorar que as pensións aumentaron un 0,25% cando a inflación o fixo en 1,6% no ano 2016 e 1,2% no 2017. Dende o ano 2013, perderon 3,5 puntos de capacidade adquisitiva.

De querer realizar reformas xustas cos/cas xubilados, tendo en consideración que teñen detrás unha vida de entrega ao traballo, moitas veces en condicións moi duras, o período de cálculo debería ser o dos mellores 15 anos cotizados, e a idade de xubilación aos 65, e non aos 67 como vai ser en pouco tempo. Ou sexa, cómpre dar marcha atrás nas reformas regresivas do ano 2006, durante o Governo de Zapatero, e nas do 2011 co PP. Daquela que os chamamentos de Pedro Sánchez á mobilización soen a demagoxia, se non realiza unha autocrítica.

Todas estas propostas e declaracións dánse nun contexto no que as centrais sindicais e organizacións de pensionistas veñen denunciando o recorte dos ingresos, e facendo concentracións e manifestacións. Sen dúbida sobran as razóns pra protesta, xa que as pensións son moi baixas en moitos casos, os gastos da Seguridade Social superan os seus ingresos, e o Fondo de Reserva está practicamente esgotado. Ou sexa que a viabilidade non está garantida. Os analistas calculan que na vindeira década, as pensións baixarán outro 15% como media, de continuar con estas políticas.

Os ingresos do sistema público de pensións están estreitamente relacionados coas condicións de traballo, xa que é un modelo de solidariedade entre xeracións. E non se pode obviar que lesionaron este sistema as reformas laborais regresivas, a deslocalización empresarial, a importación de mercadorías a prezo de dumping, así como o incremento da man de obra de reserva (aumento do desemprego e da xornada real e inmigración masiva), que contribuíron a degradar os ingresos dos asalariados/as. Ademais, débense engadir na suma regresiva, as horas extras polas que non se cotiza (e paga), e as subvencións ás empresas e autónomos/as a costa dos ingresos da Seguridade Social.

Tampouco é unha solución, a que se propón dende o sector financeiro: optar polos Fondos de Pensións privados. Primeiro, porque debido á precariedade e baixos salarios, moitas persoas non terían a menor posibilidade de acceder a eles. Segundo, porque a práctica demostrou que son un negocio prás empresas que os administran, xa que estas sempre cobran pola xestión (o 1,14% como media), aínda que a rendibilidade sexa negativa ou mínima, como sucede coa maioría deles. No Estado español, no ano 2016 a metade dos fondos tivo perdas. E pra os 1.300 fondos existentes a rendibilidade media foi negativa (-0,36%).

O modelo de pensión non admite cambios ao chou, como por exemplo substituír este sistema solidario interxeracional por outro no que cada persoas acumule pra súa xubilación. Non só porque sería un modelo insolidario. Quen pagaría neste caso as pensións dos actuais xubilados, se os/as ocupados no presente teñen que acumular pra o seu propio futuro? As pensións actuais e futuras están estreitamente unidas ás condicións laborais da clase traballadora (salarios, contratos, xornada, etc). Trátase de reivindicacións que están intimamente relacionadas. E as centrais sindicais deberían ter neste tema un papel determinante.

Artigo publicado en La Región o 23 de xaneiro de 2018