O economista e comentarista político indiano (e marxista), Prabhat Patnaik realizaba unha reflexión de moito interese sobre reforma e revolución, nun recente artigo publicado no sitio web Resistir.info (http://resistir.info/patnaik/patnaik_27dez17.html). Ten interese porque trata axeitadamente e dun modo sinxelo, cal debe ser a relación entre as loitas por reformas coa estratexia revolucionaria. E para alén de coincidirmos ou non coas valoracións que fai sobre Syriza e o PC de Grecia, ou sobre aspectos concretos da situación na India, coido que define axeitadamente como debe ser esta relación para avanzar cara a ruptura, e conquistar transformacións económicas, sociais e democráticas.

A relación entre as propostas reformadoras e o proxecto revolucionario é, sen ningunha dúbida, unha cuestión fundamental para o nacionalismo de esquerda, dado que só é posíbel conquistar a liberación nacional e social mediante a ruptura co actual sistema, recobrando así a soberanía no plano político, económico, social, cultural. Non se pode obviar que non existe burguesía nacional nos países dependentes e subalternos (mesmo aqueles cunha independencia formal). Este déficit súmase ao feito de que as novas soberanías (e moitas das vellas) son consideradas un atranco no proceso de concentración imperialista, co argumento de que impiden o libre mercado. Mais ignórase esta escusa cando a esixencia de independencia por parte de nacións sen estado propio afecta aos intereses de potencias adversarias ou a países que non controlan. Por iso fan causa común contra a independencia de Cataluña, mentres apoian ou pechan os ollos cando se dividiu Iugoslavia, Libia e, de facto, Siria e Iraq.

Asemade, débese ter en consideración, cando se valora o papel do movemento de masas e das loitas reformistas, que os procesos revolucionarios a través da loita armada están en vía morta ou foron derrotados neste intre (especialmente en Europa e América Latina). Polo que calquera cambio estará sustentado na mobilización social, a hexemonía no ámbito das ideas, e na conquista das institucións políticas. Tampouco se pode ignorar que a esquerda antisistémica está á defensiva, sobre todo en Europa. Isto acontece, ben porque se converteu en reformista na súa práctica, ou sexa que se axusta ás regras e límites do sistema, ou ben porque a súa praxe se sustenta en propostas e métodos de traballo exclusivamente estratéxicos que a afastan da maioría social.

Polo tanto, a cuestión está na relación dialéctica entre reforma e revolución, como destaca Patnaik no seu artigo, no que conclúe que: “Perder qualquer oportunidade de pressionar os limites da ordem existente que pode vir a ser o caminho da esquerda, seja a nível de estado ou nível nacional, através do sistema eleitoral (…), também equivale a ignorar a dialéctica entre reforma e revolução. É tratar a revolução como uma matéria do amanhã para a qual hoje devemos permanecer “puros” sem nos envolvermos na política confusa do “hoje” mesmo que esta nos ofereça a possibilidade de pressionar os limites do sistema. Assim, deixa-se de ver que pressionar “hoje” contra as fronteiras do sistema aumenta as perspectivas de um”amanhã” revolucionário”.

A diferenza substantiva co reformismo non está exclusivamente en contar cun programa con obxectivos estratéxicos contra a opresión e a explotación. A esquerda rupturista debe contar propostas de reformas que son urxentes para as clases populares. Ou sexa medidas necesarias para este período, a nivel local, sectorial e nacional. Propostas que, por coherencia, deben ser ambiciosas, e superar os límites que as clases dominantes se fixan para conceder reivindicacións evitando o conflito. Só deste xeito é posíbel que o movemento popular exerza toda a súa presión para forzar as fronteiras da orde existente, e vexa na práctica as diferenzas entre os distintos proxectos partidarios, sindicais. Tamén implica que o partido e os representantes institucionais, especialmente nos parlamentos, amosen na praxe que están polo cambio, que é certo o que din defender en programas e actos internos. Trátase de facer da actividade cotiá unha escola política.

Cómpre aclarar que, sendo medidas reformistas, ou sexa que serían aceptábeis teoricamente neste sistema, que nalgún intre formaron parte do seu discurso e mesmo algunhas foron postas en execución no capitalismo, neste momento son consideradas antagónicas para os intereses das clases dominantes e as potencias hexemónicas. Daquela que exista unha confrontación con alternativas como independencia, estado confederal, a nacionalización de sectores estratéxicos, a empresa pública, o cooperativismo, etc. Na práctica, neste tempo histórico, as clases dominantes apostan polo centralismo e a concentración da riqueza e do poder, e pola propiedade ou xestión privada de todo tipo de actividade. Todas as loitas da clase traballadora e doutras camadas populares que revertan este modelo, constitúen chanzos para o cambio sistémico. Ou sexa, para unha sociedade sen explotación e opresión, á que chamamos socialismo. Evidentemente, para que exista unha relación dialéctica entre reforma e revolución é necesario vincular as propostas concretas, sectoriais e conxunturais, co proxecto estratéxico, dándolle unha resposta de totalidade. Rexeitando así o estrutural-funcionalismo, tal como analizaba hai unhas semanas neste xornal dixital, nun artigo onde recollía unha valoración de Lukács sobre esta cuestión.

En base á reflexión anterior, neste intre e neste espazo concreto, a observación que se debe facer é se a xestión que as forzas rupturistas realizan nos concellos transfórmase logo en avance da conciencia nacional e de clase, e en máis organización e povo mobilizado. O propio se pode dicir noutros ámbitos, como o sindical, veciñal, agrario, estudantil, cultural etc. Tamén ten relevancia, e moita, se a presenza nos parlamentos enlaza coas problemáticas e as sensibilidades da base social, e se se converte ademais nun polo de referencia que dá folgos á mobilización e protagonismo ás clases populares. Se non é así, por máis entrega e boa vontade que exista, por máis optimismo que se transmita nos medios propios e alleos, algo estaría fallando, e hai que debatelo e solucionalo. Se cadra, unha das chaves estea na relación dialéctica entre reforma e revolución, e este non sexa só un problema na India.

Artigo publicado en Sermos Galiza dixital 16-19 de xaneiro 2018