As protestas en Irán poñen ao descuberto as contradicións sociais do modelo iraniano, que combina unha postura antiimperialista con teocracia e políticas neoliberais. Fica en evidencia que, pra conseguir a complicidade social, é fundamental que a distribución dos custos internos e das melloras económicas, se realicen con criterios de xustiza. Non é o caso do actual Governo, que alentou as privatizacións, dando folgos á desigualdade social, malia manter actitudes máis tolerantes no aspecto relixioso, e practicar unha política exterior solidaria cos governos antiimperialistas da rexión.

É verdade que a xente pode votar os seus dirixentes políticos e que goza de certos dereitos, por exemplo o de manifestación (con limitacións), algo impensábel na Arabia Saudita ou nas monarquías do Golfo. Mais isto non xustifica un sistema teocrático, nen a ilegalidade de partidos e sindicatos. Non se poden defender estas limitacións nen sequera nun contexto de bloqueo como o que exercen os Estados Unidos e aliados, nen nunha conxuntura de retroceso do prezo do petróleo e gas, que son as riqueza esenciais do país. Porén, estas contradicións internas tampouco xustifican que os Estados Unidos, con Trump á cabeza, aproveite a conxuntura e interveña nas cuestións internas de Irán, coa intención de transformar as manifestacións nun levantamento, reproducindo as experiencias de Siria ou da Ucraína.

Non hai ningunha xustificación pra intervención exterior. Trátase dun problema interno dos iranianos, que eles deben resolver. É esencial respectar a soberanía das nacións. E moito menos se pode admitir a inxerencia dos Estados Unidos. Máxime cando este país considera unha agresión calquera declaración exterior sobre os seus problemas internos. A campaña contra Rusia sobre unha suposta intervención nas eleccións é de risa, se non fose polo cinismo e as tensións que xera gratuitamente entre potencias nucleares. Asemade, Estados Unidos non é precisamente un exemplo de democracia e igualdade social. Tampouco se pode ignorar que unha gran parte dos seus ingresos proveñen da intervención militar externa e da venda de armamento, da espionaxe industrial, da especulación financeira, do control sobre a información e a cultura de masas… É unha potencia imperialista en todos os aspectos.

A escritora e xornalista iraniana Nazanin Armanian destaca nun artigo que: “nen Israel nen Estados Unidos poden influír sobre as protestas, xa que nen sequera teñen embaixadas en Teherán”. Coincido con ela na caracterización do réxime e na lexitimidade e urxencia das reivindicacións laborais e democráticas das clases populares, e na importancia de conquistar a igualdade de xénero. Porén, o certo é que para incidir nas cuestións internas, Washington non precisa embaixadas. Conta con recursos máis eficaces, como o bloqueo, os medios de información e os servizos de intelixencia.

Tamén ten razón Armanian cando esixe que as solucións deben pasar por: “legalizar a liberdade de expresión, asociación e manifestación, controlar os prezos, crear postos de traballo e aumentar os salarios; como primeiros pasos pra afastar a relixión do poder”. Mais isto debería implicar un avance no social e democrático, apreservación da soberanía, e manter o antiimperialismo. Daquela a importancia de quen dirixe estas protestas, que en principio parecen vinculadas a sectores conservadores, aínda que manteñan actitudes menos neoliberais no económico. En calquera caso, sería un erro por parte de Teherán pensar que controlar as mobilizacións remata co problema, como en certo modo recoñecía o Governo,aínda que conseguise manifestación masivas a seu favor.A resposta acaída sempre será a ampliar a xustiza social e o poder das clases populares. Tanto en Irán, como en calquera outro país.

Artigo publicado en La Region o 16 de xaneiro de 2018