Hai agora 110 anos, o 5 de xaneiro de 1908, constituíuse o Directorio Antiforista de Teis. Abríase deste xeito unha nova etapa, máis organizada e menos espontánea, na loita das xentes do rural contra os foros. Estes afogaban o desenvolvemento agrario e da sociedade galega en xeral. A xeneralización dos foros como contrato agrario deuse na Galiza dende a Idade Media, e converteuse en hexemónico entre os labregos e labregas. O pagamento das rendas facíase en especie e en diñeiro, sendo maioritaria a primeira forma (98,3%). Ate a desamortización de 1836, as institucións relixiosas eran as maiores outorgantes de foros. Despois, a maioría deles pasarían a mans de pequenos rendeiros urbanos, aínda que eran os grandes propietarios os que controlaban o rural, os caciques, grazas ao seu peso político e relacións coas estruturas de poder.

Durante toda a segunda metade do século XIX e principios do século XX a axitación campesiña manifestouse con forza no noso país. Moitas veces mediante a protesta, axiña reprimida. E en non poucas oportunidades, a través da revolta. Por exemplo, no motín de 1870 en Maceda, cando 1.500 persoas axuntáronse negándose a pagar o imposto de capitación, cercaron a vila enfrontándose a 50 garda civís e 150 soldados. O confronto durou tres días, morrendo 3 paisanos e 1 garda civil. Un fato de paisanos fíxose forte na serra durante un tempo. En 1886 xurdirían as sociedades de seguros de gando. Unha década despois, naceron as primeiras sociedades agrarias. Entre 1898 e 1907, fundáronse 273, que serian os antecedentes dos sindicatos agrícolas que permitiu constituír a lei de 1906. Estes tiñan legalmente unha finalidade reducida ao ámbito produtivo, mais axiña convertéronse en plataformas de reivindicacións económicas, sociais e políticas.

A xuntanza de xaneiro de 1908, á que facía referencia no principio deste artigo, seria precedida por unha realizada o 15 de decembro, na que se deu conta de que 41 sociedades agrícolas e obreiras da provincia de Pontevedra apoiaban á campaña Antiforista. Nomeouse unha Comisión Xestora integrada por membros da Sociedad de Agricultores de Teis encargada de preparar un mitin en Vigo. A Comisión estaba formada por: José Martínez Lago, José Martínez da Vila, Enrique Martínez, Angel Lago Manzanares, Julián Estévez, José Nieto, e Jacinto Crespo. No mitin de Vigo, xa foron 102 as entidades que se sumaron á campaña, polo que se decidiu repetir a experiencia axitativa noutras cidades e lugares de Galiza.

Axiña os mitins antiforais chegaron aos catro cantos do país, como Cerdedo, Castrelo de Miño, A Fonsagrada… En Lugo xurdiría outro Comité Antiforista con centro en Becerreá. “Pra organizar a asemblea de Ourense, que corre a cargo da Sociedade de Agricultores do Carballiño, á cidade das Burgas desprázase Chinto Crespo como representante do Directorio, e reúnese no Centro Obrero coas principais sociedades ourensás que se suman á campaña (…) O acto fíxose o 29 de marzo (…) O mitin de Ourense, con importante presenza labrega, non amosa sobre os anteriores, de Vigo e Pontevedra, máis cunha certa tendencia á radicalización nas declaracións” (J.A. Durán, Agrarismo y movilización campesina en el país gallego).

O 20 de xuño de 1909 realízase en Tomiño, no barrio de Mosteiro, nunha finca, o primeiro mitin rural da campaña antiforal. Neste acto hai que salientar dous feitos: Chinto Crespo abre os discursos, e faino en lingua galega, que era usada publicamente por vez primeira nesta campaña para facerse entender mellor por aquela multitude de xente (…) gaba aos senadores Vicenti e Portela Valladares polo seu apoio á campaña redencionista” segundo o Diario de Pontevedra do día 22. Ademais intervén entre os oradores unha muller, Carmen Álvarez, que se dirixe especialmente á numerosa asistencia feminina. O Diario de Pontevedra apunta que Carmen Álvarez era de Teis e que: “fala con facilidade e enerxía contra o caciquismo, a quen acusa de atrancar a redención dos foros”. Pola súa banda, Chinto Crespo era un gran propagandista agrario, “emprega un ton popular, como corresponde á súa clase proletaria” (J.A. Durán). Crespo foi concelleiro en Lavadores e asinou folletos contra destacados caciques urzaístas, polo que sería condenado a un desterro de tres anos e seis meses.

No Directorio Antiforista de Teis converxeron dúas correntes. Unha abolicionista, que entendía que as terras xa foran pagadas. E outra que aceptaba pagar unha cantidade para resgatar os foros. Esta última foi a que se impuxo. O Directorio de Antiforista de Teis, así como outros sindicatos agrarios, como Solidaridad Gallega, Unión Campesina e o Comité Antiforista de Becerreá, neste período, e dende 1910, Acción Gallega, foron vitais para dar dimensión social, organizativa e mobilizadora, e tamén política á loita contra os foros. Solidaridad Gallega, o Directorio Antiforista de Teis e Unión Campesina, participaron na asemblea agraria celebrada en Monforte en 1908, coa pretensión de construír unha federación que agrupase todo o asociacionismo agrario galego, e facer da loita contra os foros o centro da actividade societaria. Aínda que houbo un pronunciamento especifico sobre os foros, as diverxencias eran grandes. O peso das asembleas de Monforte (1908-1910-1911) recaeu nos líderes de Solidaridad Gallega, especialmente Rodrigo Sanz, acentuando a preocupación pola modernización agraria e a influencia política do rural.

Uns dados sobre os sindicatos agrarios do momento. Solidaridad Gallega naceu no verán de 1907, na bisbarra de Betanzos e estendeuse a comarcas limítrofes. Durou ate 1911, época na que tamén desapareceu o Directorio Antiforista de Teis. Solidaridad Gallega tiña nexos co rexionalismo e o neo-carlismo. Pola súa banda, na Unión Campesina existía influencia anarquista. Naceu tamén en 1907, na área da cidade da Coruña, e durou pouco tempo, como consecuencia das contradicións internas. No ano 1910, sectores radicais do agrarismo formaron en Madrid Acción Gallega, que tería no atrevido e axitador abade de Beiro, Basilio Álvarez, a súa figura máis senlleira. Tivo unha participación moi activa nas asembleas agrarias de Ribadavia (1912-1913) nas que confronta co grupo máis tecnócrata e moderado de Rof Codina, ligado á revista coruñesa Prácticas Modernas.

Os sindicatos e as asembleas agrarias terían continuidade en congresos como o de Tui, no ano 1922, organizado pola Federación Agraria de Ourense. Neste acto, fundouse a Confederación Regional de Agricultores Gallegos (CRAG). Acudiron á xuntanza centos de asociacións representando 50.000 afiliados/as. Presidiu o congreso Basilio Álvarez, quen foi agasallado cun banquete; e actuou como vicepresidente, o abolicionista Dionisio Quintillán. O Diario de Pontevedra do 17 de febreiro valoraba con preocupación a conxuntura: “A anarquía social que hoxe reina nas provincias de Ourense, Pontevedra e unha parte de Lugo, é tan grande, que sen temor a nos trabucar, pódese dicir que isto non é máis que un paso para a implantación do réxime soviético, en prazo non moi lonxano, triste é dicilo!”

O sindicalismo agrario do momento, na Primeira Asemblea de Monforte fixo causa do apoliticismo (se cadra para poñer pedras á Unión Campesina), ou ligouse a forzas políticas (por exemplo ao Partido Liberal), ou fixo intentos de presentar candidaturas propias, seguindo o exemplo de Solidaritat Catalana, o que non lle deu bos resultados. Estas experiencias servirían de base para as Irmandades da Fala, ORGA e o Partido Galeguista posteriormente. Téñase en consideración que nalgunhas asembleas agrarias participou Casares Quiroga de ORGA, e na da Coruña de 1919, o nacionalista Luís Peña Novo.

Outro aspecto a salientar é o enorme custo en vidas humanas, como consecuencia da dura represión das protestas labregas. Este é un aspecto relevante cando se lembra a loita contra os foros, os impostos abusivos e outro tipo de arbitrariedades que padecía o campesiñado galego. Por exemplo, a de Oseira en abril de 1909, que causou a morte de cinco homes e dúas mulleres e 27 feridos/as. A de outubro de 1916 en Nebra, Porto do Son, con catro mulleres e un home mortos e 40 persoas feridas. A de 1919 en Sofán (Carballo), que causou a morte de tres campesiñas. E a de 1922, en Sobredo, no concello de Tui, onde morren dous homes e unha muller e 10 persoas son feridas. Dous feitos a ter en consideración con respecto a estas loitas: a solidariedade obreira sempre foi importante e inmediata. Tanto co primeiro sindicalismo agrario, por exemplo coa Unión Campesina, como moito despois, no caso de Sobredo, xa que a folga obreira estendeuse a toda a comarca.

Outras características a destacar son: o inmenso apoio da emigración ás sociedades agrarias da emigración galega, e a participación masiva do campesiñado. Dende Madrid, e sobre todo dende as entidades asociativas na América Latina, houbo un gran apoio moral e económico, mesmo para o funcionamento cotián das sociedades campesiñas. Ademais existía unha capacidade de convocatoria moi grande por parte dos sindicatos agrarios. Como exemplos distantes no tempo e no carácter do acto, temos que no mitin de Solidaridad Gallega en febreiro de 1908, asistiron 5.000 persoas; e nas protestas de Sobredo, en apoio a familias que se negaban a pagar os foros, e confrontando co poder xudicial e a garda civil, axuntáronse 2.000 persoas. Isto amosa o estado de ánimo e o grao de conciencia social do momento.

As mortes, tanto de mulleres como de homes, en todas as protestas reprimidas, reflicte que na mobilización participaba toda a familia, sen distinción de xénero, nen de idade, dende persoas moi novas e ate moi vellas. A listaxe de feridos reflectía unha distribución semellante. Indica ademais que a Garda Civil disparaba ao vulto, sen ningunha consideración, nen distinción. Non é casual pois que tanta represión xerase un ambiente de revolta. Tal como expresaba Basilio Álvarez no xornal La Zarpa despois do masacre de Sobredo: Xa temos bandeira: os mortos. Xa temos soldados: os campesiños. Xa temos patria: Galiza”.

No ano 1926, durante a ditadura de Primo de Rivera, aprobouse o decreto de redención forzosa dos foros. A esta altura, había xa un consenso cos detentores dos foros, debido a que xa se deran pasos previos nese sentido. No partido xudicial de Tui, negociouse en novembro de 1923 un acordo entre a Sociedad de Foristas e 36 sociedades agrarias, co delegado do goberno como intermediario. Non era un agasallo. O poder trataba de evitar males maiores,e de afrouxar a tensión social no agro galego.

Algúns dados para termos unha panorámica da demografía, actividade por sectores e produción, da Galiza naquel intre, así como da súa evolución. A povoación era en 1910 de 2.063.523 persoas, o 10,3% do total do Estado español (EE). Unha década despois as persoas que se adicaban a actividade agraria sumaban o 83,07% do total, á pesca o 3,06% e á industria o 5,91% (68.844 persoas). O PIB da nación galega era do 7,5% do total do EE no ano 1921. Para que sirva de comparación: Galiza representa hoxe o 5,8% dos habitantes e o 5,22% do PIB do Estado. Malia o avance técnico, a perda de peso con respecto ao Estado español é evidente. Dependencia exterior e explotación son as claves.

A loita contra os foros marcou gran parte dos séculos XIX e XX, e practicamente non hai familia que non sufrise en carne propia esa quita inxusta e feudal, e a represión do réxime. O mesmo podemos dicir da forzada emigración para fuxir da explotación ou na procura de cartos cos que mercar as terras secularmente traballadas, e mil veces pagas co esforzo cotiá, porén sempre baixo as gadoupas de fidalgos absentistas ou de rendeiros urbanos. Este foi o caso do meu avó por parte de pai, da aldea de Samamede, na parroquia de Berredo, no concello da Bola, que na primeira década do século XX foi cortar cana de azucre a Cuba, para recuperar as terras da familia. Nunca deixaría de ser emigrante e falecería en Bos Aires. Canto sacrificio de ducias de miles de persoas! Canta rebeldía xusta e atrevida no mundo da aldea!

A emigración masiva ás cidades e vilas, non debería sementar o esquecemento da nosa orixe. Cómpre fortalecer a conciencia da orixe rural, aldeá, de povo aldraxado, traballador e rebelde, da inmensa maioría da povoación galega. Algo do que se sentir orgullosos, polo seu carácter colectivista, por preservar a lingua e a cultura, pola relación coa natureza, por ser cerna de dignidade, como labrego/a ou obreiro/a simbiótico ou emigrante interno, malia a dura e secular marxinación e explotación. Os labregos/as de onte son tamén os obreiros/as de hoxe. A maioría social.

Ramón Cabanillas adicou un poema aos acontecementos de Sobredo no seu libro Da Terra Asoballada, que reflicte o ambiente do momento, e que ben vale como reflexión para o intre actual:

¡Galicia encadeada con ferros de Castela

por fillos treizoeiros e por caciques-lobos,

no teu ceo azuado hai unha nova estrela!

¡ardente e sanguiñenta, agoira os tempos novos!

¡Irmáns! ¡Erguede o berro

de amor e santidade!

¡Galicia e Liberdade

do traballo e do Chan!

Artigo publicado en Sermos Galiza do 9-14 de xaneiro de 2018