A decisión do Tribunal Supremo (TS) de manter Oriol Junqueras en prisión preventiva, malia ser reelixido nas eleccións catalás do 21-D, e non ter marchado ao exterior para evitar a actuación da xustiza española, amosa a politización das máximas instancias do poder xudicial. Asemade, converte en acertada a postura de Puigdemont de se asilar en Bélxica, e dálle valor á desconfianza da xustiza daquel país en relación coa súa extradición. Outro tanto se pode dicir da detención de Jordí Sánchez e Jordí Cuixart, lideres da Assemblea Nacional Catalana e de Ómnium respectivamente, polos mesmos motivos e iguais argumentos. As resolucións da Audiencia e do TS, e a postura do fiscal, suman atrancos a unha saída dialogada en Cataluña. Tamén quitan credibilidade ao argumento das forzas hexemónicas, segundo o cal o independentismo tería os mesmos dereitos que as opcións políticas que defenden a unidade.

Resulta evidente que Oriol Junqueras non vai marchar ao exterior. De optar por esa estratexia, xa o tería feito antes. A detención durante estes dous meses e as razóns que dá agora o Tribunal Supremo son unha condena anticipada. Quérese escenificar un castigo exemplarizante, polo que se xulgan as ideas e as intencións como feito suficiente. Neste aspecto existe un fío condutor coa actuación doutras institucións do Estado. Como a multa de 900 euros que a Subdelegación de goberno na Coruña impuxo a 5 persoas por participar nunha mobilización o pasado 28 de novembro. Nunha das notificacións consta que a policía denunciouno por “facer xestos ofensivos” e “proferir insultos”, como: “fóra fascistas dos nosos barrios!” e “independencia”. Por que se consideran insultos, unha valoración e unha reivindicación de tipo político, que son válidas no marco legal? Acaso é democrático ser nacionalista español, mentres ser patriota catalán, vasco ou galego é un insulto, unha ilegalidade en si mesma?

As diferenzas políticas débense resolver con negociacións e nas institucións que corresponda. E o poder xudicial, que actúe coa celeridade necesaria contra a corrupción, a fraude fiscal, o traballo en negro e falsos autónomos, etc. Moitos temos a impresión de que a lei mordaza e outras reformas legais, reduciron as canles democráticas e converteron as/os xuíces en lexisladores das normas políticas, económicas e sociais. Réstaselle deste xeito capacidade de decisión á vontade popular e ás institucións que a cidadanía votou, malia as consideración que podamos facer delas. A relación entre os poderes, e o papel de cada un deles, deben ser aclarados.

Artigo publicado en Diario de Ferrol o 11 de xaneiro de 2018