Todos os partidos do arco parlamentar criticaron o discurso de fin de ano do Presidente da Xunta Núñez Feijóo, que destacou polo seu esaxerado optimismo no económico e polo ataque a Cataluña. Sen dúbida esta mensaxe era esperada polos sectores máis reaccionarios da sociedade galega, e recolleu unha morea de aplausos na España profunda. Semella que a súa perspectiva estivese condicionada por ter un papel en Madrid, que ofrecer alternativas pra Galiza. Por exemplo, contra alta taxa de desemprego, a emigración da mocidade, os baixos salarios e a precariedade, o reto das pensións e da dependencia, a desfeita do rural e os atrancos do sector pesqueiro, etc. E como síntese de todas estas eivas e atrancos: a caída demográfica constante.

O Presidente está preocupado por Cataluña, malia que ese país ten unha renda por persoa moi superior á nosa, e que pra alí emigra parte da nosa mocidade, e non ao revés. Por algo será? Esta actitude non semella unha arroutada senón un subterfuxio, unha escusa. Non terá como obxectivo colocarse ben diante dun cambio de referente no PP, despois da desfeita nas eleccións catalás? Asemade, a contribución á unidade do Estado español, da que se gaba, adoptando posturas subalternas en relación con todas as decisións tomadas en Madrid, non semella que teña como resposta garantida unha recompensa; tal como o mesmo Rajoy recoñecía hai uns días.

É verdade que Galiza non é o furgón de cola. Mais está nun lugar privilexiado na competencia por ese posto, e faino con territorios interiores e con menos potencialidades. Dá que pensar. Máxime cando o Presidente da Xunta semella se conformar con que o tren camiñe, colla velocidade e nos arrastre, aínda que isto nos hipoteque nos períodos de retroceso e teña como custo engadido unha perda constante de emprego e povoación. Deberiámonos preocupar máis por conformar unha forte rexión económica co norte e centro de Portugal e coas áreas limítrofes de Asturias, León e Zamora. Rachando deste xeito a dependencia de Madrid e outras zonas, que chuchan unha boa parte do valor producido no noso país. Este espolio é unha das causas pra que un territorio interior, sen riquezas minerais ou enerxéticas, e unha menor industrialización que Galiza (en porcentaxe) teña a renda máis alta do Estado por persoa, e recade rente da metade dos impostos. O seu medre demográfico non é unha casualidade, e o contraste con Galiza tampouco.

Vaiamos aos datos en relación con Cataluña. Nos últimos anos, houbo forte choque de intereses entre a Generalitat e o Governo central, que segundo Feijóo e Rajoy foi como consecuencia de que Cataluña ía á deriva. E nesta caída, seica puido arrastrar ao resto das nacionalidades e autonomías. Porén os dados do INE (oficiais) din outra cousa. Cataluña remataba o 3º trimestre de 2017 cunha taxa de desemprego do 12,5% fronte ao 14,5% de Galiza. Unha fenda que na práctica é máis grande, porque temos unha regresión demográfica e exportamos man de obra. O medre do PIB en 2016 e 2017 foi pra Cataluña o 4,5% e 4% respectivamente, e pra o noso país, do 4,3% e 3,8%. E se falamos da povoación en risco de pobreza, Cataluña atinxía en novembro do último ano o 13,2% e Galiza o 19%. Nos números, o soberanismo dá resultados tanto no eido económico, como no emprego, e por suposto na renda por persoa, que era no 2016 de 28.590 euros en Cataluña e de 21.358 na Galiza

E a economía hai que analizala no seu conxunto, na súa evolución, na súa diversidade, na súa sustentabilidade e nos mecanismos de control que se posúe. E sobre todo, en como se reparte a riqueza na sociedade. Non vale con dar os números bos, e agochar os malos. E moito menos, utilizar como escusa razóns partidistas e ideolóxicas. Cómpre ir ao miolo do problema, que é a dependencia e o sistema.

Artigo publicado en La región o 9 de xaneiro de 2018