O valor adquirido polo bitcoin, así como a súa incorporación no mercado de futuros de Chicago (esperase que dentro duns meses tamén o faga no de derivados), colocaron nas últimas semanas nun primeiro plano o debate sobre as criptodivisas. A polémica non é nova, dáse entre especialistas na materia dende que apareceu o bitcoin no ano 2009, e foise agudizando co xurdimento de numerosas criptomoedas nos últimos anos (Ether, Dash, Dogecoin, Facton; máis dun milleiro ao día de hoxe). Algunhas delas con novas funcións, para alén de pretender suplantar o papel moeda nos intercambios, como era o caso do bitcoin.

O debate sobre as criptomoedas, centrase en tres aspectos: o técnico (da seguridade para o usuario/a); o relativo á opacidade e especulación; e ao feito de estar á marxe de calquera control estatal ou de institucións supra-estatais. Vexamos cada unha destas cuestións máis polo miúdo.

A) As criptodivisas non son emitidas por ningunha entidade oficial. Xorden dun proceso denominado minería, que consiste na resolución de complexos cálculos matemáticos que requiren ordenadores especialmente preparados e conectados en rede. Poden ser trocadas por moedas tradicionais, e almacénanse nunha carteira persoal virtual. Un dado, China é o principal mercado de criptomoedas, malia a oposición do Banco Popular.

Dise que o bitcoin ten problemas para procesar un volume de transaccións elevado, o que orixina demoras, polo que se encaren as comisións (que é un dos atractivos para os/as usuarios, xunto coa clandestinidade nas transferencias). Asemade, en países como Bolivia e Colombia víronse afectados 100.000 e 150.000 investidores en bitcoins por parte de empresas fraudulentas. E, no mes de decembro piratas informáticos roubaron da plataforma eslovena NiceHash 63 millóns dólares en bitcoins, provocando unha caída da cotización, da que axiña se recuperou.

B) As criptodivisas son opacas, o que pode representar para moitas persoas o sumun da liberdade, e para o capital a clandestinidade desexada, hoxe cuestionada nos paraísos fiscais, ademais de conseguir uns beneficios considerábeis (polo momento). Resulta obvio que é un método eficaz para as transaccións ilegais, ligadas ás drogas e outro tipo de actividades delitivas, xa que favorece o lavado de diñeiro e a fraude. Por exemplo, os deseñadores do virus Wannacry, que infectou en maio do 2017 a 200.000 ordenadores en 150 países, esixiron para eliminalo como résgate 300 euros en bitcoins, xa que deste xeito non podía ser rastreado o diñeiro.

Asemade o bitcoin é un valor co que se especula. Dirase que outro tanto pasa coas moedas fiduciarias, mais estas teñen o respaldo dos estados, e outros recursos, como o ouro, un valor e un uso historicamente comprobado. O bitcoin carece de respaldo, seu valor basease exclusivamente nas perspectivas de aumento de valor no futuro e na sacralización da tecnoloxía. É xogar na ruleta. O seu valor non ten relación ningunha coa súa importancia nas transaccións.

C) As criptomoedas, segundo os seus apoloxistas, sacaran o comercio e as finanzas das mans do Estado e da banca, creando un mundo onde o diñeiro (o capital) poda circular libremente. Ou sexa, que estará unha gran parte da actividade económica fóra do control do Estado. Perderase a soberanía monetaria, a imposición de impostos sobre as transaccións e os depósitos. Ademais, os países máis pequenos perderan toda capacidade para utilizar a moeda como unha variábel para regular a competencia exterior, só lles quedará a explotación laboral. Tamén se impide calquera medida eficaz para redistribuír a riqueza e o poder, especialmente nun contexto que o sistema é consubstancial coa centralización e concentración da riqueza e o poder.

Esta regresión quérese impoñer sen ningún debate, seica por pura lóxica tecnolóxica, e das estrañas coincidencias entre capital e os chamados banqueiros anarquistas. Estes últimos, son persoas que coidan que menos Estado é máis liberdade, sen ter en consideración a correlación de forzas, nen o carácter do capitalismo hoxe. Ignoranse cuestións, como quen controla as criptomoedas, e quen decide que o bitcoin cotice nos mercados de futuro e derivados.

Todo indica que as moedas dixitais van substituír o diñeiro en efectivo. En Suecia un 85% das transaccións realízanse mediante tarxetas e outros medios dixitais. A cuestión é, se este papel corresponderá aos poderes facticos, que controlan as criptomoedas, ou serán os estados. Estas institucións, mesmo servindo ao capital, necesitan contar coa participación popular. Outro aspecto é: cales serán as garantías que o Estado vai ofrecer, e cales serán as propostas para que melloren as condicións de vida da maioría? Ningún método é neutral, e volver á lei da selva non é solución.

Publicado en Sermos Galiza semanario o 4 de xaneiro de 2018