Estes días, varios medios de comunicación informaban que os/as socios e traballadores/as do Centro Galego de Bos Aires acordaron vender a sede principal desta entidade. A decisión implica a súa entrega a un consorcio formado pola empresa valenciana Ribera Salud, e a arxentina Fundación Favaloro. A primeira adicada á xestión sanitaria e a segunda á prestación, ensinanza e investigación sanitaria. Deste xeito, saldaríanse as débedas e manteríase a continuidade a efectos do cadro de persoal, con axustes. Era algo que se vía vir. Especialmente porque a xestión non sempre foi a máis axeitada nas últimas décadas. Así manifestáronmo hai anos, traballadores da entidade, nalgunha das viaxes que fixen á Arxentina. E todo indica que neste aspecto, non contribuíu positivamente a colaboración da Xunta, que seica condicionou a súa axuda a que fose xestionado esta entidade por unha empresa privada, por suposto non galega (ligada ao PP?).

O Centro Galego da capital Arxentina centrouse nas prestacións sanitarias, ás que sumaba outras funcións. Entre estas, relacionar os/as emigrantes entre si, potenciar a cultura e lingua propias na colectividade, dar a coñecer a historia e manter o nexo coa patria de nacemento. Estas actividades adquirían transcendencia pola capacidade económica e a inmensa afiliación da entidade (chegou a ter 100.000 afiliados/as). Na tarxeta de afiliación destacaba as súas prioridades: mutualidade, cultura e acción social. Dinos o irmandiño Bieito Cupeiro Vázquez que “O Centro Galego tiña ben establecidos os seus fins específicos como institución mutualista e de ben común, con apoio solidario a todos aqueles espatriados que o necesitasen” (Galiza Alén Mar; Ediciós do Castro). Este carácter mutualista tivérono tamén outras entidades, especialmente a principios do século XX.

Polo tanto, tendo en consideración as características do Centro Galego, e sendo evidente que a emigración galega en Bos Aires é hoxe mínima, comparada cos 600.000 galegos e galegas que viviamos naquela cidade na década dos sesenta do século pasado, non é menos certo que se conservase o prestixio doutras épocas, os/as descendentes terían mantido a súa afiliación. Dos cinco mil socios/as actuais só 700 naceron na Galiza. Este é un aspecto que cómpre clarificar. Non abonda con que o Presidente da Xunta afirme “que Galiza cumpriu cunha entidade que custodia un patrimonio valioso” como destacaron algúns medios en titulares. En outubro do ano 2015 Marisol Soneira, do PSdeG, denunciaba que o Governo galego estaba a “permitir o saqueo do Centro Galego de Bos Aires”, co obxectivo de “substituílo por unha mutua privada”. É necesario que se dea contas de cales foron as axudas da Xunta e do Governo central e o tipo de xestión que se realizou no Centro. Non se pode permitir que se pase páxina sobre as responsabilidades que levan á liquidación do que no seu día foi o maior Centro Galego da emigración.

No referente ao patrimonio cultural da institución, é unha iniciativa positiva que o BNG reclame que a Xunta poña os medios necesarios para garantir o retorno a Galiza do patrimonio cultural do Centro Galego, que está ligado ao exilio e á emigración. “Segundo indica o comunicado público difundido pola fronte, a Lei de Patrimonio cultural de Galiza 5/2016 concreta no seu artigo 4 a obriga do Executivo galego a “salvagardar o patrimonio cultural que se atope no exterior”. A portavoz de cultura, Olalla Rodil, anuncia que o BNG instará a Xunta a “actuar e defender o patrimonio galego na diáspora” (Sermos Galiza dixital). Neste aspecto, as empresas que mercaron o Centro Galego son ambiguas e tamén os actuais directivos. Só falan de manter o rico patrimonio cultural da entidade, os primeiros, e que non este non está venda, os segundos. Por outra banda, conseguir o seu traslado a Galiza, para alén de que o Governo de Feijóo teña unha disposición real, tería que superar as restricións que a lexislación arxentina impón ás saídas de patrimonio.

Lembremos que teñen moito valor, ademais da biblioteca, cadros e debuxos e outros activos, entre os que hai exemplares de revistas, actas, e gravacións sonoras ou fílmicas. A entidade publicou a revista “Galicia” da que foron directores Eduardo Blanco Amor e Luis Seoane. Tamén tiña este nome a súa editorial, na que se publicaron unha morea de libros sobre a emigración galega na Arxentina, a historia de Galiza, e outras obras de autores/as galegos. Hai títulos de Castelao, Vilar Ponte, Curros Enríquez, Benito Xerónimo Feijoo, Martínez Salazar, Manuel Casas, Vesteiro Torres, Cabanillas, Otero Pedrayo, Paz Andrade, Gonzalez López, Aberto Vilanova, etc. Cómpre destacar asemade, un programa de radio, que se emitía todo os sábados á tarde, e o coro “Rosalia de Castro”.

Cómpre lembrar que o Centro Galego era organizador das xornadas patrióticas no mes de xullo, que se realizaban no teatro Colón (a algunhas das cales asistín, por exemplo con actuacións do Ballet Rey de Viana), aos que se sumaban conferencias e outras actividades paralelas. Este teatro era o de máis prestixio na Arxentina. Tamén tivo un papel destacado na manifestación para celebrar o aniversario da independencia Arxentina, en maio de 1960, que axuntou 200.000 manifestantes.Co gallo de se cumprir o 150 cabodano da Independencia da Nación Arxentina, adherindo ós actos conmemorativos da groriosa data, a nosa colonia realizou unha gran manifestación patrocinada polo Centro Galego coa participación de toda a colectividade, o que significou unha xerarquizada e transcendente expresión de gratitude a este bon país arxentino, no que tantos galegos ternos moradia. Diante ía a bandeira galega, seguida dun adival humano representativo de tódalas institucións galegas, e após deste, conxuntos de coros e danzas, que avantaban tecendo pontos de muiñeira ao son do toque dunha banda na que ían incorporados unha ducia de gaiteiros” (Galiza Alén Mar; Ediciós do Castro).

Non se pode esquecer, na historia desta entidade, que a presidencia de Ramón Mourente (1966-1968) restableceu as relacións da entidade coa embaixada, dándolle así un aval de lexitimidade á ditadura franquista. Gañou por unha marxe de 125 votos sobre 11.000. Este retroceso foi un aviso, que acelerou que se lle dese un carácter institucional, ao Instituto Arxentino de Cultura Galega, dentro do Centro Galego, unha vez derrotado Mourente. O Instituto tiña realizado previamente actos, por exemplo, o Día das Letras de 1963. A Nosa Terra de maio de 1969 (nº 510), facía referencia ao bienio negro de Mourente e salientaba sobre as eleccións: O resultado das derradeiras eleccións do Centro Galego de Bos Aires son unha verdadeira leición de dinidade e de bon senso dado pola nosa coleitividade (…) As nosas entidades teñen finalidades precisas e concretas que desenrolar e somentes a nós os galegos nos compre o deber e o dereito de dispór do seu goberno como mellor se acomode as necesidades e aspiracións da nosa Patria, que é, por se aínda non o saben: Galiza”. Desta período é a miña incorporación á Irmandade Galega (e a miña afiliación ao Centro Galego), tendo, como o resto dos irmandiños, unha participación activa no proceso electoral para devolver a entidade ao seo do galeguismo.

O Centro galego de Bos Aires (1907), foi a segunda entidade creada polos emigrantes, despois do fracaso dunha primeira iniciativa na mesma cidade (1879), e da fundación en 1871 do Centro galego da Habana. Hai varias décadas, cando estaba máis ligado á cuestión migratoria, polas miñas responsabilidades na CIG, escribín varios artigos nos que chamaba a atención sobre o feito de que a emigración galega masiva a América era cousa do pasado. Porén, tiñamos a obriga política e moral de preservar o papel que esta xogou na defensa da identidade nacional galega, e da súa contribución na construción dos países aos que emigrou. Dicía daquela, e sigo pensando o mesmo, que hai que concentrar esforzos. É imposíbel manter tantas entidades. A falta de proxecto desfixo máis que construíu, desaproveitando o potencial cultural e económico dos nexos cos países de emigración.

Cómpre transformar as sociedades de emigrantes, cando menos en América, en centros de intercambio e colaboración, nos que se potencie a nosa presenza na formación deses países e da cultura e identidade galega, e sirvan de ponte para coñecer na Galiza esas culturas novas, mestizas. Por exemplo, en Bos Aires para este obxectivo abondaría con manter, como máximo, o Centro Galego, o Galicia e a Federación, e se cadra o Centro Galego de Avellaneda. Optimizando así os recursos económicos e humanos. Optouse polo clientelismo, por conseguir uns votos que garantisen maiorías electorais na Galiza, reproducindo no exterior os métodos caciquís, e axudas e viaxes con criterios non sempre imparciais. Esta dinámica levounos á difícil situación actual na colectividade emigrante e a unha desfeita segura no futuro. Estaremos en condicións de evitar perdelo todo? Poderase evitar que as entidades queden en mans de persoas que non teñen ningunha ligazón con Galiza, e que buscan, como único obxectivo, lucrarse co patrimonio das sociedades? Dependerá, como todo na vida, de que esta problemática non sexa o debate duns días, de que se valore que o esforzo emigrante pode seguir axudando na construción do futuro nacional e popular.

Artigo publicado en Sermos Galiza 26-30 de decembro de 2017