Nas últimas eleccións arxentinas, renováronse parcialmente as cámaras lexislativas. Nalgunhas provincias, tamén se elixiron governadores e lexisladores. Cambiemos e aliados conseguiron un amplo triunfo. De aí que Macri pensase que tocaba o ceo, e considerase que era o momento de levar adiante o groso do seu programa neoliberal. Presentou no Congreso unha ringleira de reformas que pretenden reducir salarios, pensións e a presión impositiva sobre as empresas. Lembremos que no inicio da súa presidencia, xa elevou os prezos dos servizos básicos (os tarifazos), fixo acordos onerosos pra as arcas públicas cos fondos voitres, e virou nas relacións internacionais pra arroupar as políticas dos Estados Unidos e os seus socios na rexión. Macri é representativo dunha nova dereita, sen deixar de manter unha relación estreita con Temer, Santos, Peña Nieto, etc.

Calculou mal Macri, e non foron quen de aprobar a reforma das pensións, pola vía express. Non conseguiron maioría o 14 de decembro entre os/as deputados, tendo que suspender a sesión. Mentres, nas portas do Congreso, a policía mallaba nunha concentración de centos de milleiros de persoas. Mesmo foron agredidos deputados/as. A Cámara reuniuse de novo o pasado luns 18. Neste caso, Macri garantiu a presenza de 13 governadores provinciais, entre eles varios da chamada oposición moderada, cos que pactou un acordo que os beneficia coa transferencia de recursos económicos, que perden pensionistas e outros colectivos. Estes mandatarios foron eficaces na súa presión sobre os lexisladores, garantindo desta volta a maioría.

A contestación á reforma foi máis unha vez masiva. Consistiu nun paro xeral de medio día convocado polas centrais sindicais, incluíndo á CGT, a maior do país, que ate agora mantivo un diálogo oportunista co Governo, a diferencia das dúas CTA que se opuxeron na rúa a todas as medidas regresivas. No marco desa convocatoria fíxose unha nova concentración masiva que, máis unha vez, foi reprimida pola policía, que se empregou a fondo: 59 persoas detidas e máis dun cento feridas. A escusa pra unha represión tan dura serían os grupos minoritarios que guindaban pedras.

A reforma que se acaba de aprobar na Cámara de Deputados/as implica unha rebaixa na actualización dos ingresos por xubilación, das pensións por discapacidade ou dos ex-combatentes das Malvinas, e da asignación universal por fillos e embarazo. Calcúlase que isto representa un recorte de 100 mil millóns de pesos anuais (uns 5 mil millóns de euros), que se compensarían cun bono único de 4 mil millóns. O economista arxentino Julio Gambina analiza que: O argumento oficial é que baixo a nova fórmula de actualización xérase un “aforro” estimado en 100.000 millóns de pesos pra o 2018, o que significa que se aforra ao Estado o que non perciben os millóns de beneficiarios da seguridade social, perceptores de xubilacións e a AUH (…) faise en simultáneo á proposta de reforma tributaria en preparación, que impulsa a rebaixa da taxa sobre os beneficios, do 35 ao 25%, pra empresarios que reinvistan os seus excedentes”.

Cambiemos, o partido de Macri, representa a nova dereita, remozada na escenificación pública, mais profundamente neoliberal e regresiva no laboral, social e democrático, en beneficio dos máis fortes (as corporacións e grandes fortunas). A reforma das pensións foi seguida días despois pola fiscal, malia as masivas protestas na rúa. Todo fai pensar que a prepotencia coa que exerce o poder, sentíndose forte nas institucións, termine dando ao Governo un resultado que non espera. As medidas de axuste social tan duras, unha oposición mobilizada, e métodos represivos contra a protesta popular, afondan as contradicións. O medre da loita de clases cuestiona que a tendencia actual se manteña no futuro.

Artigo publicado en La Region o 26 de decembro de 2017