Resulta evidente que o poder económico é o determinante. A Bolsa condiciona máis o poder executivo e lexislativo que as mobilizacións e os votos das clases populares. A primeira vota cada día, o povo só de cando en vez. Na loita de clases vai gañando o capital. Daquela que só se produzan algúns avances progresistas nuns poucos temas sociais, como nos dereitos individuais e de xénero. A cuestión é, se nestes casos, pesa máis a xustiza ou o feito de que non afectan a taxa de lucro, e se pretenden utilizar para fragmentar a oposición ao sistema? Se cadra é por ambas as razóns. Iso non lle resta valor e importancia a estes avances en aspectos inxustamente relegados ou non recoñecidos. Mais o que realmente chama a atención nesta etapa, ademais do aumento da explotación capitalista, é o crecemento da desigualdade entre clases e territorios, e como medrou a opresión nacional, ben sexa esmagando dereitos soberanos ou non recoñecéndoos. Outro tanto se pode dicir da acelerada destrución da maior parte do mundo rural, aquel tradicionalmente ligado á produción local, como consecuencia da globalización.

Nestes retrocesos laborais e sociais, ademais dos poderes executivos e lexislativos, cada vez ten un maior protagonismo o poder xudicial. Especialmente os seus organismos máis destacados e politizados (Tribunal Constitucional, Tribunal Supremo, Audiencia Nacional, etc). Non todos os xuíces e xuízas teñen un comportamento semellante. Mais todo indica que as clases dominantes atoparon no sistema xudicial un mecanismo apropiado para controlar, reprimir e condicionar a protesta política e social contra un sistema económico e social cada vez máis inxusto e depredador. Non é unha novidade, mais o aumento da desigualdade, a fragmentación da protesta e da oposición, dálle maior eficacia preventiva, xa que moitas sentenzas son exemplarizantes.

Ademais, nestes casos, non se trataría aparentemente dunha resposta política, xa que a decisión estaría arroupada pola aplicación estrita da Lei e da Constitución, ou sexa, consecuencia indirecta da vontade popular. Na xustiza, as persoas que interpretan a Lei afirman sempre responder a un fin superior, colectivo, sen ningún tipo de inclinación persoal, como se fosen seres superiores. Considérase que son profesionais á marxe da sospeita, afastados de calquera actuación que responda a fins espurios, persoais, partidarios ou ideolóxicos. Son mínimos os casos nos que as decisións, mesmo as máis cuestionábeis, quedan sen efecto, ou os casos nos que algún xuíz é sancionado. A cuestión sempre radica na Lei Mordaza, na reforma laboral, etc. Ou sexa, que corresponde co sistema político, coas leis e normas imperantes. Mais non se pode obviar que corresponde aos tribunais a súa aplicación, e que a vara de medir é moi distinta segundo sexan os implicados/as, e con que poder económico e político contan.

Como exemplo da parcialidade xudicial temos a prisión preventiva para membros da Generalitat catalá, co pretexto de que podían fuxir. Algo que non se corresponde coa demostrada actitude dos detidos. A detención só pode ser entendida como unha decisión ideolóxica, coa intención de fixar na imaxe colectiva a súa entrada en prisión, con grillóns de ser posíbel, para demostrar de que lado esta a forza, o poder. Tamén parece ter este nesgo a condena a dous anos e un día de prisión imposta aos rapeiros de “Insurgentes”, e que a oito mozos navarros se lles pidan 375 anos de cadea por unha pelexa con gardas civís fóra de servizo, acusándoos de terrorismo. Mentres se demora só unhas horas para tomar decisións contra a Generalitat, hai xuízos como o da trama Gürtel e o caso Urdangarín que se eternizan.

Claro que se dirá, con razón, que este mal non afecta só ao Estado español. Véxase a acusación sen probas polo atentado da AMIA, contra Cristina Fernández na Arxentina, pedindo o seu ingreso preventivo en prisión, xusto cando rexorde como a figura máis relevante da oposición, cuestionando a reelección de Macri e das súas políticas de dereita e pro-imperialistas. Ou as acusacións que fai o xuíz Sergio Moro no Brasil para sacar do medio a Lula e Dilma (do Partido do Traballo), antes das próximas eleccións, pola causa “Lava Jato”, na que están metidos ate o pescozo membros do actual Governo golpista, sen ningunha consecuencia penal, como é o caso do propio presidente Temer. Nestes dous casos, os elementos para pedir o desaforamento son ambiguos, subxectivos. Teñen unha clara intencionalidade política, sacar a oposición fóra do xogo, desacreditala, utilizando para este fin o poder xudicial, ademais dos medios de información.

En resumo, o poder xudicial, ou cando menos a parte máis destacada do mesmo, ten un papel cada vez máis importante na aplicación das medidas de retroceso laboral e social, e na represión da protesta popular e dos movementos soberanistas. Neste aspecto, chama a atención que a esquerda, o sindicalismo, as organizacións sociais, deixen de lado esta cuestión que é central na construción dunha democracia. Son necesarios mecanismos de control efectivos sobre o poder xudicial. Ningunha institución pode estar por riba dos intereses populares, e moito menos reproducirse como se fose unha casta. Cando se deron as grandes protestas do ano 2001 na Arxentina, a cuestión da xustiza foi unha das máis debatidas. Entre os temas que se trataron, estaba o de determinar cales debían ser os mecanismos para elixir xuíces e os organismos de dirección dos mesmos. É un aspecto sobre o cal matinar. En calquera caso, a esquerda, a comezar polo nacionalismo galego, non pode obviar o papel que xoga este poder. Debe ter como unha tarefa, democratizar todo o relativo ao sistema xudicial.

En relación con esta cuestión, é un feito non casual e clarificador, que este ano o premio Fernández La Torre que concede La Voz de Galicia foille outorgado á xurista María Emilia Casas, ate hai pouco presidenta do Tribunal Constitucional. Ela destacou na súa intervención o “gravísimo ataque do independentismo catalán contra a Constitución española”. Foi un recoñecemento calculado. Tiña o obxectivo de avalar a intervención en Cataluña, e as medidas tomadas polo Governo e o poder xudicial contra o independentismo. Este sería o tema central de todos os que falaron, ademais de Emilia Casas, o presidente de La Voz e o presidente do Governo central. Estiveron arroupados por empresarios, cargos institucionais, e partidos e organizacións sociais (tamén da oposición). Porén, o importante do acto, o central, foi que se procurou transmitir á sociedade a idea de que os medios informativos sistémicos, o poder xudicial e executivo foron efectivos, coherentes. Estiveron ao servizo da unidade de España. Esqueceron que foi imposta polas armas, e que se defende un sistema inxusto e depredador como é o imperialismo. O coherente para os partidos e organizacións antisistémicas tería sido non acudir.

Artigo publicado en Sermos Galiza dixital o 12-15 decembro de 2017