Difundiuse hai uns días a nova de que quince mil científicos de 184 países alertaban, a través dun artigo na revista BioScience, sobre as preocupantes sinais de que a humanidade está seguindo unha vía insostíbel. En calquera caso, a esta altura ninguén pode dicir que é unha novidade. Os síntomas son evidentes pra calquera persoa, mesmo nun lugar como Galiza, ate hai pouco tempo tan privilexiado polo clima, a abundancia de auga e vexetación. As secas cada vez máis prolongadas, os extremos climáticos e os lumes fóra de control, son un síntoma de que non se lle está a dar a resposta axeitada, e que o problema e cada vez máis grave.

Tamén chama atención a pasividade coa que se reaxe diante desta grave reto pra humanidade. Non hai pronunciamentos, nen debates, que destaquen o problema por parte da Xunta, nen polos partidos políticos, nin as organizacións sociais, especialmente as ecoloxistas, e o ámbito universitario ou cultural. Só respostas parciais, conxunturais, e individuais na maior parte dos casos. E sendo verdade que é unha cuestión que necesita de solucións mundiais, non é menos certo que pra vencer os poderosos intereses ligados a este modelo económico, e mudar os estilos de vida, fai falla un poderoso movemento social en todas e cada unha das nacións do planeta. Non abonda coa racionalidade, nen coa lóxica, nen cos chamamentos á responsabilidade. Todo indica que cómpre tomar axiña medidas de moito calado, pra evitar ter que vivir nun mundo en condicións tremendamente extremas, con escasos recursos e sumando máis zonas inhabitábeis ás xa hoxe moi extensas.

Segundo o artigo-manifesto destes científicos, “o benestar humano segue seriamente ameazado polo cambio climático, a deforestación, a falta de acceso á auga doce, a extinción de especies, e o medre da povoación”. Propoñen como medidas urxentes: ”un cambio de dieta baseado nas plantas, adopción xeneralizada de enerxías renovábeis e tecnoloxías verdes; crear máis reservas mariñas e terrestres; ampliar os programas de planificación familiar e de educación das mulleres; etc”.

En paralelo con esta chamada de atención dende o mundo científico, a Organización das Nacións Unidas pra Alimentación e a Agricultura (FAO) pon énfase en que ademais das guerras e conflitos, as terras asolagadas, tormentas, secas, e nalgúns casos as erupcións volcánicas, causaron 40 millóns de desprazamentos internos nos anos 2105 e 2016. Ademais, segundo a FAO “nos últimos 18 meses, nuns 20 países declaráronse situacións de emerxencia pola seca, o que causou a expulsión de millóns de persoas fóra das súas terras”. E engade no seu informe que está é unha das causas principais dos procesos migratorios forzados.

En resumo, nos cambios climáticos poden existir razóns externas, derivadas de flutuacións na actividade solar. Mais o que non se pode obviar, é que as transformacións realizadas pola acción das persoas provocan ou amplían eses efectos negativos. Ben sexa pola destrución do medio ambiente, como pola substitución de especies e polo medre demográfico. Sobre esta última cuestión, salientar que a povoación do mundo pasou de 2.900 millóns en 1960 a 7.400 millóns en 2106. Sobre todos estes aspectos, podemos e debemos axer axiña, tal como o solicitan estes 15.000 científicos. É unha tarefa na que a humanidade se xoga o presente e o futuro. Polo tanto, non pode depender da boa vontade individual. É necesaria unha planificación mundial e nacional, que marque metas de obrigado cumprimento. E no contexto actual, no que as corporacións e o beneficio individual están por riba das necesidades sociais, isto significa que os estados deben controlar directamente os sectores estratéxicos vencellados a esta problemática, poñéndoos ao servizo do ben colectivo. Non existe outra alternativa.

Artigo publicado en La Región o 21 de novembro de 2017