Hai colonias en Europa?

Novembro 10th, 2017  |  Published in| the_category democracia, europa, soberania

Durante os últimos meses, no Estado español e especialmente dende algúns sectores auto-proclamados de esquerda, ao fío do proceso de independencia na Cataluña, déronse todo tipo de argumentos para demostrar que o dereito de autodeterminación non é valido (nen posíbel) no contexto actual, e sobre todo no marco da Unión Europea. Neste senso, hai quen considera que este dereito só é aplicábel cando se trata de territorios moi afastados xeograficamente, ou cando se reproducen as condicións de relación centro/periferia, propias do período previo á Segunda Guerra Mundial.

Porén, estes criterios non se teñen en consideración cando afectan a territorios que están integrados nas potencias coas que confrontan os Estados Unidos (máis a Unión Europea e Xapón). Nestes casos, xustifícase todo proceso de independencia. Lembremos a desmembración da URSS e Iugoslavia, a división de Checoslovaquia e de Sudán. Mentres secesións consolidadas, como as de Somalia, nunca foron recoñecidas. Polo tanto, encol do dereito a decidir e da cuestión colonial hai unha dobre vara de medir, que depende dos intereses aos que favorece.

Convén termos en conta que a hexemonía de Washington, mesmo que non é tan forte como na década posterior á caída da Unión Soviética, xa que a “crise” afectou á súa prominencia na economía global, mais ten aínda un papel determinante en moitos ámbitos. Destacan o militar, o financeiro, alimentar, comunicacións e información. Daquela que as normas mundiais respondan no fundamental aos seus intereses, e aos dos seus aliados, en organismos como as Nacións Unidas, FMI, Banco Mundial, etc. Claro que non se pode obviar que as potencias emerxentes fortalécense acotío a (China e Rusia). E con elas, as nacións que defenden súa soberanía (Irán, Siria, Cuba, Venezuela, Corea do Norte, por exemplo). Son governos e tipos de sociedades moi diversos. Ás veces contraditorios. Mais todos empurran a prol de constituír un mundo multipolar e de respecto pola soberanía nacional.

Feita esta reflexión xeral, entremos máis polo miúdo nos argumentos que se dan, co gallo do conflito catalán, contra o dereito ao exercicio da autodeterminación polas nacións sen estado propio existentes na Unión Europea. Dise que non existe dependencia no Estado español (EE) porque as institucións se elixen por sufraxio universal. Porén, o único suxeito de dereito abrangue todo o territorio do Estado, xa que non se recoñece a realidade plurinacional. E dada a correlación de forzas no EE, e o carácter minoritario (en povoación) das nacións carentes de estado propio, estas nunca poderán obter a soberanía coa lexislación actual, xa que están bloqueados os mecanismos democráticos. O acontecido co referendo en Cataluña e a posterior aplicación do artigo 155 son un exemplo destas limitacións. As conquistas territoriais da coroa castelá, malia o recoñecemento de nacionalidades históricas da Constitución do 78, están blindadas. A democracia está feita á medida do imperio.

Sendo así, democratizar o Estado español, tanto neste aspecto, como na relación traballo/capital, pasa por mudar a correlación de forzas en cada nacionalidade, e dentro do posíbel, no conxunto do Estado. Sen dúbida este último obxectivo non é nada doado. Tanto polo papel que representa historicamente a monarquía castelá/española, asociada ás clases dominantes, como debido ao proceso de centralización e concentración da riqueza e do poder que beneficiaron moito a Madrid e áreas centrais que forman parte deste proxecto imperialista. Tamén pola práctica desaparición da esquerda tradicional. Daquela, é relativamente positivo que existan novas forzas dese ámbito con peso institucional, que recoñezan teoricamente o dereito de determinación (como Podemos). Asemade incide nesta problemática a evolución da Unión Europea, as súas contradicións e os seus logros, e especialmente o avance dun mundo multipolar. Son aspectos todos eles que condicionan, non tanto o obxectivo da liberación nacional e social, como a folla de ruta apropiada para forzar os cambios estratéxicos. Todo indica que esta non era a conxuntura máis propicia para Cataluña. Tampouco para Escocia ou Quebec.

En todo caso, o que non admite contestación, é que para os partidos españois, mesmo os máis avanzados, a cuestión nacional ten un valor relativo, dependendo a conquista da independencia da fortaleza das forzas soberanistas. A liberación nacional non virá da man dos partidos de ámbito estatal, nen sequera dos que se reivindican como esquerda e aceptan o dereito á autodeterminación (véxase o debate interno en Podemos en relación con Cataluña, e as posturas de Carmen Santos a respecto das Mareas), xa que o seu obxectivo é manter a “unidade” do Estado español, facendo só modificacións formais. Son os progres da nosa época.

Dito o anterior, quero debullar dúas posturas que coido incorrectas. Aquela que basea a súa argumentación en que existen “rexións” ricas (Madrid, Cataluña) que recadan máis impostos e contribúen coas pobres dun xeito esaxerado (Galiza ou Andalucía). Neste caso, cómpre dicir que os impostos, por exemplo o de sociedades, son ingresados alí onde está a sede da empresa, non onde se se realiza a actividade económica. Polo que o carácter central e periférico en termos económicos é determinante. Mais tampouco é acertada a postura que valora que os intercambios comerciais fan de Cataluña e Galiza nacionalidades cun saldo moi positivo, polo que serían beneficiadas polo mercado único constituído polo Estado español. Neste caso, fronte a Madrid que é moi deficitaria. Nesta análise non se ten en consideración que hai que sumar o intercambio de servizos e capitais, onde reside a sede da empresa, e se o capital das empresas é do País ou foráneo. Non son aspectos irrelevantes. Madrid é a autonomía que, ficando lonxe do mar, carente de grandes recursos, aumenta en povoación e renda historicamente, e mesmo durante o período de crise. Non é unha casualidade. Se non é por razóns económicas excepcionais, será porque lle favorecen as regras de xogo. Cataluña perde PIB e gaña povoación; Galiza perde PIB e povoación.

En poucas palabras, hai que considerar a análise da dependencia, do papel subalterno dun País no conxunto da economía. E sobre todo, ver a súa tendencia e analizala en todos os ámbitos. Dende o económico, ate o cultural e político. A situación colonial, nesta etapa da humanidade non desapareceu, porque non o fixo o imperialismo. Só mudou nas súas formas. Mais, no fundamental, segue facendo de moitos países, da gran maioría, territorios que cumpren un papel subalterno no elo da cadea de valor (e polo tanto, tamén na cultura, na construción da conciencia, etc.), unha función secundaria en beneficio das grandes fortunas, das corporacións internacionais, e das potencias hexemónicas. Con nulas posibilidades rachar a dependencia se aceptan as regras de xogo dominantes. Só se consegue facelo cando se producen revolucións sociais, ou por razóns que dependen exclusivamente das decisións das grandes potencias por intereses estratéxicos (Kosovo, por exemplo). Neste último caso, preséntanse despois como “milagres” e virtudes do sistema, cando realmente, neste caso a independencia non é sinónimo de liberación.

Ser ou non unha colonia, non é tanto unha cuestión cuantitativa como cualitativa, que nos permite caracterizar a realidade de cada País. Mais, nesta etapa de globalización neoliberal non é doada esta caracterización, xa que que as marxes entre unha situación colonial, neocolonial, semicolonial e dependente son as veces difusas.

Agora ben, a liberdade dun povo non depende da súa renda, senón de que teña capacidade para decidir sobre o presente e o futuro. Lembremos, que tampouco foi igual (no cuantitativo) o reparto do PIB e as relacións sociais do Virreinato do Río da Prata, que o papel que tiñan as colonias africanas moitas décadas despois. E ninguén dubida que en ambos os casos eran colonias das potencias europeas. Hai quen di que a ocupación militar dálle ese carácter. Porén, estas colonias contribuíron con voluntarios para os exércitos dos estados invasores, ou para derrotar outras potencias na Primeira e na Segunda Guerra Mundial, ou para reprimir revoltas internas. En Cataluña non fixo falla unha nova ocupación militar, abondou co desembarco de 14.000 policías e garda civís e a intervención da autonomía. A resposta do governo era previsíbel. Se non fose así, se cadra podería ser unha República independente. Non existe a democracia, nen no Estado español, nen na Unión Europea. Hai quen pensaba outra cousa. Hai quen non tivo en conta que a represión sobre o movemento obreiro non é casual, senón consubstancial ao sistema contra todo o que se lle opoña. Este aspecto conta moito no proceso de liberación nacional. Daquela a importancia, ademais dunha política de alianzas correcta (a fronte) e de forte presenza institucional, contar cun partido revolucionario, loitar contra a explotación, dar pulo ao debate das ideas, á mobilización social organizada e ocupando os lugares públicos, confrontando… Hai colonias en Europa (ou neocolonias)! Non son cousa do pasado!

Artigo publicado en Sermos Galiza 7-10 novembro de 2017

Os comentarios están pechados.