Nas últimas semanas, a guerra en Siria fíxose máis complexa. Non só porque Turquía xogue a varias bandas, coa finalidade central de evitar a constitución dunha ou varias repúblicas curdas na súa fronteira. Senón porque todo evidencia que o Daesh centra todos os seus esforzos en deter os progresos do exército sirio. Especialmente despois de que este recuperase Al Mayadin. Facilitan así o avance do SDF (a alianza de curdos e árabes auspiciada polos Estados Unidos e aliados), pola zona petroleira da marxe norte do Éufrates. Haberá algún tipo de acordo segredo neste sentido, tendo en consideración o apoio das monarquías da zona á oposición armada ao Governo de Assad?

Polo tanto, malia que o Estado Islámico está a punto de ser derrotado, tanto en Siria como no Iraq, ren fai pensar que o conflito armado vai chegar á súa fin, especialmente no primeiro país. Tanto polos feitos xa comentados, como porque a Fronte Al Nusra (con calquera dos sucesivos nomes cos que se foi disfrazando), aínda ocupa importantes áreas do País, sobre todo na provincia de Idlib. Por outra banda, existe unha zona controlada directamente por Turquía, e outra moito maior, en mans do SDF con varias bases norteamericanas. Estas últimas súmanse ás que xa posúen no sur, en Al Tanf, rente da fronteira con Xordania.

Neste contexto, non semella próximo un escenario de paz. Por que ían estar interesados Estados Unidos, Israel e Arabia Saudita nun acordo de paz entre a oposición armada e o Governo de Assad, cando teñen uns intereses xeo-estratéxicos tan fortes sobre o terreo? Polo tanto, hai dúbidas máis que razoábeis sobre a proximidade dunha saída deste tipo. A reunificación non lle garante ás potencias occidentais e a Israel unha incidencia decisiva. E moito menos, a hexemonía sobre Siria. Lembremos que a maioría da povoación vive nas zonas controladas polo Governo. Mesmo que retornasen todas as persoas refuxiadas do exterior, unhas eleccións consolidarían a Assad.

A esta altura, todo indica que se camiña cara a división de facto do País, con ou sen unha guerra aberta, mais nun escenario de conflitos armados, que poden ser constantes ou esporádicos segundo o momento. A cantidade de bases norteamericanas instaladas sobre o terreo así o amosa. Interésalle a Arabia e a Israel que estas bases se manteñan. Evitan a reunificación de Siria na práctica, sen legalizar a ruptura, como xa é o caso do Curdistán iraquí. Se fose deste xeito, non habería unha independencia curda formal, e constituiríase un novo protectorado da OTAN. O seu futuro dependería da intensidade da disputa entre as grandes potencias mundiais, e da alienación das potencias rexionais: Turquía, Irán, Arabia Saudita e Exipto, (e por suposto, Israel). Neste intre, as relacións entre Estados Unidos e Rusia son mínimas e de confrontación en todos os eidos. A reunificación baixo o actual Governo, ou con outro da mesma liña, completaría a derrota dos obxectivos de Washington pra Siria que, lembrémolo, pasaban pola substitución de Assad por un Governo marioneta de occidente. E tamén, reforzaría a Rusia como potencia.

Outra cuestión é que a división de Siria poda ser definitiva. Especialmente coa actual distribución de zonas de influencia. Primeiro, porque non se poden manter indefinidamente situacións de guerra e caos, como en Libia, Somalia, Malí, etc, sen que os efectos desta “terapia” non se terminen por estender ás potencias que as promoven. Segundo, o sistema económico e social demostrou estar esgotado. Terceiro, porque frear un mundo multilateral, e respectuoso coas soberanías nacionais, só se podería acadar mediante a destrución da humanidade. Un custe demasiado alto, sustentado na barbarie. Á traxedia siria quédanlle aínda máis capítulos, mesmo coa derrota do Daesh e co avance da reconstrución.

Artigo publicado en La Región o 30 de outubro de 2017