O aspecto máis salientábel do referendo catalán é que o Governo español utilizou a forza para impedir que o povo manifestase a súa opinión, e non o conseguiu. Tamén ten moito valor político, que na súa prepotencia o Estado escenificou con toda claridade que a integración de Catalunya fundaméntase na imposición (así como doutras nacionalidades). Habería que retroceder aos “estados de excepción” de Franco para termos imaxes comparábeis as do referendo. Unhas 900 persoas feridas e mancadas polas cargas da policía española e da garda civil, colexios pechados, urnas e papeletas requisadas, cidadáns ameazados polo poder xudicial (asumindo o papel da dereita centralista). Esa é a imaxe que queda no povo catalán e en todo o mundo do valor da “democracia” de Rajoy, e do Estado español. Por se non abondase, o grupo de choque estaba constituído por 4.000 policías e máis de 800 garda civís traídos de fóra de Catalunya, comportándose como forzas de ocupación.

Ou sexa que, malia todos os recursos dos que dispón, o Governo non foi quen de evitar que se votase na maioría das mesas, que a povoación participase de xeito masivo, ficando expostos á represión e sancións. O referendo deixou de ter un significado pasivo (votar) para se converter nunha mobilización activa, no que o povo tivo o protagonismo. Pretextar agora, polos mesmos que fixeron o imposíbel para que non se realizase o referendo, polos que avalaron todas as medidas para que a povoación non participase, e que xustificaron o peche de colexios electorais e o secuestro de urnas, que faltaron mecanismos de control, é unha mostra do maior dos cinismos. Foi un dos referendos máis controlados, con centos de persoas seguindo as votacións, e participando activamente. Hai algún control máis efectivo e democrático que o do povo?

A esta altura pódese afirmar que esta primeira fase do procés termina cun aumento da conciencia política, e cun salto cualitativo e cuantitativo para o movemento nacional e popular en Catalunya. Esta é a valoración fundamental do que sucedeu o 1 de outubro!!! Agora ben, gañar non é neste caso sinónimo de vitoria, dun cambio de etapa, senón do inicio dunha nova fase do procés. Unha fase na que o nacionalismo catalán se consolida como a forza decisiva, cun forte apoio de masas mobilizadas e capaces de confrontar co sistema. Isto implica que no futuro afrontará con moitas maiores posibilidades de éxito a loita a prol dun estado soberano e republicano. Tamén que pode negociar co Estado español (as clases dominantes) dende unha postura de maior fortaleza. Boa falta fará, porque no inmediato seguiran as medidas represivas individuais e colectivas (Ciudadanos teima en pedir a aplicación do artigo 155).

Como consecuencia da resposta combativa do povo catalán as clases dominantes xa comezan a debater se non lles sería máis beneficioso mudar de estratexía. O escenario actual, que ten como sostén político o PP e Ciudadanos, baseado exclusivamente en medidas coercitivas, prisións, sancións, intervención das institucións catalás de xeito directo ou disfrazado, non está a dar os resultados esperados. A outra opción, que propoñen os sectores máis “dialogantes”, sería recoñecer a cuestión nacional catalá e buscar vías para recuperar os sectores do soberanismo non independentista para unha saída negociada, dando por descontado o apoio dos “unionistas”. Este último escenario, que propón Podemos e apoian moitos intelectuais cunha visión a máis longo prazo, necesita dunha moción de censura a Rajoy e a construción dunha nova alternativa de governo liderada polo PSOE. Mais este partido parece máis disposto, mesmo por razóns internas, a deixar que o PP se queime, mesmo a costa de perder súa incidencia en Catalunya. Neste aspecto xoga mantén a mesma estratexia co PP.

Outra das contribucións do referendo é que remexeu a situación política en todo o Estado, re-situando a cuestión territorial, e que todo reflicte ademais vai ter efectos inmediatos sobre as políticas económicas e sociais, especialmente se o PP perde o governo. Sen dúbida sería así, sempre que se impoña o sector das clases dominantes que defende a vía da negociación. Ou sexa, a que ten como obxectivo cambiar algo para que ren mude. Mais, despois de escoitar onte as declaracións de Rajoy e Sánchez, todo fai pensar que a liña que se imporá neste intre será a de manter a represión co obxectivo prioritario de facer fronte á declaración de independencia de Catalunya. Deixando calquera reforma para un momento posterior. O obxectivo sería tomar algunhas medidas simbólicas no nacional e no ámbito económico (plurinacionalidade cultural, aumento das transferencias de recursos e algunha competencia menor), que lles permita recuperar un sector das “clases medias”. Coidan que estas apostaron pola independencia ante a actitude impositiva do Estado español, e que están devecendo por retornar ao pasado. Consideran que o fortalecemento do soberanismo catalán é circunstancial e produto da saudade, cando en realidade se trata dunha resposta cada vez máis madura contra a corrupción, a explotación social e represión nacional.

Coido que a estratexia de man dura, por parte das clases dominantes (que ademais contaría co respaldo de PP e PSOE) non vai dar os resultados esperados. Xa que, aínda que queiran limitar a represión ás persoas que encabezan o procés, a contestación social será tan grande, que se verán obrigados a estendela a milleiros de homes e mulleres. Deste xeito agravarase a confrontación co povo catalán, polo que se debilitará aínda máis o discurso das clases dominantes en relación co suposto proxecto común (territorial e social) do Estado español.

Todo fai pensar a esta altura que a confrontación seguirá en ascenso. Que o debate sobre o modelo territorial e social alargarase, que acadará moita intensidade no resto do Estado español, e moi especialmente nas nacionalidades históricas. E neste aspecto será esencial a iniciativa, a mobilización, e moi especialmente a loita no eido das ideas. Cómpre confrontar modelos de sociedade, proxectos de futuro, follas de ruta. Un debate central, xa que se dá nun intre propicio para o cambio, unha vez destruída a nefasta concepción sementada polo neoliberalismo de que todo está atado e ben atado. E todo isto, grazas á exemplar mobilización democrática, republicana, do povo catalán e grazas ao movemento a prol da independencia.

Artigo publicado en Sermos Galiza 3-6 de outubro de 2017