O pasado venres, Emmanuel Macron, presidente de Francia, asinou varios decretos de reforma laboral que non foron debatidos na Asemblea Nacional, xa que previamente esta outorgoulle esa facultade. Trátase de cambios que terán unha inmediata e profunda repercusión en Francia, e a medio prazo no conxunto da Unión Europea e en todo o mundo. Son un paso máis nun escenario construído á imaxe do gran capital transnacional, que hoxe ten un inmenso poder económico, mediático e político. Non se pode obviar, que estas reformas laborais regresivas están en sintonía coas realizadas antes no Estado español e coas que se acaban de aprobar en Brasil, a primeira potencia industrial de América Latina, coincidindo coa decisión de Temer de privatizar as principais empresas públicas.

A reforma laboral en Francia incide especialmente nos despedimentos inxustificados, reducindo as contías da indemnización a 20 meses como máximo. Ademais, alenta negociación das condicións laborais no ámbito da empresa en detrimento dos convenios de ámbito superior. Reforza a negociación directa nas empresas con menos de 50 empregados/as, á marxe da representación sindical. Ou sexa, deixa as traballadoras e traballadores en condicións de total desvantaxe fronte ás modificacións do contrato e da negociación colectiva, cando queira a patronal. Potencia os contratos temporais e por obra. A cambio, o caramelo ofrecido aos sindicatos polo Governo, sería endurecer o despedimento obxectivo, e xogar coa ilusión de reducir a taxa de paro, que hoxe é do 9,5%.

Súmase a estas medidas negativas para a clase traballadora, a eliminación de 120.000 empregos públicos. Mentres, pola contra, redúcese o imposto de sociedades do 33,3% ao 25%, e estendese o seguro de desemprego aos empresarios/as e autónomos/as. Véxase que son iniciativas en relación cos orzamentos, que rebaixan a presión fiscal ao capital e aumentan as prestacións a empresarios e autónomos, mentres que son regresivas para a clase traballadora. Significan un salto cualitativo a prol da patronal nas relacións laborais, nas prestacións sociais e na presión fiscal, co manido argumento de favorecer a creación de emprego. Mais esta escusa non é compartida polo 70% da poboación francesa, que considera que con estas medidas o desemprego non baixará. Entón, porque a oposición non é quen de presentar unha fronte unida para impedir estas reformas nefastas?

Non axuda nada, na loita contra estas medidas, a pretensión de Melenchon de esmagar o PCF, co obxectivo de eliminar toda competencia na súa esquerda. Esta actitude, que coloca a disputa electoral por diante da confrontación de clase, implicou que a CGT convocase mobilizacións o pasado 12 de setembro en 180 localidades do país, mentres que Francia Insubmisa realizaba a súa manifestación este 23, reunindo unhas 100.000 persoas en Paris. Óllese que nun caso, esta realizouse antes, coa intención de incidir sobre a decisión do Goberno, mentres que no outro, fíxose coincidir coa sinatura dos decretos, para contrapor programas, cunha finalidade claramente electoral. Por se non abondase, tanto Forza Obreira como a CFDT (esta última é a central ligada ao Partido Socialista), manteñen un perfil de oposición baixo, propio de sindicatos que teñen a concertación social como parte da súa identidade dende hai moitas décadas. Utilízase como escusa que a reforma homologa a lexislación laboral á de Alemaña, Reino Unido e o Estado español, aínda que esta postura é cuestionada pola base.

Sen dúbida, a contestación a estas reformas antiobreiras e antipopulares non rematou e irá a máis en Francia. Agora ben, non se debería ignorar que ademais, como xa dixen ao principio, terán consecuencias a medio prazo, especialmente sobre a eurozona, tendo en consideración a moeda común, a sobreprodución, a desigualdade crecente, e os tratados de libre comercio. Neste marco económico e social, no que a optimización do lucro é a lei fundamental, e onde a especulación absorbe cada vez máis recursos, para alén do papel destacado que teñen os factores de poder económico-militar e a innovación tecnolóxica, a deflación laboral utilízase por parte do capital como instrumento principal. Polo tanto, para manter a súa capacidade competitiva, o Estado español e outros países europeos, comezando polos que forman parte da eurozona, non tardaran en envorcar sobre a clase traballadora todos os custes sociais e laborais dun sistema baseado na explotación e na opresión do máis débil. Máis unha vez, daranse mil escusas, vincularase traballo digno e prestacións publicas con desemprego, mentres que os altos directivos/as, as grandes fortunas, seguiran acumulando riqueza e poder, e dirase que é no beneficio de todos, porque iso é garantía de traballo. En resumo, tomemos nota: a explotación laboral medrará, se non o impedimos. Por iso, cómpren sindicatos fortes e combativos, mais tamén proxectos partidarios con sentido de clase, para trasladar a mobilización na rúa e na empresa ao ámbito político.

Artigo publicado en Sermos Galiza o 29 de setembro de 2017