O conflito en Siria deu un novo paso adiante, ao cruzaren o Éufrates o exército de Assad e os seus aliados. Algúns analistas afirmaban que todo estaba pactado entre Estados Unidos e Rusia. Seica o río ía servir de fronteira, permitindo dous escenarios posíbeis: a creación dun estado curdo unido ao Curdistán de Barzani en Iraq, ou ben, unha área controlada directamente por Washington e subalternos da OTAN, Francia e Reino Unido.

A primeira das hipóteses xa foi resolta: non existe pacto entre Estados Unidos e Rusia. Non podía ser doutro xeito, porque Washington segue mantendo nexos no campo xeo-estratéxico co Estado Islámico e Al Nusra. E semella que os EE.UU. están máis interesados na fragmentación de Siria e o caos na zona, que na paz. Algo que se reflicte nun feito: xusto cando o exército sirio liberaba Deir-ez-Zor, as SDF (coalición curdo-árabe protexida pola OTAN) penetraron en horas, máis de 60 quilómetros no territorio do EI, achegándose á cidade case sen combater, e despois de meses de inactividade nesta fronte. A finalidade desta manobra foi impedir que o exército sirio ocupase a zona industrial e a área petrolífera que se alarga polo norte do Éufrates ate a fronteira con Iraq.

Os vindeiros días serán claves. Mesmo se podería dar un choque militar entre ambos os bloques. Xa houbo confrontacións menores, e o territorio en disputa ten un enorme valor militar e económico. Lembremos que Estados Unidos e outros países aliados teñen tropas ilegalmente no territorio. Só recorren á ONU cando lles convén. En calquera caso, a estratexia actual de Washington, que ve cuestionada a súa supremacía, non é precisamente a procura de solucións negociadas. Todo indica que, tanto o Pentágono como Trump, co respaldo do gran capital, apostan por levar a confrontación ao límite. Máxime cando a súa superioridade no armamento convencional tamén está sendo cuestionada. Por outra banda, a confianza entre estados e dirixentes está no seu punto máis baixo despois dunha experiencia tan tremenda, con tantos países desfeitos en nome da democracia: Somalia, Afganistán, Iraq, Libia, Siria, Iemen… Nada máis perigoso que unha potencia en decadencia.

Artigo publicado en Diario de Ferrol o 21 de setembro de 2017