Igualdade de oportunidades? De que estamos a falar?

Agosto 31st, 2017  |  Published in| the_category economía, neoliberalismo, sociedade, traballo

De vagar, tanto os medios de comunicación hexemónicos, como unha parte importante dos alternativos, comezan a se parecer como dúas pingas de auga, no referente á relevancia que lle dán á explotación laboral. Todos eles, de cando en vez, analizan como se perde poder adquisitivo e medra a desigualdade nos salarios, como aumentan os contratos temporais e a tempo parcial, e polo tanto a precariedade. Mesmo destacan que o desemprego se volve estrutural (seica debido á robótica e á globalización, que converten nun proceso “natural”, á marxe das vontades dos grupos de poder). Mais en ambos os dous tipos de medios, e partindo dun enfoque aparentemente contraposto, ninguén chega a conclusións económicas, sociais e políticas que vaian ao fundo do problema e propoñan alternativas que repartan con xustiza o traballo e os ingresos.

No editorial da edición arxentina de Le Monde Diplomatique, do mes de agosto, o xornalista José Natanson, refírese á similitude dos proxectos da nova dereita, malia as distancias xeográficas. Destaca como, disfrazada de progre en certos aspectos sociais, esta lectura é reaccionaria no eido económico e laboral. Como exemplo, analiza as semellanzas entre Mauricio Macri e Emmanuel Macron (http://www.eldiplo.org/218-desigualdad-el-debate-ausente/macronmacri/). Di Natanson: “Macron subscribe o consenso centrista que indica que a desigualdade é unha consecuencia inevitábel da globalización, da deslocalización industrial e da nova realidade do mercado laboral; e que, aínda que seguramente sería desexábel unha sociedade máis igualitaria, o único camiño posíbel non é redistribuír o ingreso, e menos aínda a riqueza, senón as oportunidades. Agora ben, como afirma Natanson: “A perspectiva da igualdade de oportunidades non apunta a construír unha sociedade de iguais senón unha liña única de partida para que os individuos, que son todos distintos e queren cousas diferentes, se esforcen e compitan, que é o que en definitiva asegura o progreso”.

En poucas palabras, Natanson dinos que estamos diante do vello argumento da dereita baseado na meritocracia, na primacía da liberdade individual como antítese da xustiza social e da solidariedade. Ignorando que as persoas están condicionadas no traballo e no seu modo de vida pola súa clase social e nacionalidade, raza e sexo. Hai que recoñecer que esta vella proposta da dereita adaptou o seu discurso a esta etapa. Preséntase como a igualdade de oportunidades o que en realidade serve de aval argumental para manter os alicerces das diferencias económicas. Tómanse medidas asistenciais favorábeis a colectivos moi determinados, co obxectivo de divulgar un pretendido carácter humanitario e solidario do capitalismo, que seica daría a todos/as iguais oportunidades. Por exemplo, en relación con algúns inmigrantes e colectivos étnicos, e certos sectores desfavorecidos por razón de sexo ou idade no ámbito laboral. Na práctica, trátase de concesións moi limitadas, que buscan garantir a paz social,e non cuestionan o sistema.

Non se poden obviar os beneficios a colectivos singularizados. Mais sería errado consideralos mecanicamente parte do proceso de cambio. Con estas medidas, o capital só repón unha unha parte mínima da máis-valia apropiada a unha fracción da clase traballadora, mentres que aumenta a explotación sobre o conxunto, tal como se reflicte co medre xeral da precariedade e a desigualdade, malia a aplicación deste tipo de paliativos. Non esquezamos que esta tendencia regresiva, de aumento da explotación laboral, sempre é máis intensa nos países dependentes, como Galiza, que xogan un papel subordinado na cadea de valor.

Polo tanto, a meritocracia preséntase baixo o discurso dunha igualdade de oportunidades que é falsa. Xa que as medidas que se propoñen baixo este envoltorio non evitan, nen frean, senón que alentan a desigualdade, tanto entre territorios como entre clases. Asemade, ficamos nun contexto onde hai un retroceso cualitativo en relación co chamado estado do benestar, que se daba en certos estados do centro do sistema cando neles se recoñecían algúns dereitos laborais, en función da contribución da clase traballadora á produción. Evidentemente isto foi unha conquista producida pola mobilización. Deuse como consecuencia da correlación de forzas dese período histórico. Ou sexa, do avance social da URSS e do seu papel na derrota do fascismo, dos procesos de liberación das colonias, e por mor das grandes loitas do movemento obreiro. A correlación de forzas actual é moi distinta, xa que no debate das ideas, a hipótese de que o capitalismo é un sistema insubstituíbel aparece como hexemónica.

O sociólogo brasileiro Ricardo Antunes no seu libro Adeus ao Traballo? (A Nosa Terra; CIG) analiza como o toyotismo utilizou a finais do século pasado a meritocracia dentro das empresas punteiras, coa complicidade do sindicalismo de empresa, buscando a paz social e a implicación do traballador/a no aumento da produtividade, garantindo emprego fixo e permitindo certo ascenso interno como premio a esta colaboración de clase. Isto compensouse coa terciarización. Hoxe, reducido o peso cuantitativo das grandes factorías industriais, co medre da precariedade no traballo asalariado, e a perda de peso do sindicalismo, e mesmo diminución da referencialidade do movemento obreiro para as forzas de esquerda, o capital opta por outras tácticas.

Polo tanto, cando se fala de igualdade, os partidos do sistema non se refiren a unha sociedade igualitaria, na que impere a xustiza en todos os ámbitos, ou sexa: o comunismo. Senón que están a propoñer unha alternativa falsa, como é a chamada igualdade de oportunidades, que permite aumentar a explotación que, lembremos, é consubstancial ao capitalismo. Ademais, a igualdade comunista, ou sexa, dar a cada quen segundo as súas necesidades, necesita dunha etapa previa, segundo o marxismo (e segundo se demostrou na práctica). Esta sería o socialismo. E en certos países e momentos históricos como o actual, despois da caída do socialismo real, todo apunta a que a sociedade debería pasar por un período de democracia popular. Ou sexa, un marco onde certos medios de produción serían colectivizados, o traballo garantido, e no que se produciría un pulo cuantitativo na distribución dos ingresos, e cualitativo en relación co protagonismo político das clases populares, e especialmente da clase traballadora.

Agora ben, para percorrer este camiño, cómpre que o povo faga seu o proxecto de cambio sabendo exactamente o que se propón (programa, folla de ruta, organización, mobilización, loita das ideas, métodos de traballo, política de alianzas). É o único xeito de que se eleve a conciencia política e de conseguir que as clases populares sexan protagonistas, participen ou acompañen o proceso en todas as súas etapas. Para iso, como xa dixen, hai que rexeitar a ambigüidade e impedir as dobres lecturas dos discursos, da información, das consignas. Ambigüidades das que se aproveita o sistema para dar folgos a unha imaxe distorsionada. Trátase de transmitir con claridade as propostas que se realizan, e como estes avances permitirían construír o cambio estratéxico, xa que só así se poderá construír e consolidar unha sociedade xusta. E para avanzar neste aspecto, é esencial, ademais de aumentar a conciencia nacional e de clase, fortalecer a base organizada e o número de cadros políticos. Hai que valorar correctamente, en cada momento, o estado de ánimo das masas. Esta é unha análise que se debe realizar antes, e como conclusión, de toda campaña, mobilización ou acto.

O capitalismo espalla o derrotismo e sempre procura fragmentar as clases populares, alentando as contradicións internas e pervertendo conceptos básicos sobre os que se constrúe o cambio, como igualdade e democracia, soberanía e xustiza social. Buscan potenciar o individualismo, a cobiza, a liberdade aparente, unha “igualdade de oportunidades” seica baseada nos méritos persoais (a meritocracia), que obvia o contexto, a clase, as relacións de grupo e de poder. Daquela que, clarificar conceptos, valoracións, tendencias, obxectivos, procesos … sexa unha tarefa esencial para transformar, ou sexa, para construír poder popular.

Artigo publicado en Sermos Galiza o 29-08/2-09 de 2017

Os comentarios están pechados.