Os ataques terroristas que se suceden en varios estados da Unión Europea non se poden identificar como efectos da práctica da relixión musulmá. Non son o produto da confesión relixiosa dos que executan esas accións tan salvaxes. O vinculo hai que buscalo na inxerencia occidental en varios países árabes. Na destrución do seu tecido produtivo con milleiros de vítimas, na expropiación dos seus recursos naturais e na creación de protectorados. Tamén na actitude político-relixiosa fundamentalista de determinadas monarquías petroleiras que, por razóns xeo-estratéxicas e de complicidade de intereses económicos, contan co consentimento das potencias occidentais que forman parte da OTAN. Non se pode obviar, por exemplo, o papel da ultraconservadora monarquía da Arabia Saudita na prédica e expansión dunha interpretación agresiva do islamismo. Tampouco se pode ignorar o seu papel nas guerras de Libia, Iraq, Siria e Iemen, coa axuda de Catar e dos Emiratos Árabes. E por suposto, a alegría de Israel, porque isto permítelle consolidar a ocupación de Palestina, xa que hai décadas que non está en perigo a súa existencia como estado.

Os actos terroristas nunca están xustificados!! Porén, esta afirmación é valida pra os que cometen o Estado Islámico e organizacións con idénticos métodos na Unión Europea, mais tamén pra os que se executan en Iraq, Siria, Afganistán, Exipto ou Tunisia. Non pode existir unha vara de medir distinta segundo o lugar, e querer tapalo todo co argumento da pluralidade e democracia occidental. Máxime cando os Estados Unidos e varios países europeos que forman parte da OTAN están presentes sobre o terreo, nos conflitos que destrúen os países árabes ou con maioría relixiosa musulmá. E, sobre todo, cando por medio de avións de guerra ou drones provócanse milleiros de mortos civís como consecuencia dos bombardeos. Chamarlle “danos colaterais” non salva das responsabilidades. Son accións que botan gasolina no lume. Cómpre polo tanto reconsiderar as relacións externas. Hai que rematar co intervencionismo, coa imposición de modelos (onde interesa), cos bloqueos económicos e coa OTAN.

A maioría dos terroristas teñen orixe marroquina e tunisiana. A isto, súmase unha análise superficial a respecto da virtude multicultural das cidades europeas. Daquela que cada vez que sucede un atentado, que afectan a colectivos de inmigrantes, polarízanse as posturas e interpretacións. Coido que as persoas non son mellores nen peores, nen listas ou parvas, dependendo do seu sexo, raza, ou orientación sexual, de se practican unha relixión ou non. Mais é certo que o modelo de sociedade na que conviven colectivos con códigos culturais distintos, máxime cando se alenta este aspecto, crean sociedades paralelas nas que medran as diverxencias. Sen dúbida pra o capital isto ten moito de positivo, de estratéxico, porque fragmenta as clases populares e debilita as súas reivindicacións no eido laboral, social. A inmigración é un recurso que aumenta a man de obra de reserva. Porén, a cuestión é se a falta de códigos comúns eiva a solidariedade e debilita a democracia, máxime no capitalismo, que alenta a desigualdade económica.

Entendo que os/as inmigrantes teñen a obriga de se integrar culturalmente ao país que migran. Así o fixemos os galegos/as alí onde fomos (no meu caso, á Arxentina). Iso non implica mudar de relixión, aqueles que a practiquen, nen perder os vínculos coa nación de orixe. Mais rexeitar a integración ou considerala secundaria, reproduce sociedades divididas, que conviven na rúa e no traballo, sen ter un código común pra analizar e resolver conflitos, e son incapaces de socializar un futuro. Non é unha cuestión menor. É un debate que condiciona o tipo de sociedade que queremos construír.

Artigo publicado en La Región o 29 de agosto de 2017