A estratexia utilizada polo Partido Popular para evitar a realización do referendo catalán é botar man dos moitos mecanismos de presión cos que conta o Estado, sen necesidade de recorrer ao artigo 155. O partido do Governo sabe que nesta tarefa ten o apoio de Ciudadanos e, sempre que non exista unha intervención directa, tamén do PSOE. Podemos non pasará de facer declaracións de boa vontade. Estes dous partidos da esquerda necesitan, pra dar validez á súa proposta federal, que a consulta non se poda realizar, ou que sexa unha repetición da do 9 de setembro de 2014.

Tanto o PSOE como Podemos converxen coa dereita na oposición ao referendo, aínda que procuren desmarcarse aparecendo como a terceira opción, cun verniz progresista e democrático. No esencial, estas forzas defenden o Estado español como único suxeito de dereito, rexeitando a independencia ou unha confederación. A proposta da capacidade de decidir de Podemos nunca se concreta, e a realización do referendo en Catalunya está supeditada a aceptación polo Congreso español ou a unha reforma constitucional, pra que non hai votos abondo hoxe ou no futuro inmediato. Esta postura tan refractaria ao recoñecemento da realidade plurinacional do Estado, non como unha formalidade senón como un feito con consecuencias xurídicas, contrasta coa permisividade coa que se ceden competencias e poder á Unión Europea.

Que a transferencia de recursos ao Governo catalán se faga semanalmente, e cunha estrita fiscalización do gasto, pretende impedir que se utilicen pra realizar o referendo. A esta medida súmase a presión sobre os funcionarios. Son colocados na disxuntiva de ter que elixir, entre obedecer á Generalitat e ao Parlament, expóndose a multas, sancións e á perda do emprego, ou someterse ás directrices dos distintos poderes do Estado español. Como parte da escenificación desta presión, hai que considerar as declaracións de varios cargos do Governo central sobre unha posíbel intervención das forzas de seguridade “de ser necesario pra garantir a lei”. A presenza da Garda Civil no Parlament e na Generalitat, coa escusa da causa xudicial do 3%, hai que entendela tamén como parte desta demostración de forza.

O Governo catalán pode, en última instancia, recorrer a voluntarios/as pra garantir a loxística do referendo, e que as urnas e demais gastos sexan cubertos mediante achegas dos/as cidadáns. Agora ben, unha saída deste tipo deixaría en evidencia que non controlan o aparato institucional, e asemade, podería ser a repetición do acontecido no pasado plebiscito de 2014, no que votaron 1.800.000 persoas. No PSOE e Podemos pensan que este punto morto favorecería as súas posturas. Tamén afectaría negativamente ao tanden PP+Ciudadanos, por non conseguir impedir o referendo. Se a votación non superase a do plebiscito, o bloque soberanista non estaría en condicións de dar un novo paso cara a independencia. Porén, a historia non está escrita previamente. De aí os medos do Governo.

A repetición do escenario do plebiscito, ou que non se poda realizar o referendo, tampouco dará folgos ao PSOE e Podemos, se non aclaran as súas propostas, e non as concretan nunha reforma constitucional. Ou sexa, nun cambio que poda ser visto polo independentismo catalán como un mal menor (confederación, soberanía compartida), e que se tería que alargar ás outras nacionalidades (Euskadi, Galiza, etc.). Por outra banda, que o referendo non se poda realizar tampouco lle daría réditos a medio prazo ao PP e Ciudadanos. O problema manteríase vivo, porque o feito nacional seguiría sendo unha contradición non resolta, e ademais, ao medre da desigualdade e á regresión laboral, sumaríanse medidas de forza excepcionais. Nen sequera se gañaría tempo. Nestes dous meses, medrará a confrontación, e non só no aspecto retórico.

Artigo publicado en La Región o 8 de agosto de 2017