A manifestación do Día da Patria Galega, convocada polo BNG o pasado 25 de xullo foi un éxito de asistencia. Que a fronte patriótica xunte entre 15.000 e 20.000 persoas despois de todo o que leva caído nos últimos anos ten mérito. Mais sobre todo, amosa que a principal vitalidade do BNG está na súa capacidade de mobilización, en contar con militantes e simpatizantes moi activos, que se consideran galegos e galegas de nación. Esta fortaleza da fronte verifícase cando se compara cos actos e manifestacións realizadas por outras forzas do nacionalismo nesta data de tanto simbolismo. E resulta máis evidente en relación con aqueles partidos que non asumen a cuestión nacional e se limitan a propoñer, obrigados pola situación política, a superación da fraude do estado das autonomía (recoñecendo o estado plurinacional e algún tipo de federalismo que non cuestione o Estado español como suxeito da soberanía).

Para o BNG obter un resultado tan positivo neste Día da Patria Galega, tivo importancia que se realizasen en todo o país un cento de actos e charlas nos días previos, tarefa na que contou a contribución de Galiza Nova. É verdade que os actos xiraron arredor de diversos temas. Porén, todos converxían na necesidade de se mobilizar e fortalecer a fronte como vehículo da liberación nacional e social. Tamén foi esencial a actitude coherente da dirección do BNG, que non cedeu nun aspecto central como o da auto-organización, malia que lle tivese custo en votos e nos medios. Agora ben, sendo o anterior fundamental para a sociedade, máxime cando é unha postura que depende da vontade da propia organización, todo indica que ademais está mudando o estado de ánimo das masas. Foi perdendo forza o espellismo de que exclusivamente a través do voto, ou sexa das institucións, cun apoio circunstancial da mobilización, co activismo nas redes e aparecer moito nos medios, podíase conquistar a ruptura democrática (o efecto Podemos).

O éxito da manifestación do BNG este 25 de xullo non foi unha casualidade. Máxime cando resulta evidente que non fixo súas as teses desta “nova” esquerda. A importante participación no Día da Patria está ligada a outros aspectos. Concretamente, á recuperación da mobilización laboral e social dos últimos meses (ou sexa, á agudización da loita de clases), e a que a fronte foi quen de estar na primeira liña desas loitas reivindicativas (nos distintos ámbitos nos que ten presenza), recollendo o estado de ánimo das clases populares.

Mais, sería de soberbios/as pensar que no nacionalismo non houbo erros e eivas que cómpre rectificar, para que o resultado da manifestación non fique nun avance conxuntural, senón que sirva como panca para un medre da mobilización, para a incorporación de novos e novas militantes, e un aumento do apoio en futuros procesos electorais. Entre os erros, considero que está o propio lema da convocatoria, carente dunha mensaxe reivindicativa, tanto no nacional como no social. Do mesmo estilo é a voandeira, que acentúa na súa capa o aspecto intimista e afectivo, deixando nun segundo lugar o reivindicativo, que era a esencia da convocatoria (semella unha copia da publicidade comercial). O novo logo da fronte tampouco axuda na mensaxe política. A palideza das cores, semella que quere buscar proximidade, mais tamén transmite moderación, e polo tanto afástase, na conciencia colectiva, do concepto de ruptura, ou sexa, do obxectivo estratéxico.

En relación coa manifestación, coido que a organización da marcha foi boa en xeral. Mesmo houbo menos atrancos na entrada á Quintana, que sempre resulta complexa. Mais, no relativo aos símbolos (que non é algo secundario) pregúntome: colocar na cabeceira da marcha, unha bandeira distinta á que asumimos historicamente e en congreso como a da Patria Galega (tan cuestionada polo españolismo) ten algunha mensaxe subliminar, ou faise sinxelamente por ocorrencia? Tampouco se entende moi ben, na tradición da esquerda, a formación dun corredor para que a Executiva da fronte percorra a Quintana baixo a expectativa e o aplauso obrigado dos/das asistentes, pondo en destaque a dirección sobre a masa (constituída neste caso, moi maioritariamente, de militantes e activistas). Un xeito de actuar máis propio dos partidos sistémicos, moi á norteamericana, na que se considera que o líder é o manda-máis e alma da organización. Isto contraponse ao concepto de que o povo é quen máis ordena.

Por outra banda, considero que non ten moito sentido adicar o limiar do acto a tomar a cachondeo a actividade política, como se esta, e os problemas sociais, económicos e lingüísticos, fosen unha broma. Non é o lugar para este tipo de espectáculos, aos que non lle resto valor artístico (nen por suposto a quen o fixo). Tampouco cuestiono que teña un efecto relaxante, e mesmo de toma de conciencia, en ambientes con moi pouca formación política. Porén, no Día da Patria Galega non parece que sexa o momento. Especialmente, os chistes sobre En Marea estaban fóra de lugar, máxime cando na manifestación participaron persoas que simpatizan con esta opción política. Moitos activistas desta organización foron compañeiros e compañeiras de militancia durante anos, ás veces décadas, e merecen respecto. Deberíamos aproximalos. Beneficia ao nacionalismo tomalos a chiste? Ademais, en que nos axuda afirmar que están divididos e que nos actos dese día eles eran moi poucos? Aínda sendo certo, poden replicar que, tendo unha base organizada moito menor que a do BNG, son quen de recoller moitos máis votos, e que iso implicaría que teñen un proxecto máis atractivo para as clases populares. Estes son debates que se teñen que dar doutro xeito, con análise e con obxectivos políticos, con visión de conxunto e de futuro, con argumentos contrastábeis, con seriedade e respecto.

E, por último, coido que a portavoz foi gañando moito como oradora, e que a súa mensaxe foise facendo máis achegada á realidade da maioría. Mais é unha magoa que no discurso non houbese ningunha mención á clase traballadora como tal, á explotación capitalista, e a desfeita dos ecosistemas, así como unha definición clara en relación con este proxecto imperialista que é UE. Sei que a maioría da xente non escoita os discursos, que a portavoz tocou problemas sentidos pola sociedade, de xénero, sociais e laborais, que se pediu unha República Galega. Mais, repetir 22 veces Galiza non nos fai máis nacionalistas. E obviar que existen as clases sociais, non fortalece a fronte, máxime cando a loita de clases se vive dun xeito dramático e cotiá pola maioría da xente. O empresariado (o foráneo e tamén o galego), e os “profesionais” subordinados a este, teñen un papel destacado na desgaleguización do país, e no retroceso dos dereitos laborais, sociais e democráticos.

Neste intre, existe unha tendencia positiva no estado de ánimo da xente en relación coa mobilización, que atinxe sobre todo aos sectores máis activos das clases populares: manifestación do Día das Letras e do Día da Patria Galega, pulo dos conflitos laborais (metal, transporte, 112, etc). Esta evolución non ten porque se trasladar mecanicamente ao ámbito da representación institucional. Dependerá de que as propostas e a mensaxe das organizacións políticas (neste caso do nacionalismo anticolonial) sexan quen de ilusionar as clases populares, e especialmente o movemento obreiro. O BNG está en condicións de ser o instrumento, non na teoría, senón na práctica, da conquista da liberación nacional e social de Galiza, dunha patria soberana e sen explotación. Trátase dun proceso longo, de construción do poder popular, que depende moito da conxuntura internacional. Porén, o povo non ignora a correlación de forzas e os atrancos. O que nunca comprende son as renuncias programáticas da vangarda, a falta de entrega, de atrevemento.

A acumulación de forzas non é só numérica, senón cualitativa tamén, de complicidade cun proxecto de país soberano: no cultural e lingüístico, nunhas relacións laborais baseadas na xustiza social, na igualdade de xénero e no respecto aos dereitos individuais, na defensa dos ecosistemas, na democracia popular, na solidariedade… E neste aspecto, o BNG non debería renunciar á súa historia, na que son moito máis significativos os sacrificios, loitas, xestión exemplar, e entregas persoais, e as conquistas sociais conseguidas, que os erros dalgunha etapa, exclusivamente no ámbito institucional, e as poucas renuncias individuais (malia que tivesen significación mediática). En resumo. O éxito do Día da Patria foi un paso adiante, mesmo se hai eivas que cómpre superar para que o avance non sexa circunstancial e circunscrito á vangarda e sectores intermedios (usando unha terminoloxía leninista). Conseguilo, depende de todos e todas os que pedimos xustiza no social e no nacional, e moi especialmente, daqueles e daquelas que teñen responsabilidades de dirección ou que inciden na formación das ideas.