As trampas da dependencia

Agosto 2nd, 2017  |  Published in| the_category economía, globalizacion, mov.obreiro, neoliberalismo

O Presidente Mariano Rajoy apresentou en rolda de prensa os últimos dados da EPA. Na mesma, lembrou asemade os do PIB e do comercio exterior, coa asistencia da totalidade do Goberno. A escenificación foi a propia dun momento transcendental, no que seica se demostraba na práctica o acerto das políticas do PP, tanto en relación co axuste no gasto social, como na regresiva reforma laboral. Medidas que el considera foron alicerce para o aumento do PIB de máis do 3% anual, para que crezan as exportacións, e para un forte medre da poboación ocupada.

Mais cómpre matizar os dados anteriores. Hai máis palla que trigo. É verdade que neste trimestre medrou a ocupación en 375.000 persoas en todo o Estado español. Mais trátase en gran medida de emprego estacional, dependente do turismo e da actividade agraria. Polo que en termos anuais, só foi de 512.300 empregos máis, cando se debía multiplicar por catro a primeira cifra. Ademais, non se debe esquecer que existen catro millóns de parados e paradas. Por outra banda, e non se trata dun aspecto secundario, a maior parte do emprego é eventual ou a tempo parcial, con salarios cada vez máis reducidos e unha enorme rotación na contratación. Non é casual que se fale de ser pobres traballando. A isto, cómpre engadir o retorno de inmigrantes aos seus países de orixe e o aumento da emigración da mocidade.

A respecto do PIB, é certo que este superou as cifras anteriores á crise, mais fíxose a costa do aumento da estratificación social e dunha maior explotación laboral. Mesmo a UE chamoulle a atención ao Goberno polo medre da desigualdade e da exclusión. No ano 2016, o estado español xa era o que presentaba maiores diferenzas sociais entre os que integran a OCDE. En relación ao comercio exterior, hai que dicir que as exportacións seguen sendo inferiores ás importacións, que son compensadas por un saldo positivo dos servizos, nomeadamente polo crecemento do turismo, co que isto ten de conxuntural. Non se pode obviar que no eido estritamente comercial, no que vai de ano, aumentaron máis en porcentaxe as importacións que as exportacións.

No caso concreto de Galiza, os dados de xeración de emprego son peores. Para un crecemento do PIB moi semellante ao da media do Estado español, no segundo trimestre de 2017 no noso país, aumentou en 15.300 o número de ocupados. Porén, en relación ao mesmo mes do ano anterior, só medrou en 14.900 persoas. En poucas palabras, en termos anuais, na Galiza creouse só o 3% do emprego do Estado español: a metade do que nos correspondería pola nosa poboación!!! Este diferencial ten como consecuencia un crecemento demográfico regresivo. Non é para estar contentes, aínda que medre o PIB e tamén o faga a exportación de bens (especialmente téxtil). Tendo en consideración estes resultados, Núñez Feijóo debería facer autocrítica e rachar coa subordinación das políticas económicas e sociais que se deciden en Madrid e Bruxelas.

Non se deberá este desaxuste entre PIB e xeración de emprego, a un medre estatístico artificial das exportacións téxtiles, que non se corresponde coa produción e a ocupación real no sector na Galiza? Non fará falla un maior control estatístico, ou cando menos unha reflexión sobres os dados, e contar con táboas input-output máis recentes? Segundo a EPA do 2º trimestre, a taxa de desemprego era do 15,33% para os homes e do 16,96% para as mulleres. Dise que é unha porcentaxe menor da esperada. Mais, non se pode ignorar que está condicionada pola emigración, unha baixa natalidade e a caída da poboación. En resumo: o emprego medra na Galiza menos que no Estado español, os salarios e as pensións perden poder adquisitivo, aumenta a xornada laboral e a intensidade do traballo, e medra a precariedade en todas as súas formas (temporalidade, contratos a tempo parcial, falsos autónomos, etc.). Non se pode dicir que a crise está superada. Tampouco que as medidas tomadas sexan positivas. A menos que fosen estes resultados os que realmente se pretendían.

Artigo publicado en Galicia Hoxe o 2 de agosto de 2017

Os comentarios están pechados.