Dicíame hai uns días un compañeiro que, sendo certo que na Galiza existe unha interdependencia entre loita de clases e cuestión nacional, acadar a soberanía é unha condición principal para rematar coa explotación. Non hai dúbida de que ten toda a razón, especialmente cando se trata do noso país, de como foi conquistado, do papel colonial que cumpre historicamente no Estado español (EE). Mais tamén da fortaleza do proceso de concentración e centralización da riqueza e do poder, da correlación de forzas, e da actitude diante do feito nacional, tanto por parte de Madrid como de Bruxelas. Só mediante un Estado Galego é posíbel superar o capitalismo e construír o socialismo. E mesmo así, haberá moitos atrancos por diante.

Polo tanto, para avanzar nesta folla de ruta, é fundamental que a forza que impulse o proceso soberanista asuma tamén como proxecto rematar coa explotación. E ademais, que ambos os obxectivos conten coa complicidade das clases populares, aínda que nuns casos vexan un deles como o máis urxente. Ou sexa que a loita de clases non pode estar subordinada á cuestión nacional. Debe ter un papel tan importante como a conquista da soberanía. Só así se garante que coa independencia se poda construír unha sociedade xusta e democrática. Polo tanto, non abonda con que sexa asumida exclusivamente polos cadros partidarios en actos específicos. Debe formar parte do debate público de alternativas, da acción cotiá. Máxime cando a explotación é un aspecto central na vida da clase traballadora e doutras camadas populares.

Nesta etapa do capitalismo, as clases populares son as únicas interesadas en rachar co proceso de globalización imperialista, e deste xeito poder conseguir unha correlación de forzas favorábel para rematar coa explotación e a opresión. Na Galiza non existe unha burguesía nacional, para alén dalgún caso individual e anecdótico. Non é casual que o nacionalismo teña a súa maior base social organizada na clase traballadora, a través da CIG e, en menor medida, no produtor agrario autónomo/a e no estudantado. En realidade, co enorme avance do proceso de concentración e centralización da riqueza e do poder, son moi poucas as burguesías nacionais que subsisten e, como regra xeral, están vencelladas ás grandes potencias hexemónicas ou ás emerxentes, mundiais ou rexionais, e moi ligadas entre si por intereses económicos e especulativos.

Asemade, a agudización da confrontación militar, económica, cultural e na información, deixa en evidencia, tanto as contradicións entre as clases dominantes no mundo, como que estas son expresión de distintas fraccións do capital imperialista. Ningunha cuestiona o sistema, e todas son globalizadoras. E dun xeito ou doutro, limitan a soberanía das nacións máis débiles, procuran a súa subordinación, e negan o dereito de autodeterminación, a menos que favoreza o proceso de expansión imperialista (como nos casos da ex-URSS, da ex-Iugoslavia, ou de Sudán). E compiten por rebaixar as condicións laborais, privatizar servizos públicos e fixar mecanismos internacionais ao seu servizo á marxe de calquera institución elixida por voto popular. Aínda así, non se pode obviar que un mundo capitalista multipolar dá máis oportunidades ás clases e países subordinados para conquistar espazos de xustiza social e soberanía nacional. Porén, sempre será unha situación conxuntural, que dependerá da mobilización popular e da evolución das contradicións e alianzas entre potencias. Por iso, é fundamental avanzar na construción de sistemas económicos e sociais sustentábeis, autocentrados, cun reparto xusto do traballo e da riqueza, e consolidar espazos de democracia popular.

Volvendo á idea inicial. A liberación nacional só é posíbel gañando a complicidade da maioría social, ou sexa: da clase traballadora. A ela pódense sumar outras camadas populares, afectadas tamén pola dependencia e a colonización. A clase traballadora representa un 80% da poboación activa. E a súa preocupación central, no día a día, son as condicións de traballo, máxime nun marco de redución de salarios e medre da precariedade, e do que dependen as pensións. E oito de cada dez asalariados e asalariadas teñen unha relación laboral coa empresa privada, que maximiza a máis-valía do traballo producido. Daquela que só sexa posíbel gañar a súa implicación política recollendo as súas reclamacións, tomando parte como partido na súa confrontación coa burguesía, participando das súas loitas, converténdose en voceiros das súas reivindicacións inmediatas e a medio prazo, dándolles protagonismo na organización. Non abonda con pedir máis e mellor emprego. Fano todos os partidos. Cómpre mollarse na loita de clases, demostrar na práctica cotiá que a construción dunha sociedade xusta e democrática, unha vez conquistada a liberación nacional non é unha promesa máis, senón parte da razón de ser e da folla de ruta do nacionalismo galego. Evidentemente hai outras cuestións urxentes que non se poden ignorar, nen esquecer, como a defensa da cultura e lingua nacional, a igualdade de xénero, os servizos públicos, a defensa dos ecosistemas, etc. Trátase de valorar no seu xusto termo que a metade das mobilizacións que se realizan na Galiza, e as que maior número de persoas xuntan, son as protestas relacionadas coas condicións de traballo.

Non se debería colocar nunca a clase traballadora na disxuntiva de decidir se prioriza nesta etapa a confrontación de clase ou a cuestión nacional. Sería un erro histórico, xa que ambas forman parte do proceso de liberación, e permiten construír o poder popular. Así o consideramos hai máis de catro décadas cando se converteu a UPG nun partido comunista patriótico, malia as limitacións que impuña daquela ser unha nación coa maioría da poboación adicada a unha agricultura de subsistencia, e ser o PCG-PCE un partido moi forte na clase obreira. Lembremos que no Informe aprobado no 1º Congreso desta forza nacionalista dicíase: “Evidentemente, o primeiro gran traballo da UPG foi afirmar, percurar as conesións do nacionalismo popular e a súa xustificación dende unha perspectiva marxista. Nunha palabra, como vencellar a Castelao con Marx e Lenin (…) A UPG xurdiu pois, como resposta ás necesidades dun povo colonizado e aldraxado”. E foi quen de desprazar a partidos, como o PCE, que non entenderon esta relación dialéctica entre clase e nación na Galiza, que apostaron pola transición e non pola ruptura. Porén, esta é outra historia, e sería outro artigo.

Artigo publicado en Sermos Galiza o 25-29 de xullo de 2017