Catalunya, a proba do algodón

Xullo 12th, 2017  |  Published in| the_category globalizacion, nacionalismo, soberania

Como se resolva o conflito catalán, por mor da convocatoria do 1 de outubro, terá unha gran importancia política. Asemade, será transcendente como se coloquen os partidos e organizacións sociais, tanto de Catalunya como doutras partes do Estado español, en relación con este tema. Todo indica que o PP e Ciudadanos, co apoio das clases dominantes, van impedir a realización do referendo utilizando todos os medios que sexan necesarios. A pregunta é: chegaran á intervención do Goberno autonómico e á disolución do Parlament? Con esta decisión, o Goberno central impediría que a proposta de independencia fose reforzada co voto explícito do pobo catalán no referendo. Porén, reflectiría ao mesmo tempo que o Estado español nega a Catalunya o dereito a decidir sobre o seu futuro. Ficaría en evidencia que son un pobo refén das decisións tomadas por outros territorios, cos que foron asociados en contra da súa vontade.

O PP polo momento prefire a alternativa de xudicializar o proceso, para impedir o referendo. Claro que esta vía ten un inconveniente, xa que o referendo está convocado para dentro de 2 meses e medio, e os tempos xudiciais normalmente son moi longos, a menos que se abuse das medidas cautelares e das resolucións espress. Ademais, se o Goberno e Parlamento catalán non aceptan as decisións xudiciais, a única vía que lle quedaría ao Goberno central é a utilización dos corpos de seguridade, a intervención da administración autonómica e local, e en último extremo a aplicación do artigo 155 da Constitución. Calquera das vías, dende a máis morna ate a máis dura, terá consecuencias políticas tanto en Catalunya como no resto do Estado español. Na práctica é a liquidación definitiva do Estado das Autonomías como modelo para esquivar as reivindicacións das nacionalidades (nacións) históricas. E aínda que a reivindicación fique opacada polo choque de trens entre España e Catalunya, e a interpretación distorsionada que da diverxencia fan os medios hexemónicos, en poucos anos, a loita pola soberanía (independencia, confederación) estenderase a todas as nacionalidades con máis forza que na actualidade. Por outra banda, aínda que se interveña a autonomía os concellos farían seu o referendo. O interrogante é cal sería a súa amplitude, e polo tanto as suas consecuencias sociais e políticas nesta conxuntura e no futuro.

A solución máis lóxica (e democrática) a este atoamento sería realizar o referendo coas máximas garantías, como se fixo en Escocia. Malia ser o Reino Unido unha vella potencia imperialista, aceptou este dereito básico. A campaña sería unha oportunidade única para que o Goberno central argumente porque a unidade favorece a Catalunya. Utilizar a escusa, para negar o referendo, de que os organismos do Estado son os únicos que representan a soberanía, é unha actitude autoritaria propia de quen carece de máis xustificación que o emprego do poder, da forza, para manter esa unidade. Esta vía autoritaria amosa na práctica que o dereito de conquista ten máis valor que as cousas en común, que un Estado que sería a suma histórica de nacións. A nación de nacións que manexan como hipótese Podemos e o PSOE de Pedro Sánchez para evitar o “choque de trens”. Se fose así, cal é o medo ao referendo mesmo unilateral?

Con tan pouco tempo por diante para o referendo, as clases dominantes poñen velas aos santos para que os sectores máis moderados do PDeCAT abandonen o tren da autodeterminación, debilitando o bloque independentista. Para dar folgos a esta hipótese, e restara forza ao proceso utilizan ademais a presión mediática, os métodos represivos da vía xudicial, os organismos e gobernos da Unión Europea, e tamén contan co apoio silandeiro da patronal catalá ligada á economía globalizada (incluídos medios de información de Catalunya). Ate o momento, esta campaña non conseguiu debilitar a fronte independentista, xa que para os/as que baixasen do tren sería un suicidio político, dado o forte respaldo social ao referendo, mesmo de cidadáns non independentistas.

Neste contexto, medran as contradicións nos partidos que priorizan o tacticismo, dentro dun populismo de esquerda. Daquela que un día falen de confederación e ao seguinte de federalismo. Que un día poñan o acento na autodeterminación e ás poucas horas fagan pasar toda decisión legal polas institucións do réxime do 78. Con tanta ambigüidade ten lóxica que as bases de Podemos decidisen participar no referendo, e o partido de Colau e Domènech, Catalunya en Comú, acordase non participar na consulta por entendela como carente de valor, aínda que si facilitala. Ou sexa, Podem Catalunya opta por unha folla de ruta distinta da que ten Pablo Iglesias. Polo seu lado, a dirección estatal de Podemos e a confluencia catalá, Catalunya en Comú, súmanse á vía de non rachar na práctica co Estado unitario, centralista. Apostar por un referendo consensuado é optar por unha vía morta, nesta correlación de forzas, e todo indica que a corto e medio prazo, mesmo que no Estado español goberne unha alianza de forzas progresistas. Daquela, a actitude Catalunya en Comú: Será por temor a unha intervención da municipalidade de Barcelona e a perda dos cargos públicos? Ou sinxelamente porque esperan aproveitar a intervención do Goberno central para cubrir o espazo institucional do que serían desaloxados os independentistas? A práctica, vai colocando cada forza política no seu lugar, peneirando a palla do grao. Cantos novos cambios de postura se producirán antes do 1 de outubro?

Artigo publicado en Galicia Hoxe o 12 de xullo de 2017

Os comentarios están pechados.