A conflitividade laboral colle folgos

Xullo 11th, 2017  |  Published in| the_category economía, traballo

Aínda que a actual vaga de conflitos laborais comezou o pasado xuño, todo indica que están a acadar a súa maior extensión no mes actual. É algo que chama a atención, xa que coas vacacións reláxanse as tensións derivadas das relacións dentro da empresa. Este ano non é así, o que reflicte a agudización das contradicións traballo-capital, malia que as estatísticas amosen unha caída do desemprego, así como unha mellora entre as familias que teñen atrancos pra chegar a final de mes. O medre da conflitividade pon en cuestión estes dados. Ou cando menos, deixa en evidencia que non reflicten correctamente a situación dunha boa parte da sociedade, e que a precarización nas súas diversas variantes está a abranguer todos as actividades.

Como exemplos do auxe da conflitividade, temos a folga do transporte de viaxeiros por estrada e, na provincia da Coruña, a do sector do metal. Esta última abrangue 18.000 obreiros/as e trátase do primeiro paro despois de 25 anos. Ten como obxectivo mellorar as condicións laborais e salarios no marco da negociación do convenio colectivo. No transporte de viaxeiros, a orixe do conflito é a nova normativa que a Xunta quere introducir, co argumento de conseguir unha maior efectividade no servizo, reducindo liñas e empregos. En ambos os conflitos o apoio dos asalariados/as e moi grande así como a participación nos piquetes informativos, malia iren xa varios días de folga. As asembleas decidiron encetar unha nova rolda de paros a partir do vindeiro día 13. No caso do transporte, convertérase en indefinida.

Mais estes non son os únicos sectores e empresas que están a protestar. Temos o servizo 112, que despois de varios meses, foi quen de obter melloras nas condicións laborais e salariais. Había casos de operarios/as que levaban anos sen librar os fins de semana. Tamén se están a manifestar, no marco da negociación dos seus convenios, o metal das provincias de Ourense e Pontevedra. En principio, con posturas moi diverxentes entre sindicatos e patronal. Polo que non se pode desbotar o recurso á folga, como un modo de presión máis efectivo.

Outro conflito laboral que salienta neste intre, centrado neste caso na defensa do emprego, é o de Ferroatlántica. Empresa situada en Cee, que corre o perigo de peche ou ver reducido drasticamente o seu cadro de persoal, por mor dunha operación especulativa da patronal, que a Xunta de Galiza pode evitar. Os obreiros e obreiras da factoría levan meses mobilizándose, e realizaron o pasado sábado unha manifestación en Compostela que contou co apoio de centrais sindicais e partidos políticos. Estanse a realizar asemade protestas de distinto tipo en moitos outros sectores, como no ensino contra o peche de centros, na sanidade contra a redución de servizos no vrau, e en diversas actividades da produción e dos servizos.

Non hai dúbida que estas mobilizacións e paros, nos que a CIG ten un papel sobranceiro, non son consecuencia dunha arroutada, senón produto de que, mentres crece a economía e aumentan os beneficios empresariais, non deixa de medrar a precarización e de se reduciren os salarios. O discurso da patronal e dos partidos da dereita, de que con sacrificios se ía a recuperar o emprego e mellorar os ingresos, demostrouse falso na práctica. Hoxe, na Galiza, prodúcese o mesmo que antes da crise co 10% menos de mau de obra, porén en condicións laborais máis precarias a todos os niveis. Estas en moitos casos son insoportábeis, ben pola extensión da xornada, ben pola intensidade do traballo. Por esta razón, mesmo en contra das ideas dominantes, estase abrindo paso na clase traballadora a necesidade de se organizar e mobilizar como único mecanismo efectivo pra conquistar unhas condicións laborais dignas, que ademais garantan as pensións actuais e no futuro.

Artigo publicado en La Región o 11 de xullo de 2017

Os comentarios están pechados.