Fai ben o BNG en levar ao Parlamento galego o debate sobre a cuestión nacional e o dereito de autodeterminación. É un paso positivo, mesmo que o PP se opoña e faga da caracterización de nacionalidade histórica unha sombra do pasado, parapetado na súa maioría absoluta. Todo levaba a pensar que esa definición abriría a porta a que ambos os termos (nación e nacionalidade histórica) se considerasen sinónimos unha vez consolidado o Estado das Autonomías, e que a España única do franquismo ficaría esmagada polo avance democrático. Non parece ser o caso.

A proposta do BNG terá seguramente o apoio de En Marea, que tamén reclama para Galiza a definición de nación e o dereito de autodeterminación. Aínda que hai matices arredor do tema entre as forzas nacionalistas (Anova, Cerna, etc.) e as de ámbito estatal (EU, Podemos), que conforman esta coaligazón. Estas diverxencias estouparían de se dar unha convocatoria unilateral e inmediata de referendo. Mais como non é agora o caso, nada fai pensar que non apoien a iniciativa.

Máis problemática será a situación para o PSdeG. Debería estar de acordo coa caracterización de Galiza como unha nación. Dado que así o recoñecía o propio Pedro Sánchez nunha entrevista hai uns días. Mais ao mesmo tempo, nega que disto se derive un dereito á soberanía. Votará en contra sumándose na práctica ás posturas do PP? Quédalle a posibilidade da abstención, que deixaría os socialistas fóra do debate, por máis escusas que dean. A única opción para manter a iniciativa, sería presentar unha moción propia para que se defina a Galiza como unha nación, tanto no Estatuto de Autonomía como na Constitución española. Atreveranse?

A proposta do BNG coloca no Parlamento Galego os debates estratéxicos, que son fundamentais para o pobo galego, xa que a proposta contempla tamén aspectos económicos, sociais, e democráticos. Agora ben, da súa lectura noto en falta, entre outros aspectos, a reclamación dun Marco Galego de Relacións Laborais, e que se faga unha mención específica á clase traballadora e a un reparto xusto do traballo e da riqueza. As clases sociais seguen vixentes, como amosa a actual conflitividade laboral.

Artigo publicado en Diario de Ferrol o 6 de xullo de 2017