Dende hai un par de anos, os medios informativos estatais manifestan preocupación pola evolución demográfica, xa que son menos os nacementos que as defuncións. Que este fenómeno se viñese dando na Galiza dende hai tres décadas non lles afectou no máis mínimo. Agora, cun déficit cativo, 409.099 mortes para 408.384 nacementos, acendéronse todas as luces vermellas no Estado. Evidentemente, o retroceso demográfico non é unha cuestión menor, pola repercusión que ten en todos os ámbitos. Máxime cando se mantén no tempo e representa unha porcentaxe significativa da povoación. Por exemplo, na Galiza no ano 2016, naceron 19.049 persoas e morreron 31.732. É unha diferenza impresionante. Unha auténtica traxedia para o país.

A cuestión demográfica é hoxe un problema en case todos os países europeos, producido por diversas causas. A máis importante delas é sen dúbida a sobre-explotación da clase traballadora. Un feito que se constata no medre do desemprego, da precariedade, da intensificación dos ritmos de traballo, e na caída dos salarios. E, malia a incorporación masiva da muller ao traballo asalariado, (algo necesario en xustiza), non existiu a contrapartida, como sería lóxico esperar, dunha diminución da xornada laboral e un aumento proporcional das prestacións públicas, en relación coa protección das persoas dependentes. Neste contexto, sen casa nen garantía dun ingreso económico estábel, quen pode formar parella e ter fillos e fillas? A globalización neoliberal, ou sexa a etapa senil do capitalismo, é a culpábel da baixa natalidade no continente europeo.

Claro que esta característica, propia do sistema capitalista, acentúase naqueles países e territorios do centro do sistema e nacións da súa periferia con menor peso económico ou que carecen de soberanía. Noutros ámbitos xeográficos, a dinámica ten os seus propios comportamentos neste tema, porque xogan un papel distinto nos deseños imperialistas. No ámbito galego, no que analizamos o recuar demográfico, mesmo cando existe inmigración, reflíctese unha perda de valor do territorio dentro das estruturas das que forma parte (Estado español, Unión Europea). Polo tanto, ademais do aumento da desigualdade social e da pobreza, mesmo xerando emprego en certas conxunturas, débese ter en consideración se a actividade produtiva é cada vez menor, comparada co entorno co que temos regras de xogo comúns. Esta mingua na proporción do PIB e do emprego, non ten porque ser produto do atraso tecnolóxico, como hai décadas, senón que é consecuencia do papel que se lle adxudica a cada país na cadea de valor da economía globalizada. Nestes casos, por distintas razóns, económicas e políticas, non se considera necesario desenvolver máis unha economía e crear emprego con maior valor engadido. Por iso, emigra parte da mocidade galega, agravando a taxa de natalidade. Tamén emigra o capital aquí producido. Esta suma, ademais da destrución do rural, causa unha demografía regresiva, malia que existan inmensas potencialidades, un clima excepcional, unha man de obra que se esforza, etc.. Isto non nos dá puntos extras. Así non funciona o capitalismo, nen sequera cando se conta con materias primas estratéxicas. A súa esencia é a concentración e centralización de poder económico e político (sen esquecer que a veces xogan a oportunidade histórica e as contradicións inter-imperialistas).

Evidentemente todas as medidas que se tomen no social e nacional para reverter unha evolución regresiva son positivas no aspecto demográfico. Por exemplo: reducindo a tarifa eléctrica, apoiando a investigación e a innovación tecnolóxica, achegando máis medios públicos para a formación e as infraestruturas, máis apoio á dependencia, etc. Porén, a esta altura do desenvolvemento do capitalismo, estas medidas xa non permiten reverter a tendencia dominante, como se pode comprobar no fracaso das experiencias reformistas en todo o mundo. As únicas experiencias que con estas propostas rachan coas regras de ferro dominantes dánse en países moi periféricos e que contan con governos de esquerda e unha forte mobilización social. Non semella que sexan aplicábeis como regra xeral e na nación galega. Para recuperar a demografía do noso país cómpre modificar as relacións laborais (contratos fixos, salarios mínimos dignos, ritmos de traballo humanos, redución da xornada laboral), unha fiscalidade progresista e progresiva, ampliar a cobertura por desemprego a todos os/as parados (a cambio de traballo social e formación), atender todas as situacións de dependencia mediante axudas e servizos sociais, aumentar o número de garderías e as achegas por fillo/a (trátase dun ben colectivo), ampliar os servizos públicos como a educación e a sanidade.

A esta altura non abonda con mellorar o sistema, aínda que poda ser un punto de partida. É urxente e fundamental ir moito máis alá. Cómpre nacionalizar o sistema financeiro, a enerxía e as telecomunicacións, os carrís de ferro e o transporte aéreo. Débese potenciar o cooperativismo, protexer a natureza, democratizar o sistema electoral, defender e potenciar a nosa identidade nacional (lingua, cultura, historia). Urxe camiñar cara unha economía autocentrada e sustentábel.

Cómpre que as forzas rupturistas teñan unha mensaxe no laboral e social, nacional e democrático que ilusione as clases populares, especialmente o movemento obreiro e a mocidade. Unha postura que en todo momento destaque un programa e unha folla de ruta para construír o Poder Popular, a través da mobilización, do debate das ideas, da exemplaridade na xestión do público, do atrevemento e do exemplo revolucionario. O protagonismo debe estar no povo mobilizado e organizado. Esta andaina é contraditoria coas propostas de transversalidade, xa que esta caracterización elude a loita de clases, que o interclasismo hipotecaba. Na ruptura só esta interesada a clase traballadora e outros segmentos populares. Tampouco se pode avanzar sen combater o proxecto neoliberal e globalizador (centralista) que representa a Unión Europea, a OTAN, o BCE, e outras institucións semellantes.

En resumo. Non hai cambios sen ruptura; e non hai ruptura sen confrontación e polo tanto sacrificios. As propostas e folla de ruta da socialdemocracia e do keynesianismo perderon eficacia coa caída do socialismo real, ao que parasitaban. Daquela que minguase rapidamente a súa eficacia e o seu peso electoral, tanto no centro do sistema como na periferia, nas grandes potencias ou nas nacións dependentes. Se cadra, na Galiza e noutras nacións, a socialdemocracia aínda pode serlle útil ao imperialismo para frear o nacionalismo como opción liberadora (de clase) ou para fragmentalo, impedindo o seu avance. Dar solución á cuestión demográfica implica responder a todos estes retos de clase e nacionais. Non hai solucións parciais, nen máxicas, nen intermedias.

Artigo publicado en sermos galiza o 27-30 de xuño de 2017