Antes e despois da moción de censura

Xuño 22nd, 2017  |  Published in| the_category neoliberalismo, política, soberania

Xa teño manifestado nalgún artigo que sobran motivos para realizar mocións de censura a moreas ao Goberno de dereitas de Mariano Rajoy. Non só por como está envolto na corrupción, senón ademais pola chea de políticas elitistas, que potencian a desigualdade, a explotación laboral, e restrinxen dereitos democráticos básicos. Polo tanto, Unido Podemos (UP) estaba máis que lexitimada para presentar a moción, mesmo que non contase cos votos necesarios para gañala. Agora ben, tal como se desenvolveu, todo indica que o obxectivo non pretendía tanto derrotar o PP como recuperar para o “partido” de Pablo Iglesias a centralidade nos medios de información, e disputarlle ao PSOE, e ao nacionalismo de esquerda, parte da súa base electoral.

Sen dúbida, o apoio de ERC e de Bildu axudoulle na súa escenificación, xa que restou forza ao argumento de que Unidos Podemos presentaba a moción cunha finalidade propagandística, como destacaron os demais partidos presentes na Cámara. Fixeron esta valoración baseándose no momento escollido, na presa na preparación, e na nula preocupación por tecer previamente pactos con outras forzas. En relación ao apoio de Bildu e máis ERC, fica un interrogante: estivo condicionado o apoio destes partidos nacionalistas a que no discurso se fixese unha mención expresa a un estado confederal? Así o parece confirmar, que Pablo Iglesias salientase na súa intervención este tema, especialmente en relación con Catalunya e Euskadi. Iso si, recoñeceu que se debería alargar o proceso a outras nacionalidades históricas como Galicia, Valencia e Andalucía, aínda que nestes casos, rebaixou a un segundo lugar a súa urxencia.

Neste tema, o líder de Podemos abriu a posibilidade de constituír unha confederación. Mais engadiu tamén a continuación a forma federal, co que a proposta fica nun terreo impreciso. Cal destas dúas formas proporá Podemos definitivamente? Dúas formas que son contraditorias en relación coa soberanía. Na confederación, esta reside nas nacións que a conforman. E na federación, é o Estado o suxeito de plena soberanía. Ou sexa, nesta última opción, para alén do recoñecemento das nacións existentes (a plurinacionalidade), a efectos prácticos as reformas serían formalismos. Non é polo tanto un cambio político transcendental, como se laia a dereita (PP+Ciudadanos) que o PSOE acepte a realidade dun estado plurinacional nun estado federal. Evidentemente, hai fraccións do PSOE que non aceptarían estes cambios aínda que se limitasen ás formas. Nun modelo federal, a única diferenza no contido en relación ao Estado das Autonomías, é que blindarían as competencias cedidas polo Estado a cada entidade nacional, e que só poderían ser modificadas cunha reforma constitucional e unha maioría cualificada. Partindo da base de que todas as nacionalidades históricas serían recoñecidas como nacións, xorde a pregunta: que pasaría coas autonomías que non o son? Terían unhas e outras as mesmas competencias? Por outra banda, non se pode ignorar que unha gran parte das competencias do Estado (e das autonomías) foi transferida con nocturnidade á Unión Europea. Isto implica serios límites nun estado federal, e fortes ataduras para cada nación na hora de poder realizar políticas propias.

O debate da moción de censura deixa ademais outras reflexións. Nomeadamente, que En Marea tivo un papel secundario. Non se debeu a unha mala actuación de Gómez-Reino, nen a que non abordase cuestións que preocupan ao povo galego, e que o nacionalismo reivindica. O problema foi que era evidente que a súa intervención estaba subordinada á proposta programática e á folla de ruta de Unidos Podemos. Esa é, na práctica, a diferenza cualitativa entre ter soberanía, ou só autonomía. Dirase que esta limitación obedece a que o nacionalismo, e outras forzas que din defender o dereito de autodeterminación na Galiza, non teñen o mesmo peso que o soberanismo catalán ou vasco, xa que estes son maioritarios nos seus respectivos países e governan alí. É verdade, negalo sería de necios. Mais tamén reflicte que se ningunha das forzas nacionalistas galegas estivese subordinada ás dinámicas estatais, Galiza tería un papel máis relevante no debate da moción, nas preocupacións do poder, e de todos os demais partidos con presenza no Parlamento español. Ir de socio menor ten consecuencias, non é un papel gratuíto, tanto no que suma como no que resta. Na historia do noso país, hai experiencias abondo como para tirar conclusións sobre os resultados a longo prazo.

Resulta evidente que o povo galego non existiu no debate parlamentar máis que anecdoticamente. Haberá quen diga que está afectado polos mesmos problemas que outros povos do Estado español: corrupción, desemprego, precariedade, desfeita ecolóxica, violencia de xénero, etc. Mais esta é unha visión simplista, xa que son problemáticas mundiais, que atinxen a todos e todas. Agora ben, hai diferencias impostas pola historia, xeografía, polo papel que cumpre cada territorio na cadea de valor. Por esa razón, malia a riqueza da nosa nación, os salarios e pensións son máis baixos, a emigración unha lacra, a fuxida de capitais unha sangría, e o recuar demográfico un indicador do grao de explotación e opresión. En termos económicos e sociais, a situación en todo o mundo é produto do capitalismo na súa etapa senil, da globalización neoliberal en beneficio da financiarizacion da economía. Porén, as diferenzas entre nacionalidades no Estado español non teñen só xustificación económica ou social, e na Galiza só se poden explicar pola conquista e por séculos de dependencia colonial. Daquela que as transferencias de beneficios aos centros de poder externos mantéñense en todas as circunstancias, e só devecen cando existe unha forte resposta popular. Unha subordinación que se constata no papel subalterno e na agresión contra a nosa cultura e lingua (hoxe con métodos máis sutís, e en mans da iniciativa privada), e mesmo en como se caracteriza o noso povo por parte do histórico centralismo español.

Aínda que Podemos faga esforzos na mensaxe, e En Marea soñe con outro escenario, pódese apreciar no discurso de Pablo Iglesias que a cuestión nacional non se analiza en función do dereito inalienábel dos povos a decidir. Podemos subordina a capacidade de decidir, a forma de estado, á fortaleza que ten cada suxeito colectivo, para rachar coa unidade imposta polo sub-imperialismo español. Ou sexa, que o poder segue prevalecendo sobre o dereito, sobre a xustiza. A cuestión está, segundo Iglesias, en que “o PP é unha maquina de facer independentistas”, esquecendo a imposición, a discriminación cultural e económica, que a maior parte das veces se manifesta camuflada como parte da “normalidade” e do “progreso”. No caso concreto de Galiza, está claro que En Marea fixo de comparsa de Unidos Podemos sen conseguir nada a cambio. Ou sexa, non houbo un recoñecemento da problemática nacional galega en pe de igualdade con Catalunya e Euskadi.

A posta en escena e o debate desta moción de censura permitiu reforzar na praxe o marco estatal da política institucional, o proxecto da UE, e o capitalismo como único sistema. Ninguén o cuestionou. O debate puxo en segundo plano a mobilización social e laboral. Tal como se amosa coas iniciativas e disputas posteriores, centradas todas elas nas leas internas dos partidos que participan neste xogo (PP, Ciudadanos, PSOE, Podemos). A mensaxe está máis focalizada no relato de quen ten máis coherencia, honradez, e coñecementos, que nas propostas sobre a construción dun governo alternativo. E todos recoñecen ser pouco doado formalo, dada a complicidade de Ciudadanos co PP. Aínda así, os partidos españois seguen primando esta vía, que alentan os medios controlados polas clases dominantes. Este enquistamento necesita da complicidade destes catro suxeitos políticos, por máis que Podemos se apropie de todas as grandes loitas sociais do pasado inmediato, ignorando aquelas forzas que estiveron na primeira liña destas protestas. Neste contexto, ademais de dar folgos á mobilización, sería posíbel, malia o bloqueo do PP, impulsar ou reformar leis en beneficio da clase traballadora e doutras camadas populares, para democratizar a economía e o poder político, e avanzar no recoñecemento do estado plurinacional. Estarán Podemos e o PSOE dispostos a dar está batalla nas institucións e na rúa?

Artigo publicado en galicia Hoxe o 22 de xuño de 2017

Os comentarios están pechados.