Caracterizar a nosa nación equivale a falar da xente, do modelo económico, do tipo de sociedade, da cultura, da historia, da lingua, da capacidade de decidir. Todos estes son aspectos interrelacionados. Polo tanto, non é algo indiferente, nen secundario, que o Banco Pastor fose absorbido no seu día polo Popular (con algunha condición, como manter o nome e oficinas). Tampouco o é agora que este último sexa regalado ao Santander, coa bendición do Banco Central Europeo, do Goberno do Estado e da Comisión Europea. Unha operación de “salvamento” que non ten un fin solidario, porque o que prima nas corporacións son os dividendos, inmediatos e futuros. Asemade, en moi poucas décadas, e coa entrada na UE, as grandes empresas con capital galego foron desaparecendo. Fíxose estrutural a crise demográfica e a perda de peso no PIB do Estado español. Non semella casual, senón consecuencia da suma de globalización e falta de soberanía.

Para alén das palabras tranquilizadoras do Banco Santander, afirmando que se manterán os nomes comerciais e o emprego, a tendencia no sector é a reducir persoal e oficinas. Polo que esta declaración parece conxuntural, coa intención de evitar a fuga de usuarios e capitais. Os plans reais coñecerémolos dentro duns meses, cando exista un proxecto para a entidade. E, repito, neste contexto todo fai pensar que se perderá emprego, e que se van pechar oficinas, especialmente no rural. Aínda que a presión social e política pode modificar obxectivos e prazos, en beneficio dos intereses do noso país. Que fará a Xunta de Galiza?

E, por último. O sucedido con Pastor-Popular, e antes con Pescanova, permítenos unha lectura máis xeral, que amosa ate que punto o sistema defende os intereses dos grupos máis concentrados do poder económico e político. A venda por un euro, facéndolle perder aos accionistas todo o capital investido (seica unhas 60 mil persoas na Galiza) amosa o trato desigual. Para os empregados que resulten afectados e accionistas non hai plan de salvación, nen achegas do Estado. Non sería así se a banca fose pública, se se perseguise a especulación, e funcionasen os controis sobre as empresas.

Artigo publicado en Diario de Ferrol o 15 de xuño de 2017