<> on September 30, 2013 in Manchester, England.

Cando se fala da dereita no Reino Unido sempre se fai referencia aos conservadores. Se cadra porque é un termo menos ideolóxico. Mais na práctica, asimílase a calquera dos partidos deste signo existentes en Europa. Agora ben, así como Tony Blair coa terceira vía meteu o laborismo a tope no neoliberalismo, todo indica que Theresa May vai propoñer algunhas concesións menores á clase traballadora, para lle disputar ao Partido Laborista a súa base obreira. Cuestión máis difícil é que unha vez no Goberno estas propostas se fagan realidade. Polo que hai que caracterizar estas promesas como populistas.

Esta táctica de May non é unha arroutada. Está relacionada cos bos resultados que lle deu a Donald Trump nas eleccións dos Estados Unidos. Ademais, neste proceso xoga con vantaxe, xa que Jeremy Corbyn está cuestionado pola cúpula institucional do seu partido. Daquela que o seu xiro á esquerda, propondo nacionalizacións, careza do atractivo que tería se contase cun forte respaldo interno. Estas contradicións nos laboristas dánlle vantaxes aos conservadores. Máxime cunha Unión Europea que optou por escenificar unha postura agresiva diante do Brexit, manifestando acotío que deben pagar cara esta decisión.

O seu programa electoral promete rebaixar o imposto de sociedades, reducir a presión fiscal en tramos do IRPF, e aumentar os recursos da sanidade pública. Ademais, pretendería limitar a entrada de inmigrantes de fóra da UE a 100.000 por ano, e facerlles pagar unhas taxas especiais pola atención sanitaria. Seica se adicarían estes ingresos a formar os traballadores/as británicos para axudar á súa inserción laboral. Dúas de cal e unha de área. As enquisas dan os conservadores como gañadores nas eleccións. Porén, as últimas propostas, que recortarían pensións e prestacións sociais, tiveron unha mala acollida e están reducindo as distancias cos laboristas. May afirma que se trata de facer un país máis competitivo, que aproveite a internacionalización da economía e dos fluxos financeiros. Non debuxa un proxecto para as maiorías. A dereita pretende xestionar un Brexit, que non puido frear, evitando cambios na correlación de forzas.

Artigo publicado en Diario de Ferrol o 1 de xuño de 2017