1977: os 25 días de folga de PLANOSA

Xuño 1st, 2017  |  Published in| the_category Historia, traballo

Planosa era unha empresa do sector químico, pertencente ao grupo Rumasa, que producía elementos plásticos para vehículos, desde volantes e salpicadeiros até mangueiras. Ficaba en Vigo, na rúa Bailén, na zona da Travesía de Vigo. O cadro de persoal da fábrica era de 120 persoas, cun número de homes algo superior ao de mulleres.

O 26 de maio de 1977, hai catro décadas, comezou unha folga indefinida despois de que a asemblea de traballadores/as, logo de moito debate, rexeitase o convenio pactado polo sindicato vertical e a dirección da empresa. Houbo 82 votos a favor da folga e 16 en contra. Valorouse que os xurados mantiveran unha postura débil, permitindo que a negociación se alongara até o prazo máximo, e pechando a posibilidade de que a patronal se abrise a novas demandas. Na xuntanza elixiuse tamén un Comité de Folga de 8 persoas, seis homes e dúas mulleres: Antonio Campelo, Angel Soto Araújo, Pilar Laranxeiro, Amalia Rodríguez, Manuel Graña Barciela, Manuel Crego, Francisco Pérez e o autor deste artigo. Cinco dos seus integrantes eran do Sindicato Obreiro Galego (SOG).

Había meses que o SOG viña afiliando e realizando xuntanzas cos operarios/as, e espallando panfletos dentro da fábrica (normalmente nos vestiarios), que causaban anoxo nos cargos do vertical, nalgún encargado, e en todos os xefes. A única saída para forzar unha nova negociación coa dirección era convocar un paro indefinido e elixir unha nova representación obreira, aproveitando o Real Decreto do 4 de marzo que eliminaba restricións ao dereito de folga. Ademais, o 1º de abril publicárase un RD sobre asociación sindical.

Entre as reivindicacións tiñamos: un aumento lineal de 5.000 pesetas para todas as categorías, 30 pesetas de plus de transporte, e que cesase a discriminación de xénero no plus de puntualidade que a empresa pagaba só aos homes, co falso argumento de estes realizaren un esforzo maior. Este último punto reivindicativo adiou a resolución do conflito, xa que a patronal, para diminuír custes, trataba de meter unha cuña de xénero entre o colectivo laboral.

O paro prolongouse durante 25 días, nos que houbo momentos nos que se abriu paso a desmoralización, xa que parecía que a patronal nunca se sentaría a negociar co Comité de Folga. Sobre este aspecto, dise no Eixo nº. 11: “mantivemos piquetes día e noite pra evitar que a patronal quitara moldes ou pezas; a pesares disto, en máis dunha oportunidade tivemos que denunciar a dirección da empresa que intentaba rachar a folga mediante traballo a domicilio”. Faise mención neste mesmo artigo a que: “nos últimos días, os traballadores recollemos unhas 350.000 pesetas, das que 60.000 foron repartidas entre os casos máis necesitados de Planosa, e o resto, a un fundo pra contribuír a todas as loitas dos traballadores de Galiza”. O diñeiro sobrante destinouse finalmente a apoiar a folga en Vidrios La Florida.

Foi fundamental para manter o paro e obter un bo resultado, a participación de todos/as nos piquetes, a solidariedade do resto de empresas para contar cunha caixa de resistencia, a utilización dos medios de comunicación, e a visita solidaria dos traballadores/as doutras empresas. Tamén se achegaron á fábrica outras centrais sindicais, non só a ofrecer solidariedade senón a ver se pescaban algo. Así se reflicte nun artigo publicado no Terra e Tempoi : “O SOG aclarou que a folga sería longa, e así aconteceu, foron 25 días de folga e de piquetes, 25 días de vixiar a empresa, e de visitas de CC.OO. pra axudar a guiar a folga ‘da inexperiencia do SOG’, 25 días de demora pra negociar coa patronal, en poucas palabras: 25 días discutindo política laboral…

O 20 de xuño, rematou o paro, días despois de que a patronal aceptase reunirse co Comité de Folga e dunhas longas e duras negociacións. Os resultados: aumento de 4.500 pesetas para todas as categorías; conversión dos contratados a fixos de ‘plantilla’; 30 pesetas diarias de plus de transporte; 1.500 pesetas de plus de puntualidade tanto para homes como para mulleres; 30 días de paga de beneficios; 30 días de vacacións; duración do convenio por un ano.

Ademais, a patronal recoñeceu como único interlocutor na empresa ao Comité de Folga, que deste xeito substituía os xurados e enlaces do sindicato vertical, un residuo da ditadura. Dese xeito, adiantouse na empresa, en máis de medio ano, a liberdade de elección de representantes do cadro de persoal. Nas primeiras eleccións sindicais democráticas de 1978, o SOG-ING conseguiu 8 dos 9 delegados/as. O número de afiliados/as na fábrica tamén era importante: noventa sobre un cadro de persoal de cento vinte persoas, converténdose nunha das primeiras empresas de Vigo que se afiliou masivamente á Intersindical Nacional Galega.

i Terra e Tempo nº 46, xullo de 1977, voceiro da UPG.

Artigo publicado en comprendermos 1-06-2017

Os comentarios están pechados.