O exemplo portugués

Maio 30th, 2017  |  Published in| the_category europa, globalizacion

Os nosos irmaus do sur son hoxe unha referencia pra os partidos de esquerda doutros países da Unión Europea, especialmente despois da evolución tan negativa de Syriza en Grecia. E con seguridade, alentará aínda máis esta impresión positiva que Bruxelas retire Portugal da lista negra de países con déficit excesivo, na que en troques mantén o Estado español. Mais o aspecto de maior importancia son os dados sobre a evolución das condicións laborais. A taxa de desemprego era de 10,1% no primeiro trimestre, fronte ao 12,7% no ano 2015. O salario medio no ano 2016 foi de 17.521 euros, un 1,39% máis que o ano anterior. Reverteuse a tendencia regresiva do anterior governo de dereita (CDS-PP). Téñase en consideración que na Galiza, a taxa de paro é do 17,4%, e os salarios aumentaron só o 0,2% no ano 2016.

Estes avances no plano da economía e das condicións laborais, non se deben en exclusiva nen fundamentalmente ao Partido Socialista. Esta forza política aplicou duras medidas de axuste no ámbito laboral e social durante a etapa de José Sócrates, co pretexto da crise. A viraxe actual está directamente relacionada coas condicións esixidas polo Partido Comunista Portugués e máis o Bloco de Esquerda, pra garantir a maioría parlamentar pra un Governo socialista. Ningún destes dous partidos entrou no Governo de Antonio Costa, pra non perder a liberdade de crítica en aspectos nos que teñen diverxencias, e manter deste xeito a presión social, dado as desconfianzas cara o PS. Querían asegurar o cumprimento dos pactos, e conquistar outros avances sobre os que non houbo acordo.

As maiores diferencias político-ideolóxicas cos socialistas dánse en relación ao PCP. Diverxencias de fondo, que teñen unha relación directa coa aposta que fan os comunistas por outro modelo de desenvolvemento e sociedade, como sinalaba Jerónimo de Sousa, o seu secretario xeral, no Avante, voceiro do partido: “A libertação do País da submissão ao euro é uma condição necessária – embora não suficiente – para «produzir mais e dever menos, para criar mais riqueza e distribuí-la melhor, para criar emprego e afirmar direitos, para melhorar os serviços públicos e dinamizar o crescimento e o desenvolvimento económicos»”.

Nesta mesma liña, tense expresado a maior central sindical do país a CGTP, estreitamente ligada ao PCP, historicamente, e que convoca pra o 3 de xuño un Día Nacional de Loita pra “revalorizar o traballo e os traballadores!” Entre os obxectivos destacan: aumento geral dos salários e do salário mínimo nacional; o direito de negociação e contratação colectiva (…); combate à precariedade, na Administração Pública e no sector privado, para que a cada posto de trabalho permanente corresponda um contrato de trabalho efectivo; combater a desregulação dos horários de trabalho (adaptabilidades, bancos de horas e horários concentrados) e generalizar as 35 horas semanais como duração normal do trabalho”; etc.

O que algúns consideran exemplo portugués é consecuencia dalgunhas medidas progresistas que está a tomar Antonio Costas. Porén, trátase dunha situación política dinámica onde a correlación de forzas depende de cada tema e do momento. Polo tanto, os avances e retrocesos están condicionados tanto pola presión do poder económico interno e externo como pola mobilización e outras accións reivindicativas das clases populares. Por está razón Jéronimo de Sousa insiste nos obxectivos estratéxicos, e a CGTP mobiliza en continuas campañas pra conquistar novas melloras laborais e sociais, e garantir os compromisos acordados nos pactos. Esta dinámica de empurrar e colocar no horizonte obxectivos claros, combinar mobilización e debate institucional, é a maior ensinanza que deixa hoxe en día a situación político-social en Portugal.

Artigo publicado en La Region o 30 de maio de 2017

Os comentarios están pechados.