O triunfo de Pedro Sánchez, enfrontando a oposición dos medios de comunicación hexemónicos e do aparello do partido, incluídos a maior parte dos baróns e as contraditorias “vellas glorias”, ten mérito. Será quen de superar a fenda interna e virar á esquerda como prometeu na súa campaña? Sen dúbida, é cedo para dar contestación a este interrogante a esta altura. Mais o certo é que, cando menos no discurso, terá que recoñecer o carácter plurinacional do Estado, amosar que quere rematar co Goberno da dereita, e poñer en primeiro plano cuestións como a precariedade laboral, o salario mínimo, e outros aspectos sociais e democráticos.

Agora ben, sería ilusorio esperar que a nova equipa do PSOE cuestione o euro, a OTAN, a Unión Europea, o capitalismo, ou que acepte un estado confederal. Isto non responde á lóxica das súas propostas, xa que hai décadas que non forma parte da praxe socialdemócrata, nen na súa versión máis progresista. Mesmo así, de se concretar, sería un xiro positivo. Aínda que sexa insuficiente, cun capitalismo globalizado e neoliberal, na súa etapa senil. Outro dos aspectos positivos dos resultados é que revaloriza o papel da militancia fronte a unhas cúpulas partidarias que reproducen os métodos empresariais no interno.

Malia que este resultado non é o que esperaban os medios hexemónicos, o poder económico, e a cúpula partidaria, tampouco se pode ignorar que forma parte dunha tendencia. Dánse situacións moi semellantes en todos os estados centrais do sistema e na súa periferia máis próxima. Por exemplo, con Corbyn no Partido Laborista británico, e no Partido Socialista Francés con Hamon. E como síntoma, aínda que non triunfase, con Sanders no Partido Demócrata dos Estados Unidos. Outras variantes témolas en Grecia e Italia. Son a demostración de que o problema é máis amplo, que non depende exclusivamente dos líderes. É consecuencia da falta dunha resposta axeitada ás reivindicacións da súa base histórica, nomeadamente da clase traballadora. Parte desta crise reflíctese na capacidade do populismo de dereita para atraer parcialmente esa base. Non lle chegará a Sánchez con acenos para gañar espazo político.

Artigo publicado en Diario de Ferrol o 25 de maio de 2017