Un 17 de Maio que remexa conciencias

Maio 17th, 2017  |  Published in| the_category cultura/lingua, nacionalismo, soberania

O vindeiro 17 de maio, Días das Letras Galegas, está adicado este ano ao escritor Carlos Casares, nado en Ourense. O seu primeiro libro é do ano 1967: Vento Ferido. Merqueino na Arxentina pouco despois ao representante de Galaxia, o irmandiño Manuel Pedreira. Ademais de aproveitar esta data pra lembrar este autor e a súa obra, ten un interese central e urxente poñer en primeiro plano, tanto a defensa da lingua galega, como levar adiante medidas que garantan o papel que lle corresponde como idioma propio do país. E neste aspecto, non abonda con que se ensine no sistema educativo, e se permita falalo con normalidade, despois de tanta historia de represión, mesmo nunha etapa non tan lonxincua coma a da ditadura franquista. Con isto non chega, despois de tantos séculos de represión. Un trato igualitario non suprime as desvantaxes e feridas acumuladas.

A actual non é unha situación de normalidade, xa que os grandes poderes económicos, a igrexa, e os medios de comunicación, usan o castelán practicamente en exclusiva, algo que non axuda a normalizar. Asemade, non son poucos os lugares, nos que os empregados e empregadas que atenden o público, cando utilizan o galego fano como pura heroicidade ou sacrificio, nuns casos pola imposición patronal do castelán e outras por prexuízos clasistas. Estes feitos forman parte da vida cotiá de todas as persoas que decote falamos en galego. Claro que hoxe non se multa ou insulta por falalo, mais aínda seguen presentes prexuízos negativos de todo tipo. Sen dúbida avanzouse, xa non son actitudes estendidas, mais tampouco son unha excepción. Perviven conceptos que evidencian contextos coloniais, de asimilación e subordinación, agora adobiadas coa escusa da mundialización, do pluriculturalismo e plurilingüismo. Ou sexa, como expresión da modernidade, a mesma que representaban no seu día os conquistadores en América, Asia, África, e en séculos anteriores no continente Europeo.

O que amosa a autonomía, é que non chega con ensinar unha lingua na escola e no instituto, se despois non ten un papel destacado na Universidade, porque dela saen os cadros pras empresas, institucións e os cargos políticos. Tampouco abonda con que existan uns poucos medios que a usen na información, se despois nos medios hexemónicos e na cultura de masas ten unha presenza residual. Mesmo é común que se traduzan ao castelán intervencións feitas en galego. Estes feitos non reflicten unha actitude respectuosa coa lingua do país. O lóxico sería que se expresase sen peneiras a preferencia lingüística. Isto non sucede, malia que se fala acotío de igualdade de trato. Na práctica non é máis que un slogan, como tantos outros.

Non penso que a solución sexa impoñer unha lingua, aínda que se fixo iso co español-castelán dende hai séculos. Do que se trata hoxe é de construír unhas regras de xogo que garantan a igualdade de condicións. E iso implica mudar o clima xeral imperante, de séculos de privilexios acumulados, de conceptos de clase preconcibidos, dun mundo rural destruído e infravalorado. Este contexto condiciona a liberdade de elección. O Día das Letras debería servir pra debater en relación con estes temas que conforman a identidade colectiva e individual, e sobre os que negan normas e preferencias porque xa impuxeron as súas.

Sería positivo que este Día das Letras, a praza de Quintana en Compostela sexa unha marea de xente a prol de manter viva mil anos máis a lingua galega. Unha data de todos e todas aqueles que a falan decote, ou fano cada vez que poden, ou que queren que así sexa. Unha data que serva pra lembrar os escritores, pintores, músicos,… e especialmente as clases populares que mantiveron vivo durante séculos un idioma que é o máis evidente signo de identidade do noso povo, mais non o único.

Artigo publicado en La Región o 16 de maio e Atlantico Diario o 17 de maio de 2017

Os comentarios están pechados.