Debates cataláns

Maio 14th, 2017  |  Published in| the_category europa, Internacional, nacionalismo, neoliberalismo, soberania

Todo indica que a confrontación política en Catalunya está hoxe determinada en gran medida pola postura do Estado español diante do proceso de independencia. Para alén das valoracións que se podan facer sobre o éxito ou o fracaso desta proposta do nacionalismo catalán, o debate está moi presente na sociedade. Trátase dunha problemática que non se pode obviar na axenda do Governo central. Evidentemente esta situación non é casual, nen consecuencia exclusiva da discusión teórica, senón que obedece a un cambio na correlación de forzas dentro das institucións catalás e a estar esgotada a vía autonómica. Foi unha resposta do povo catalán diante da postura autoritaria, por parte do Governo central e do españolismo no seu conxunto, en relación coa reforma do Estatuto aprobada no ano 2006 por ampla maioría en referendo.

Polo tanto, pódese afirmar que a realización dunha nova consulta marcaría un antes e un despois na situación política catalá, tanto a respecto da correlación de forzas dentro do nacionalismo, como sobre a postura que encol da soberanía tomen os partidos da esquerda non nacionalista. E este último aspecto é transcendental na conquista da soberanía, porque en función de como se defina esa base electoral, ou parte dela, será o resultado do referendo de autodeterminación. Non é un aspecto secundario para o futuro do povo catalán. Daquela que o debate que existe dentro da esquerda non nacionalista, ou sexa entre Un País en Comú e Podem Catalunya, teña moito interese para o futuro desta nación. Tamén para Galiza e Euskadi, polo que é unha das tarefas dos movementos de liberación nacional e social, tanto no debate sobre a praxe, como en relación á política de alianzas.

Vexamos. Albano Dante Fachín, secretario xeral de Podem Catalunya, nun artigo editado no dixital Públicoi, dá argumentos de porque non se sumaron ao novo partido Un País en Comú, constituído por ICV, EUiA, e BeC (de Ada Colau e Xavier Domènech). Destaca que a principal diferenza está en que a unidade dáse por arriba, con acordos previos na cúpula que distribúe cargos, catro por organización, que logo serían referendados pola base sen opción a modificacións. Tamén critica que non se definan claramente as estruturas da nova organización, o que constitúe un atranco para a participación. Sen dúbida son cuestións de peso no aspecto democrático, no papel da afiliación. Mais non se pode obviar que poden agochar a pretensión de que cada forza teña o peso que lle corresponde pola súa incidencia e afiliación, e que Podem considere que estaría subrepresentado con este acordo. Mesmo así, sería unha postura lexítima, sempre que se expresase abertamente, sen subterfuxios.

O aspecto de maior interese do artigo de Albano Dante son as interrogantes que coloca en relación coa liña de Un País en Comú. Por exemplo, con respecto ao referendo unilateral, ou se as institucións da Troika son lexitimas e democráticas. E engade: “pecharemos con malas artes este debate baixo o pretexto de que cuestionar a lexitimidade do BCE, de Draghi e Goldman Sach e do sistema monetario sobre o que governa, é estar no bando de Le Pen?”. Asemade, pregúntase que relación se tería coa CUP, xa que “malia as diferenzas temos moitas cousas en común”. E en relación con ERC, aprecia que ten entre os seus militantes e votantes xente cunha conciencia progresista. En fin, é un artigo interesante, no que coloca en primeiro plano as contradicións da nova forza política catalá constituída arredor de Ada Colau e Xavier Doménech, nun proceso moi semellante ao da Marea Galega, coa que ten moitos puntos en común.

Agora ben, o que chama a atención é que o secretario xeral de Podem Catalunya non faga ningunha proposta concreta diante das contradicións que albisca en Un País en Comú, tanto en relación ao referendo catalá, como fronte a unha posíbel resposta represiva dos poderes centrais (executivo, xudicatura, policía, exército, etc.). Tampouco expón con claridade unha alternativa diante dunha Unión Europea neoliberal, que maximiza a explotación e o papel imperialista das potencias que a integran. Lembremos que Pablo Bustinduy Amador, na secretaría de internacional de Podemos, nun artigo que viu a luz no dixital Público o 3 de setembro de 2015 afirmaba:É radicalmente falsa, e tramposa, a oposición de austeridade no euro fronte a soberanía fóra del. É infantil e perigoso imaxinar que hai maiores posibilidades de redistribución social, maiores marxes de progreso e xustiza social fóra da estrutura socioeconómica máis desenvolvida dun momento histórico que dentro dela” (ver artigo en SermosGalizaii). Todo indica que as eivas son comúns a ambas forzas políticas, coas que Pablo Iglesias mantén excelentes relacións. Non será que as dúas son funcionais á construción dunha alternativa de Governo ao PP a nivel do Estado, e polo tanto servís á cúpula de Podemos?

Como se resolvan estes debates na esquerda non nacionalista, non dependerá tanto do referendo en Catalunya, xa que o resultado non será recoñecido polo Estado español, como de cal será a folla de ruta do nacionalismo catalán a respecto do “procés”. Ademais pode ser utilizado politicamente polas forzas non nacionalistas se é adverso ou non conta cunha participación maioritaria. Neste aspecto, e na construción do imaxinario colectivo, para dentro do país e para o exterior, a mobilización do povo é esencial. Tampouco será recoñecido o resultado pola Unión Europea, xa que a situación “legal” e o proceso non son semellantes a Escocia. E, o fundamental para Bruxelas, neste último caso existe un interese político-económico das elites europeas despois do Brexit.

Polo tanto, neste contexto a cuestión é se o nacionalismo catalán está disposto a realizar o referendo confrontando coas decisións represivas do Governo central e do Poder Xudicial, e coa exclusión da UE. Se optase definitivamente por esta vía, seralle moi difícil a Un País en Comú e Podemos Catalunya optar pola terceira vía. Se o fixesen, na práctica estarían apoiando o bloque sistémico de PP+Ciudadanos+PSOE. Por esta razón, todo indica que todas as forzas non nacionalistas desexan que o referendo non se realice. Xa que nun caso, non quedarían claramente retratados coa utilización da represión. E no outro, evitaría colocalos diante dunha contradición fundamental, como é negar nos feitos a capacidade democrática de decidir. Esperan que un sector de Demócratas de Cataluña se bote atrás, ou como máximo, que o proceso termine nunha repetición do acontecido no referendo anterior, e remate desgastando o nacionalismo.

O “procés” débese aclarar nos vindeiros meses. Non se poden supeditar indefinidamente as diferencias de modelo socio-económico e as contradicións sociais máis urxentes, existentes entre as forzas nacionalistas, ao obxectivo estratéxico da independencia, se o proceso non avanza. Sobre esta hipótese traballan Podemos e Un País en Comú, mais tamén as forzas sistémicas. A conxuntura e a disxuntiva para os partidos nacionalistas é histórica. Terán o atrevemento dos bolxeviques, da revolución cubana, da insurrección de Pascua de 1916 en Irlanda? Se realizan o referendo pode ser intervida a autonomía (e os concellos?), detidos e impedidos de se presentar a cargos públicos no futuro, ilegalizados os partidos convocantes. Abriríase unha nova etapa de loitas populares, de mobilización (tamén cómpre que se ocupen as rúas, prazas e edificios públicos). Mais estarían apartados das institucións e da xestión dun anaco do poder sistémico. Asumirá este custe todo o nacionalismo catalán? Son dos que desexo que o fagan. Sería positivo non só para Catalunya, senón tamén para o conxunto dos povos da Unión Europea, tanto no aspecto democrático popular, cuestionando a este nivel a globalización, como en relación aos dereitos das nacións dependentes, coloniais, semicoloniais e neocoloniais. Se non o fixesen, a nova socialdemocracia, esa que non cuestiona o capitalismo e o imperialismo, que o quere mellorar máis unha vez, terá unha excusa máis para ofrecer cambios cosméticos da man de salvadores supremos, de tribunos, que falan moito de poder popular (vía internet) e todo o deciden nas cúpulas.

Artigo publicado en Sermos Galiza 09-12 de maio de 2017

ihttp://blogs.publico.es/dominiopublico/19732/reflexiones-urgentisimas-sobre-els-comuns-podem-y-la-unidad-de-la-gente/

iihttp://www.sermosgaliza.gal/opinion/manuel-mera/podemos-retratase-no-marco-da-europa-do-capital/20150908001247040523.html

Os comentarios están pechados.