Rexurde a loita obreira no Brasil

Maio 13th, 2017  |  Published in| the_category américa latina, globalizacion, neoliberalismo

A atención internacional está centrada neste intre nas eleccións francesas, no conflito de Trump con Corea do Norte, na negociación do Brexit a cara de can, e na situación de Venezuela. Daquela que a folga xeral no Brasil ficase nun segundo plano. Porén, é un feito que terá repercusións internas e tamén na rexión, tendo en consideración que é a maior potencia de América Latina. Polo tanto, todo parece indicar un cambio de tendencia na actitude da clase traballadora. Máxime se temos en consideración o éxito da folga do día 6 de abril na Arxentina. En ambos os casos, son protestas masivas que cuestionan executivos claramente neoliberais e submisos a Washington. Dous países que, ate hai pouco tiñan gobernos progresistas que foron substituídos, en Arxentina mediante procesos electorais moi tensos, ou por un golpe parlamentar con apoio xudicial no Brasil.

No caso concreto da folga xeral do pasado 28 de abril, foi a primeira nas últimas dúas décadas. As centrais sindicais dan unha cifra de seguimento de 40 millóns de persoas, e todos os analistas recoñecen que tivo unha incidencia moi grande. Con esta protesta a clase traballadora brasileira rexeitaba a pretensión de individualizar as relacións laborais, aumentar a xornada máxima a 12 horas, fraccionar ate en tres partes as vacacións, eliminar as indemnizacións nos contratos temporais, etc. No relativo ás pensións, auméntase a idade ate os 65 anos. Téñase en conta que a media de vida no Brasil é de 75 anos, fronte aos 82 no Estado español.

Estes temas tamén son de debate e conflito no centro do sistema e a súa periferia máis achegada (por exemplo Galiza). En todo o mundo o capital está a reducir salarios e prestacións públicas, para aumentar os beneficios. O medre do PIB non é garantía de melloras. Amósase con forza a loita de clases que o poder quere presentar como cousa do pasado. Daquela que, cando se pretende dar por derrotadas as alternativas soberanistas e clasistas, unha e outra vez retorna, especialmente na periferia do sistema, porque as contradicións seguen vivas. O reto está en exercer a autocrítica, en aprender dos erros e valorar os acertos.

Artigo publicado en Diario de Ferrol o 11 de maio de 2017

Os comentarios están pechados.