Acertos e eivas da moción de censura

Maio 9th, 2017  |  Published in| the_category neoliberalismo, política, sociedade

A presentación dunha moción de censura por parte de Unidos Podemos (UP), pra alén de se converter no centro do debate político, non foi quen de conseguir apoios nos partidos da oposición. Estes ven na proposta de Podemos o obxectivo de conseguir protagonismo, supeditándoa a un acordo previo con outras forzas que garantisen o éxito da moción contra o Governo. Claro que, como se está a comprobar, un acordo deste tipo non é doado. Polo que a eficacia da proposta, e polo tanto o seu éxito, estaría en retratar a cada partido diante das/dos votantes, e ao mesmo tempo desgastar o PP e aparecer como a única alternativa contra a corrupción política.

Tanto Ciudadanos como o PSOE rexeitaron a moción, garantindo así a continuidade do PP no Governo. O partido de Albert Rivera, co argumento de que os seus acordos con Rajoy garanten un control da corrupción e políticas máis sociais. Ignoran (?) que acotío se descobren casos de corrupción nos que cargos do PP son imputados, e que a desigualdade e a precariedade non paran de medrar. Pola súa banda, o PSOE emprega como escusa, que non se pode confiar en Pablo Iglesias, e que este xa tivo oportunidade de evitar a presidencia de Rajoy votando por Pedro Sánchez. Esquecen que cada intre ten a súa dinámica, e que será a sociedade a que xulgue o comportamento ético de partidos e dirixentes. De ser esta a postura que van manter no futuro, será imposíbel que a medio prazo se poda construír unha alternativa ao Partido Popular. Por razóns diversas, estes dous partidos prefiren un governo do PP que unha viraxe á esquerda, aínda que sexa mínima. Isto reflicte que as dependencias que ten o PSOE respecto dos grupos dominantes non son circunstanciais, e que Ciudadanos non é máis ca un caxato do PP.

Sería positivo que esta moción fose apoiada pola oposición, e que houbese xuntanzas pra debater un programa progresista. Non é así. Mais o fundamental son as eivas na súa xustificación. Ren di UP sobre o feito de que a causa principal pra corrupción é o axer das empresas privadas que procuran lucros fáciles e axudas públicas fraudulentas, mediante o suborno con cartos ou prebendas, no momento ou usando as portas xiratorias no futuro. Daquela que a privatización da xestión de servizos, a adxudicación de obras e eventos, e a privatización de empresas públicas, sexan os principais niños de corrupción. Tampouco di ren das poucas condenas aos empresarios/as, e que os casos anecdóticos dos/as que entran na cadea débense esencialmente a que os afectados/as polo delito foron grandes corporacións. Hai unha dobre vara de medir na aplicación da xustiza. A xestión pública destes servizos contribuiría positivamente, e ademais serían máis baratos. Tamén a nacionalización de sectores estratéxicos, como a banca, enerxía e telecomunicacións.

Asemade, Unidos Podemos non fixo fincapé sobre outras cuestións que son fundamentais neste contexto. Por exemplo, o aumento da desigualdade entre territorios e clases sociais, con consecuencias sobre aspectos tan básicos como a demografía e a emigración (por exemplo na Galiza), ou o desemprego, os baixos salarios, e a pobreza. Tampouco fixo mención a que as políticas neoliberais, ao servizo da concentración e centralización da riqueza e do poder, teñen sustento na Unión Europea, no euro, na OTAN, no FMI, nos tratados de libre comercio, etc. E a que están ligadas co medre da explotación laboral, da economía delituosa, da corrupción, e da violencia en todas as súas formas. Polo tanto, non se trata de substituír un partido por outro pra xestionar mellor un sistema que destrúe as persoas e a natureza. Urxen medidas contra a corrupción asociadas a iniciativas rupturistas que constrúan democracia popular, xustiza social, e garantan a soberanía pras nacionalidades históricas.

Artigo publicado en La Región o 9 de maio de 2017

Os comentarios están pechados.