A presentación por parte de Unidos-Podemos dunha moción de censura contra o Governo central puxo nerviosos a todos os partidos sistémicos, a comezar polo PP. Este, a través dos medios de comunicación que controla, quixo desviar os tiros sabendo que será un trago amargo para Rajoy. Quere evitar que se deteriore aínda máis a imaxe dos “populares” diante da sociedade, mesmo que non saia adiante a censura. Por esta razón, os moitos opinadores da súa órbita e dirixentes do partido saíron en tropel e están a utilizar como argumento que se trata dunha “OPA” hostil contra o PSOE e Ciudadanos, dando a entender que o PP é unha vítima colateral e circunstancial. Como base para esta hipótese, axúdalles que tanto o PSOE como Ciudadanos desbotaron axiña unha moción de censura, que ademais cualifican como unha teatralización de Pablo Iglesias que ten como única finalidade gañar protagonismo nos medios. Para eles sería abondo cunha comparecencia de Rajoy en comisión parlamentar con esta finalidade.

Hai razóns suficientes para rematar co Governo da dereita, e polo tanto para levar adiante unha moción de censura que permita destituílo. As revelacións cotiás de corrupción que envolven a cargos públicos do PP, a caixa B do propio partido, e a proximidade dos feitos e dos/as implicados co Presidente e outros membros do Governo central, son motivos abondo para que este dimita. Algo que non está disposto a facer. Polo que a moción de censura aparece como a única vía para un cambio necesario e urxente. Non procuralo implicaría colaboración.

As escusas de Ciudadanos e o PSOE para non apoiar a moción son moi pobres, e reflicten a súa complicidade co PP e coas clases dominantes. Daquela que se lles note a intranquilidade na voz cando respostan aos e ás xornalistas. A afirmación de Ciudadanos de que o efectivo é o que propoñen eles, ou sexa, maiores mecanismos de vixilancia, eliminación dos aforamentos, e a dimisión dos imputados, non dá unha resposta ao problema de fundo: que o PP está estreitamente asociado cos casos de corrupción, e que estes van a máis. A contestación do PSOE é aínda máis pobre. Utilizar a escusa da falta de confianza en Unidos-Podemos é un argumento subxectivo, que ademais se pode solucionar mediante acordos con luz e taquígrafos. Todo fai pensar que prefiren adiar as responsabilidades de governo, máxime se significa unha viraxe á esquerda, aínda que sexa pequena (amosando así as súas complicidades cos grupos económicos dominantes). E á vez queren evitar unhas eleccións anticipadas, que os collerían nunha difícil situación interna, cun debate moi polarizado, debido ao apoio da investidura de Rajoy e dos orzamentos. Por outra banda, rexeitando unha alianza con Podemos sería moi difícil construír hoxe ou nun futuro próximo unha alternativa ao PP, xa que non chegaría con sumar os votos do PSOE e Ciudadanos. Ademais implicaría un maior xiro á dereita do PSOE.

Asemade, a esta altura non abonda con desprazar o PP do Governo central, nen coas medidas de transparencia relacionadas coa actividade política e os ingresos dos cargos públicos. A corrupción, ademais da pata institucional, sostense e está alentada por directivos que a utilizan para aumentar ingresos utilizando calquera medio. Non é casual que a maior parte dos casos de corrupción estea relacionada coas empresas privadas que xestionan prestacións públicas, coa realización de obras públicas ou eventos institucionais e, en menor medida, co fornecemento de todo tipo de maquinaria e insumos. Mesmo resulta sospeitoso que nesta asociación delituosa, a parte empresarial teña condenas tan indulxentes, e que os poucos casos nos que os directivos/as terminaron en prisión, sexan por fraudes que afectaron a outros empresarios. Semella que existe unha dobre vara de medir. Estase a executar unha xustiza para unha nova nobreza, a do diñeiro, distinta daquela que se aplica ás clases subordinadas.

En fin, é necesario rematar coa privatización da xestión dos servizos públicos, xa que ademais de aumentar o seu custe, dá folgos á corrupción. Cómpre nacionalizar no inmediato sectores esenciais como a banca, a enerxía e as telecomunicacións, e alentar o cooperativismo. É necesario reducir a xornada laboral, aumentar a contía do salario e a pensión mínimas, e que as horas extras e a temporalidade nos contratos sexan excepcionais. Hai que rematar coa fraude dos contratos en formación e dos/as falsos autónomos, e garantir que todo/a desempregado teña achegas económicas indefinidas a cambio de traballo social e formación, etc. Hai que camiñar a medio prazo a un reparto xusto e solidario do traballo e da riqueza. A moción de censura debería estar unida en esixencia a levar adiante estas e outras medidas, e a un debate en profundidade sobre o sistema económico-social en vigor. Un sistema que sacraliza a desigualdade social, nega os dereitos nacionais das nacións periféricas no Estado, e converte a democracia en refén do poder económico e do centralismo español. Un sistema que dá azos á fraude, especulación, á economía delituosa e á violencia en todas as súas formas. O capitalismo está na súa etapa senil. Non se trata só de substituír uns/unhas dirixentes corruptos, e partidos ligados a estas prácticas, por outros que sirvan con maior eficacia e celo un sistema inxusto e insolidario, onde se rouba, especula e explota legalmente (e con axudas públicas) en beneficio da fracción máis concentrada do capital.

Sería un erro moi grave desaproveitar este contexto, no que o imperialismo e o subimperialismo amosan toda a súa barbarie e as súas contradicións, para non avanzar na construción dun proxecto alternativo de sociedade. Ou como mínimo, conseguir que medre a conciencia política e aumente a organización das clases populares, en mobilizacións e en conquistas básicas no ámbito laboral, social, democrático e da soberanía. Porén, nada indica que Unidos-Podemos pretenda dar este debate e percorrer este camiño. Ren dixo e fixo sobre estas cuestións ate agora, para alén de propostas que pretenden evitar as situacións máis graves: desafiuzamentos, pobreza extrema, marxinación. Só ofrece como remedio unha “tirita”, solucións máxicas como a renda básica universal, e propostas ambiguas sobre o dereito a decidir. Polo tanto, semella que esta moción quedará tamén a medio camiño na argumentación, nas propostas, na mobilización social que daría protagonismo á clase traballadora e outras camadas populares. Todo leva a pensar que ficará nunha escenificación de pureza ética e en gañar corpo electoral, sen entrar nos aspectos estratéxicos, que son os que marcan as diferenzas políticas fundamentais, e os que aportarían solucións xustas, solidarias, eficaces e duradeiras.

Artigo publicado en Sermos Galiza o 2-6 de maio de 2017