A oposición ao pacto social deu pulo ao sindicalismo nacionalista

Maio 4th, 2017  |  Published in| the_category Historia, país

As folgas de Ferrol en marzo, e de Vigo en setembro do 72, a ruptura nesta última de Organización Obreira con Comisións Obreiras, por mor do “Pacto pola Liberdade”, o sentimento de país nunha boa parte do movemento obreiro, e o éxito da creación de Estudantes Revolucionarios Galegos, animaron a dar vida na primavera de 1973 á Fronte Obreira da Unión do Povo Galego, e posteriormente, aos xermolos sindicais. En 1974, fundábase a Unión de Traballadores do Ensino de Galiza, e en maio de 1975, o Sindicato Obreiro Galego.

A rapidez coa que se desenvolveron estes e outros sindicatos nacionalistas durante a ditadura e a transición débese a que uniron axeitadamente a cuestión de clase e a nacional, no chamado movemento nacional-popular galego. Tamén por propor unha ruptura coa ditadura (as Bases Constitucionais da Nación Galega) fronte aqueles que asumían a reforma do réxime como saída. Estes últimos, entre os que estaba o PCE, aceptaron o marco do capitalismo, a monarquía, e negaron a capacidade a decidir das nacións oprimidas (Galiza, Euskadi, Catalunya, …), que ficou reducida a unha descentralización administrativa e un recoñecemento formal como nacionalidades históricas.

Este acordo entre os herdeiros “dialogantes” do franquismo e a oposición reformista concretaríase no Pacto da Moncloa (novembro 1977) e na aprobación da Constitución Española mediante referendo (decembro 1978). Este acordo sería modificado en beneficio dun modelo aínda máis centralista despois do golpe militar do 23 de febreiro de 1981, mediante unha Lei Orgánica de Armonización do Proceso Autonómico, de xullo de 1982. Nesta altura, o sindicalismo nacionalista xa creara unha central unindo os sindicatos de sector. O debate interno comezou a finais de 1976, cando o pluralismo sindical xa estaba imposto, e o primeiro congreso realizouse en outubro de 1977, referendando o proxecto da Intersindical Nacional Galega.

Malia a oposición dalgúns sectores, que racharon a unidade, tanto por ultra-esquerdismo como pola dereita, este paso organizativo consolidou o sindicalismo nacionalista. Inicialmente, no ano 1976, e especialmente no 1977 e 1978, e en menor medida 1979, a mobilización laboral alargouse das grandes empresas aos convenios provinciais. Este auxe das loitas obreiras que estaba a mudar a correlación de forzas a prol do mundo do traballo, e de organizacións como a ING que se puxeran á cabeza da mobilización, tronzouse mediante o Pacto da Moncloa, que dividiu o movemento obreiro e o puxo á defensiva. Este pacto social, foi asinado pola UCD, PCE, PSOE e AP, coa escusa da crise e a ameaza de golpe militar, e implicaba un aumento salarial moi inferior á perda de poder adquisitivo pola inflación. A aceptación do pacto por parte de CC.OO. e UGT levou a confrontación ás empresas e sectores, beneficiando á patronal.

A postura correcta e a capacidade de iniciativa da ING reflectíronse nas xornadas de loita contra o Pacto da Moncloa, que combinaban paros e mobilizacións, e que tiveron moita repercusión entre a clase traballadora e tamén nos medios. Daquela que nas primeiras eleccións sindicais en liberdade, en 1978, o nacionalismo superou o 10% de delegados e delegadas. E en 1980, acadaría o 17,53% xa como INTG (ING+CTG). Este éxito indica o forte apoio social e unha militancia entregada, tendo en conta a falta de apoios exteriores, dos que si se beneficiaban a UGT e CC.OO. (e mesmo a USO), e malia carecer dunha traxectoria e peso nas grandes empresas comparábel á de CC.OO. A oposición do sindicalismo nacionalista aos posteriores pactos sociais (AMI, ANE, AI, AES, etc) certificou a súa identidade antisistémica, a súa firmeza de clase.

Artigo publicado en Sermos Galiza a fondo o 4 de maio de 2017

Os comentarios están pechados.